A patronal galega segue no caos: sen presidencia aos dous días tras tres anos vacante

Proclamación de Díaz Barreiros como presidente da CEG, o pasado 24 de novembro © CEG

Non foi tampouco desta. O pasado martes, e case tres anos despois, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) proclamou novo presidente, unha figura da que carecía desde xaneiro de 2018. O ourensán José Manuel Díaz Barreiros foi o elixido logo da renuncia do outro aspirante, Pedro Rey Vera, cinco minutos antes do inicio da asemblea electoral presencial.

Díaz Barreiros renuncia á presidencia da CEG dous días despois de ser proclamado polas "dúbidas" dalgúns asociados sobre o proceso

Díaz Barreiros durou dous días no cargo. Este xoves á tarde, a patronal galega comunicou a renuncia do xa ex-presidente polas "dúbidas manifestadas por asociados desta institución que poñen en entredito a legalidade de devandito proceso". Un novo xiro de guión na CEG, esfarelada, ensombrecida, sen apenas peso institucional, afundida nunha grave crise económica e golpeada nunha eterna división interna que parecía algo remendada esta semana. 

Díaz Barreiros, nunha reunión cos técnicos da CEG ao día seguinte de ser elixido presidente © CEG

Díaz Barreiros deixa a presidencia que levaba vacante case tres anos nunha patronal dividida e con graves problemas económicos

Non foi tal. Díaz Barreiros rexeita as dúbidas dun proceso electoral que, di, "foi democrático en todo momento e celebrado baixo as directrices da CEG". E defende a elección da súa candidatura ao obter "grande apoio e consenso maioritario". No entanto, como aclara a patronal nun comunicado, os vogais representantes de ASIME, Enrique Mallón; de CEGASAL; por CECE Galicia Antonio Diéter Moure Areán; e pola Confederación de Empresarios de Pontevedra o seu presidente, Jorge Cebreiros, puxeron en dúbida "a correcta celebración" do proceso a través dos seus escritos. 

Unha nova fenda na liorta interna dunha CEG descabezada, que pretendía celebrar a súa primeira contenda electoral desde 2016, que pareceu chegar a un mínimo consenso e que acabou, de novo, con enfrontamentos e sen presidente, como nos últimos 34 meses. 

No comunicado emitido pola CEG, lémbrase que "por unanimidade dos presentes" na asemblea presencial chegouse ao acordo de non votar e de elixir por aclamación unánime a Díaz Barreiros, cuxa candidatura tería obtido 21 votos a favor en voto remoto, que sumados aos 116 vogais presentes e representados sumarían 137 a prol dun total de 179 con dereito a voto. 

Díaz Barreiros anuncia que a súa decisión busca "protexer a boa imaxe da institución". Unha patronal galega que leva tempo manchándoa, entre divisións, falta de liderado ou problemas económicos e xudiciais. 

Tres asociacións sectoriais piden que saian da CEG persoas con "actitudes ditatoriais", con alusións veladas a Fontenla, líder da patronal coruñesa

Porque xa o venres, tres asociacións sectoriais pediron un comunicado que saian da CEG persoas con "actitudes ditatoriais", entre alusións non disimuladas ao presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla. 

A Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado (Cece Galicia), a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (Asime) e a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal) expresáronse con dureza nun escrito asinado polos seus responasbles: o ex-presidente da CEG, Diéter Moure, Enrique Mallón e José Antonio Vázquez Freire. 

Denuncian unha "estratexia acordada hai meses" para controlar a CEG que vinculan co propio Fontenla e os representantes das patronais de Lugo, Jaime López, e Ourense, Marisol Nóvoa. Ademais, advirten da paralización dun proceso "calamitoso" de votación "sorpresivamente"

Díaz Barreiros, tras presentar a súa candidatura á presidencia da CEG © CEG

"Só se pode entender sabendo quen é o artífice real non só desta nova tropelía senón doutras anteriores e que consegue desta forma configurar un proceso que se lembrará como un fito desgraciado na historia da confederación", apuntan en alusión a Fontenla. E cren que "chegou o momento no que representantes empresariais que levan demasiado tempo manipulando se retiren definitivamente da vida pública e da vida asociativa para tentar erradicar con iso actuacións absolutamente deplorables e dar paso a savia nova".

"Só quen perdeu a noción da democracia e a noción do respecto, da orde e da dignidade pode levar a cabo esa estratexia e ademais gabarse por iso"

"Probablemente xa se deron conta da auténtica chafullada electoral que realizaron, na cal saltan e burlan calquera norma electoral por básica que pareza, paralizando como queren unha votación que xa estaba no seu tramo final", recriminan. 

E engaden que "só alguén que perdeu a noción da democracia e que perdeu a noción do respecto, da orde e da dignidade, pode levar a cabo esa estratexia e ademais gabarse por iso". "Absolutamente esperpéntico", indican, tras advertir de que "posiblemente" Díaz Barreiros dimite por "temor" á impugnación do proceso de votación.

Así, cargan contra "actitudes e comportamentos caciquís e absolutamente repugnantes" nunha organización que desexan que sexa "democrática e participativa". E piden, "se fose posible", que se "retiren destas organizacións persoas que xa empezan a mostrar actitudes máis similares a réximes ditatoriais". "Ninguén os botará en falta", engaden. 

Desde que en 2016, na última contenda electoral, fora elixido Diéter Moure como presidente, todo foi balbordo e dimisións na CEG. A primeira a do propio Diéter, tan só dez meses despois de chegar ao cargo, tras perder o apoio das direccións provinciais e no medio dunha complexísima situación económica, herdada dos seus antecesores, José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Fontenla, o patrón da Confederación de Empresarios da Coruña, na que leva vinte anos, e desde onde continúa a mover os fíos dunha CEG que presidiu entre 2001 e 2013 e na que exerceu como vogal nos últimos meses. 

Foi el quen promoveu a última hora en 2017 a candidatura de Antón Arias á presidencia, que acabou dimitindo do cargo ao que chegara no medio dunha profunda división da organización, con manobras para destituílo por mor de declaracións públicas a respecto de subir soldos ou pola súa opinión a prol dun referendo pactado en Catalunya. "Se non segues o guión, es un proscrito", afirmara en Praza.gal. Durou un ano á fronte da patronal galega. 

Antonio Fontenla e Francisco Conde © Xunta

Desde aquela, o desgoberno. No verán de 2018, o intento de elixir nova presidencia quedou deserto ao non se presentar ningún candidato. A patronal tratou de reconducir a crise mediante a aprobación duns novos estatutos, a comezos de  2019,  pero tampouco funcionou e a Confederación de Pontevedra acabou desvinculándose da patronal galega.

Antonio Diéter dimitiu en 2016 aos dez meses de chegar á presidencia; Antón Arias abandonou despois dun ano, en 2018

Malia todo, a CEG non dubidou en seguir erguendo a voz ante calquera debate político ou económico, cargando contra o pacto de goberno entre PSOE e Unidas Podemos ou dando as súas receitas contra a crise económica derivada da pandemia, como suspender as obrigas de pagamento de impostos nas empresas golpeadas polo descenso da actividade. Con Fontenla como portavoz, a patronal cargou ultimamente contra a proposta do estado de alarma de seis meses, pediu un toque de queda ás 12 da noite ou reclamou reiteradamente en política o consenso do que leva anos carecendo a súa propia institución, que na súa web mantén como noticia principal a primeira toma de contacto de Díaz Barreiros cos técnicos para iniciar o seu mandato. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.