A renovación do Consello Económico e Social mantén a falta de paridade crónica da institución fundamentalmente por mor da representación empresarial
24 homes e 9 mulleres é desde este luns a nova composición do pleno do Consello Económico e Social (CES) de Galicia, o “foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta”, segundo se define o principal órgano consultivo sobre a sociedade galega. Unha falta de paridade similar á de composicións anteriores e que novamente é froito fundamentalmente da designación por parte da caótica Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) dentro da cota que lle corresponde de moitos máis homes que mulleres, dez fronte a unha.
Desde a súa creación en 1995 o CES vén mantendo unha composición afastada da paridade. O seu pleno está formado, ademais de pola presidencia (o ex-conselleiro Agustín Hernández, que substituíu hai un ano a Corina Porro), por unha secretaría xeral e 33 vogalías, nomeadas polo presidente da Xunta por proposta das entidades, organizacións e asociacións nel representadas: 11 representando aos sindicatos, 11 á Confederación de Empresarios de Galicia e 11 por universidades, consumidores e organizacións do mundo rural e marítimo. O seu mandato é por catro anos, pero durante ese período a composición do pleno tamén pode mudar polos cambios que se produzan en cada unha das organizacións presentes nel.
Os sindicatos manteñen a paridade na súa representación mentres que as mulleres si son maioría nos postos suplentes
Superado o anterior mandato, este luns o Diario Oficial de Galicia publicou o decreto polo que se nomean as persoas titulares e suplentes por parte de todas as entidades representadas para o novo mandato, que deixa unha nova composición igualmente falta de paridade, como ata agora. Fundamentalmente, e novamente, porque dos 11 representantes da CEG dez volven ser homes e só unha muller.
No caso dos sindicatos, os que teñen catro vogalías, UGT e CIG, designan dous homes e dúas mulleres; CCOO, con tres, opta por dous homes e unha muller; e os dous sindicatos agrarios elixiron un home e unha muller cada un. Tamén ten dúas vogalías o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, que designou para elas a dúas mulleres. As outras entidades que priman aos homes son a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, con dous vogais masculinos, e as tres universidades, cun vogal cada unha, os tres homes.
Pola contra, as mulleres si son maioría nos postos suplentes dos anteditos 33 membros: mulleres son as once suplentes designadas pola CEG.