Empresariado, sindicatos, universidades e asociacións representadas no Consello Económico e Social alertan do retroceso de Galicia en competitividade e converxencia co resto do Estado e da UE
“Os últimos orzamentos afondan no deterioro dos recursos da atención primaria”, con “importantes carencias detectadas nos últimos anos” que deben reverterse dotándoa de recursos “tanto de persoal como materiais, suficientes”. Esa crítica contra a xestión que a Xunta está a realizar da atención primaria vén de ser apoiada pola patronal galega representada no Consello Económico e Social (CES) de Galicia, órgano consultivo da Xunta. Así se reflicte na Memoria socioeconómica de Galicia 2021 que hai dez días, o pasado 22 de xullo, aprobou “por unanimidade” o pleno do CES, no que a patronal ocupa 12 das 36 vogalías.
O documento de balance de 2021, entregado este mércores no Parlamento polo presidente do CES, o ex-conselleiro Agustín Hernández, tamén alerta do retroceso de Galicia en competitividade e en converxencia co resto de España e da UE.
No CES, ademais da patronal, representada en 12 vogalías, están presentes os sindicatos, con outras 12 vogalías, e un terceiro grupo de entidades como as universidades, organizacións agrarias e pesqueiras ou consumidores, con outras 12 vogalías. Todas elas aprobaron por unanimidade a Memoria socioeconómica de Galicia 2021 na que se fai unha descrición crítica da situación do país en diversos eidos e na que a sanidade, en especial a atención primaria, recibe un espazo significativo.
O CES considera por unanimidade "inadmisibles" os prazos nos procesos de prestacións de dependencia
Tras lamentar que os orzamentos da Xunta “afondan no deterioro dos recursos da atención primaria”, o CES demándalle ao Goberno galego “que a dote de recursos suficientes para atender adecuadamente á poboación, especialmente nas zonas rurais, onde o envellecemento da poboación e a distancia dificultan a asistencia a centros hospitalarios”. Pero tamén para esa atención máis especializada hai críticas, ao dicir a Memoria que “as cifras das listas de espera seguen a amosar un problema estrutural aínda por resolver”, ante o que o CES “insta aos poderes públicos a tomar as medidas necesarias que contribúan a reverter esta tendencia”.
Sobre a cuestión sanitaria, o informe do CES sinala que mentres a atención hospitalaria rexistrou nos orzamentos da Xunta entre 2008 e 2022 unha medra do 45% (922,6 millóns de euros máis), a atención primaria tan só aumentou nese período un 0,9% (12,5 millóns de euros).
En materia social o CES tamén critica como “inadmisibles” os prazos nos procesos de solicitude de prestacións de dependencia e reclama aos poderes públicos “as medidas necesarias para non deixar sen cobertura ás persoas en situación de dependencia”.
En materia económica, o documento alerta de que “Galicia retrocede de posición no ranking das Comunidades Autónomas segundo o Índice de Competitividade Rexional, polo que o CES considera que debe dar un xiro na tendencia actual e seguir avanzando como en anos anteriores, mediante os mecanismos necesarios tales como infraestruturas básicas, eficiencia e innovación”. Igualmente, sinala que “o maior impacto da crise económica orixinada pola pandemia na economía española e galega en relación á UE provoca un retroceso de converxencia, polo que o CES considera necesario que se tomen medidas dirixidas a reverter esta tendencia”.
"As desigualdades existentes entre as persoas traballadoras están a incrementarse fortemente, polo que desde o CES demandamos un crecemento económico máis inclusivo”
Nesa liña, no eido produtivo o CES sinala que “o panorama económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal indica que o emprego do sector industrial está a presentar unha gran relevancia na zona Norte de Portugal en comparación con Galicia, o que fai preciso que se establezan nesta comunidade as condicións favorables para reter e atraer proxectos xeradores de emprego de calidade”. O CES insta “aos poderes públicos a impulsar unha política industrial que teña en conta os novos condicionantes e free a forte caída do emprego no sector”. Pero tamén alerta de que “as desigualdades existentes entre as persoas traballadoras están a incrementarse fortemente, polo que desde o CES demandamos un crecemento económico máis inclusivo”.
Entre os condicionantes para mellorar a situación económica o CES sinala “a demora na chegada” dos fondos europeos, que di que “está repercutindo na recuperación do tecido empresarial. Pero tamén cita os problemas enerxéticos e a necesidade de avanzar nunha maior sostibilidade. Un eido ese último no que sinala que “a economía circular é unha alternativa fundamental de creación de emprego”.