Hai xa vinte anos, destapouse na patronal galega unha enorme fraude millonaria de subvencións. O paso do tempo e as varas de medir axustables amornaron a atención e o coñecemento dun desfalco que provocou un burato de 6,3 millóns de euros na Confederación Empresarios de Galicia (CEG). Segundo a Fiscalía, entre 1996 e 1999, o secretario da CEG e sete empresas concertáronse para, a través de subvencións públicas a cursos de formación, “conseguir un beneficio patrimonial”. Cobraban as axudas para cursos non realizados e manuais didácticos innecesarios, emitindo facturas dobradas ou imputando custos excesivos por profesorado ou utilización de aulas.
Entre 1996 e 1999, o secretario da CEG e sete empresas amañaron o cobro de subvencións públicas para cursos de formación que non se realizaban, segundo a Fiscalía
“Apropiáronse dos fondos incorporándoos ao seu propio patrimonio e impediron a finalidade da subvención que xestionaban”, explica o fiscal sobre unha trama fraudulenta de subvencións procedentes de fondos europeos destinados a plans de formación xestionados polo INEM (a través da Fundación para a Formación Continua, Forcem) ou a Xunta. Tan só entre 1996 e 2000, a CEG recibiu 20 millóns de euros para cursos deste tipo.
Dúas décadas despois, o xuízo segue sen celebrarse. A pasada semana, suspendeuse na primeira xornada tras alegar as defensas indefensión por non poder acceder a milleiros de folios, entre 6.000 e 9.000, que as outras partes si daban por accesibles. A inxente información de facturas, cursos ou profesorado fai complexo o proceso, pero non tanto como para xustificar un atraso polo que o xuíz xa pediu “desculpas” tras anunciar que, como mínimo, ata febreiro de 2020 non poderá volver iniciarse a vista pola apertada axenda da sala.
Polo caso pasaron xa 15 xuíces en 19 anos; o que era presidente da CEG na etapa investigada, Antonio Ramilo, faleceu en 2006; e a que era principal testemuña, o tesoureiro Juan Casas, sufriu unha deterioración física que imposibilita a súa declaración. O principal acusado é Rafael Sánchez Sostre, avogado e ex-secretario da patronal. A Fiscalía pídelle catro anos de cadea e unha multa de dous millóns de euros por un delito de fraude de subvencións.
O xuízo, que comezou a pasada semana tras case vinte anos de atraso, tívose que volver suspender e non ten data ata, como mínimo, principios de 2020
Os outros seis acusados son xestores, representantes ou socios das empresas que organizaban os cursos (Acro Consultoría Formación, Cares Márketing y Comunicación, Técnicas de Formación, DEO, Dalbe 5, Estudio Global de Gestión e Euroges 97) e teríanse apropiado, presuntamente, de fondos públicos destinados a esa formación entre 1996 e 1999. O ministerio público reclama para todos eles dous anos de prisión e multas que van desde os 50.000 ata os 500.000 euros.
O caso é o paradigma dunha época onde o diñeiro público corría a esgalla entre diferentes organizacións como a patronal galega e onde o control sobre a actuación desta e outras organizacións era case nulo. Tampouco dentro.
O daquela presidente, o ex-alcalde franquista de Vigo, Antonio Ramilo, gozaba da protección e amizade de Manuel Fraga, antigo compañeiro en Alianza Popular e presidente dunha Xunta que durante anos achegou inxentes cantidades de diñeiro público á CEG. Sen control. Todo empezou a cheirar cando unha auditoría en 1999 revelou un burato de máis de 1 millóns de euros e a desaparición dalgunha cantidade importante máis.
Sánchez Sostre, agora principal acusado, foi cesado e Ramilo dimitiu pouco despois Antonio Fontenla, novo presidente, encargou outra auditoría que desvelou o furado de máis de 6 millóns de euros mentres a UE reclamaba ao Estado que abrise unha investigación polo uso indebido dos seus fondos de formación.
O desbalde na patronal galega continuou, mesmo en tempos de crise, o que obrigou a un duro plan de axuste en 2016
En marzo de 2001, a CEG puxo en coñecemento do TSXG unha serie de "irregularidades detectadas na súa xestión dos fondos de formación que desembocaron nunha grave crise financeira e social para a entidade" e advertiu de que Sostre gozaba de “plena independencia” para organizar os cursos e elixir as empresas. O burato contable da patronal elevábase daquela aos 10 millóns de euros.
A Fiscalía actuou de oficio en 2011 e, case vinte anos despois, o xuízo segue á espera de data e a CEG continúa nunha precaria situación, non só económica. O desbalde cometido durante anos, tamén en duros tempos de crise, provocou que un plan de axuste en 2016 reducise o seu persoal á metade e que o soldo lles fose rebaixado ao resto de traballadores.
A débeda da entidade chegou a superar os 800.000 euros mentres o seu secretario xeral mantiña un soldo de máis de 100.000 ao ano. Un expediente aberto pola Consellería de Economía indicaba como a CEG incumpría un plan de oficinas no exterior para colaborar na internacionalización das empresas galegas. A este imputáranselle gastos para fins non estipulados, entre os que se incluíu unha viaxe ao Brasil para 24 persoas por máis de 80.000 euros.
A CEG tivo que devolver á Xunta medio millón de euros de gastos inxustificados das súas 'embaixadas'; gastou 80.000 euros nunha viaxe ao Brasil para 24 persoas
En 2018, a patronal foi condenada a devolver á Xunta medio millón de euros de gastos inxustificados das súas embaixadas. Só entre 2010 e 2013 a Xunta dispuxo de 18 millóns de euros para que a patronal galega abrise oficinas en Colombia, México, Arxentina, Brasil, Francia, Reino Unido, Rusia, China, Alemaña, Estados Unidos, Marrocos e Turquía.
Nos últimos anos, tras acusacións de irregularidades nos gastos de Fernández Alvariño, que substituíu a Antonio Fontenla en 2013, varios foron os presidentes que pasaron pola CEG. Entre eles o construtor Antón Arias, a quen a defensa dun referendo pactado en Catalunya en pleno procés custoulle furibundas críticas dos seus predecesores e doutros empresarios. Dimitiu tras intentar, e non conseguir, modificar os estatutos e desde xaneiro de 2018 a entidade continúa sen presidente.
Hai tan só uns días, e logo de finalizar o prazo, ningunha persoa se presentou como candidata para optar á presidencia dunha patronal descabezada e sempre na polémica. Nun comunicado, a CEG aseguraba que “as catro confederacións empresariais provinciais seguirán traballando de forma conxunta para buscar un candidato de consenso”. Pero o enfrontamento entre a póla coruñesa e a pontevedresa continúa sendo unha das claves de tanta inestabilidade.
No verán pasado, a Confederación de Empresarios de Pontevedra decidira “separarse” e “afastarse de calquera participación en órganos colexiados en temas relacionados con asuntos económicos internos” da CEG, da que advertían que non presentaba contas nin tiña informe de auditoría de 2018.