Pedro Rey, o outro aspirante, retirou a súa candidtura cinco minutos antes da votación presencial tras chegar a un acordo con Díaz Barreiros
O empresario ourensán José Manuel Díaz Barreiros é o novo presidente da Confederación Empresarios de Galicia (CEG) logo de chegar a un acordo, cinco minutos antes de que se producise a votación presencial, co outro aspirante, Pedro Rey, que acabou retirando a súa candidatura.
A patronal galega ten por fin presidente, logo de case tres anos sen ninguén ocupando ese cargo e con Antonio Fontenla, máximo dirixente da organización empresarial da Coruña, exercendo como voceiro.
Díaz Barreiros chega agora a unha institución esfarelada, con graves problemas económicas, cun menor peso na negociación social e cunha inacabable división interna. Avalado pola Confederación de Empresarios de Ourense, e co apoio das patronais de Lugo e A Coruña, o novo máximo dirixente, Díaz Barreiros, acabou por apañar a maioría de apoios necesaria, aínda que nin tan sequera se tivo que chegar á votación ante unha vitoria que estaba cantada.
Aínda que a asemblea electoral chegou a constituírse de forma mixta, con parte telemática e presencial, esta última non chegou a producirse, logo de que se alcanzase un acordo a última hora.
Díaz Barreiros é director da xestoría Marcelino Díaz, empresario do sector de servizos de asesoría e leva xa anos no comité executivo e na xunta directiva da CEG. Licenciado en Dereito pola Universidad Complutense de Madrid, é tamén máster en asesoría xurídica de empresas e máster en dirección de asesoría fiscal de emrpesas polo Instituto de Empresa de Madrid.