BNG e PSdeG advirten de que o "cambio de caras" na xerencia do Sergas non solucionará o "colapso" sanitario

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, co ata agora xerente do Sergas, José Flores, na sede da Consellería o pasado 5 de xullo CC-BY-SA Xoán Crespo / Xunta

A Consellería de Sanidade anunciou este 4 de agosto a remuda na xerencia do Servizo Galego de Saúde. José Flores, que exercía o posto dende setembro de 2020, cando Alberto Núñez Feijóo cambiou a Jesús Vázquez Almuíña por Julio García Comesaña como conselleiro, cesa no cargo para pasar a ocupar a xerencia da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés. No seu lugar pasa ocupar este posto clave Estrella López-Pardo, ata agora directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

O anuncio da recolocación de cargos foi realizado polo propio García Comesaña en Pontevedra ante quen exercen as xefaturas de servizo e postos de supervisión da área, así como ante a xunta de persoal. O conselleiro estivo acompañado por Flores e por quen ata agora era xerente, José Ramón Gómez, quen asegura que desenvolveu un "extraordinario labor" na última media década.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunica a remuda na xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, este 4 de agosto de 2022 en Pontevedra CC-BY-SA Xunta

O ata agora responsable do Sergas asume o posto do xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, quen segundo Alfonso Rueda marcha por decisión persoal 

Sanidade non especificou as causas da remuda, aprobada este mesmo xoves no Consello da Xunta. Ao seu remate o presidente, Alfonso Rueda, asegurou que o cesamento do xerente de Pontevedra se debe a unha decisión persoal, unha "petición de remuda" que "entende". Mantén tamén o xefe do Executivo que Flores realizou un "moi bo labor" como titular da xerencia do Sergas. Mentres, nas filas da oposición tanto o BNG coma o PSdeG atribúen os cambios á situación de "colapso" en varios puntos do sistema sanitario e en particular na área de Pontevedra-O Salnés. Pero isto, advirten, non vai variar só cun "cambio de caras".

A xuízo de Manuel Lourenzo, vicevoceiro parlamentario do BNG, tanto esta substitución como a "sucesión de dimisións" en varios centros directivos do sistema sanitario "poñen de manifesto unha realidade de deterioración" da sanidade pública que ten xustamente na área de Pontevedra-O Salnés "un dos seus epicentros" en áreas como a Atención Primaria, que "requiren máis investimento". Por iso, defende, o Bloque vén reclamando un "plan de choque" dotado con 200 millóns.

Manuel Lourenzo e Julio Torrado, vicevoceiros do BNG e do PSdeG no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

Como pano de fondo, coida Lourenzo, está que "o Goberno do PP deu carta de normalidade á precariedade laboral dentro do sistema público de saúde" ata "converter o Sergas na maior empresa de traballo temporal do país". Esta precariedade "vai en detrimento da calidade do servizo, provoca a fuxida de profesionais" e isto, considera, tampouco se vai solucionar movendo pezas do organigrama.

Por parte do PSdeG o seu vicevoceiro parlamentario e portavoz en materia sanitaria, Julio Torrado, tamén ve acreditado co "carrusel de cambios" que a Xunta "recoñece o problema que xerou" no Sergas, se ben o "rebaixamento de funcións" do ata agora xerente do Sergas non é dabondo para emendar os problemas xerais e tampouco a "situación caótica" da área de Pontevedra-O Salnés. Porque esa, coida, é a causa da "defenestración" do ata agora xerente.

"Os cambios precipitados para esconder realidades son o que menos precisa unha sanidade colapsada con alto risco para os usuarios por falta de medios e persoal", cre Torrado. Ao cabo, conclúe, o que cómpre é "mudar as políticas, mudar o modelo do PP" con "máis recursos para contratación de persoal e estabilidade do mesmo, acabar cos contratos por días e mesmo por horas". Esa, resalta, é a "receita para que os profesionais mozos non marchen".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.