A patronal, condenada a devolver á Xunta medio millón de euros de gastos inxustificados das súas 'embaixadas'

Fontenla e Feijóo, cando o primeiro presidía a CEG Dominio Público Xunta de Galicia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) terá que devolver á Xunta arredor de medio millón de euros gastados sen xustificación a través da rede de embaixadas económicas de Galicia que o Goberno galego lle encargou xestionar poñendo á súa disposición só entre 2010 e 2013 ata 18 millóns de euros das arcas públicas. Así o vén de determinar o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago ao desestimar parte do recurso interposto pola patronal contra unha resolución da Xunta esixíndolle o reintegro de 647.000 euros. A sentenza, avanzada por Faro de Vigo e á que tivo acceso Praza.gal, só admite parte do recurso dos empresarios fronte a outros varios gastos que considera inxustificados.

A Xustiza certifica que a CEG malgastou cartos públicos na ducia de oficinas que abriu no estranxeiro financiadas polo Goberno galego, que só entre 2010 e 2013 puxo á súa disposición 18 millóns de euros e eloxiaba a súa "eficiencia"

O primeiro Goberno de Feijóo á fronte da Xunta puxo en marcha, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, a denominada rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga), que na práctica supuxo deixar a internacionalización da economía galega nas mans dos propios empresarios, presididos daquela e ata 2013 por Antonio Fontenla. Só entre 2010 e 2013 a Xunta dispuxo de 18 millóns de euros para que a patronal galega abrise oficinas en  Colombia, México, Arxentina, Brasil, Francia, Reino Unido, Rusia, China, Alemaña, Estados Unidos, Marrocos e Turquía. O Goberno galego negouse a detallar cantos deses 18 millóns se gastaran realmente. Nun balance do traballo desa rede feito en 2013 nunha resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG a Xunta aseguraba que esas oficinas no exterior estaban a traballar con "criterios de máxima eficiencia para procurar facilitar os servizos e apoios en destino previstos cos menores custos posibles". Pero non foi así.

En 2013 a Xunta aseguraba que as oficinas que lle pagaba á patronal no exterior estaban a funcionar con "criterios de máxima eficiencia para procurar facilitar os servizos e apoios en destino previstos cos menores custos posibles"

Ao tempo que a CEG afondaba nos últimos anos na súa propia crise económica e institucional, a rede Pexga e as relacións da patronal coa Xunta foron deteriorándose, e o Goberno galego foi rebaixando progresivamente a súa achega económica anual ata o punto de que en marzo de 2016 a Xunta esixiu o reintegro de diversos gastos que consideraba inxustificados. Os empresarios recorreron na vía administrativa e en novembro dese ano a Xunta estableceu finalmente en 647.000 euros o importe que lles reclamaba. A CEG tampouco estivo de acordo e recorreu á Xustiza ordinaria por considerar que 241.000 euros desa cantidade que lles esixía a Xunta si estaban xustificados. E agora a Xustiza resolve e, na antedita sentenza, valida uns gastos e rexeita outros, de xeito que, a falta de que na execución da sentenza se concreten as contías, os empresarios terán que devolver á Xunta arredor de medio millón de euros.

Sobre o gasto en “obsequios” por parte da patronal, a sentenza di que “pese ao esforzo realizado, non se xustifica que foran precisos nin necesarios”

Na sentenza agora emitida, con data do 15 de maio, o xuíz considera que algúns gastos foron “decisión unilateral da entidade recorrente [a CEG], non habendo neste caso fundamentado debidamente que a circunstancia que afirma xustificase a necesidade de tal gasto”. O xuíz tamén rexeita o argumento da patronal de que o Igape non tiña un criterio establecido para autorizar os gastos porque di que os empresarios non foron quen de probar esa suposta falta de criterio. A sentenza tamén di, sobre o gasto en “obsequios” por parte da patronal a través da rede Pexga, que “pese ao esforzo realizado, non se xustifica que foran precisos nin necesarios para a consecución dos obxectivos e finalidade do convenio” entre o Igape e a CEG que puxo en marcha esas oficinas internacionais.

A sentenza chega en plena nova crise institucional da CEG, despois da dimisión do seu último presidente, Antón Arias, tras manobras das patronais provinciais

A sentenza chega en plena nova crise institucional da CEG, despois da dimisión do que foi o seu último presidente, o ourensán Antón Arias, tras manobras dos seus críticos á fronte das patronais provinciais, que son as que agora controlan a galega ata que se celebren novas eleccións. Arias chegou ao cargo cun discurso renovador despois de varios anos de inestabilidade que se sucederon desde que o deixara en 2013 o coruñés Antonio Fontenla, que levaba máis dunha década nel, período no que impulsou a rede Pexga. Sucesores e críticos de Fontenla censuraron o aumento dos gastos na CEG durante o seu mandato, que a levaron a ter que implantar un plan de viabilidade económica para reducir as súas débedas.

Antonio Fontenla, novamente á fronte na práctica da CEG, di que "todo o mundo" lle pide que arranxe a situación da patronal pero que non pode "facer milagres"

Malia eses antecedentes, Fontenla é hoxe portavoz da denominada Xunta de Vicepresidentes da CEG, o que na práctica fai que siga a exercer como máximo responsable da organización. Este xoves Fontenla, nunha entrevista na Radio Galega, ademais de poñerlle deberes ao novo Goberno central socialista, tamén se pronunciou sobre a situación da patronal galega. Segundo dixo, “hai varios nomes” para asumir a dirección da CEG e “de momento están consensuados entre tres confederacións provinciais, falta convencer para que se adhira a outra”. Na entrevista Fontenla tamén se pronunciou sobre o seu propio papel: “Todo o mundo me di 'Antonio, isto tes que arranxalo ti', pero eu non podo facer milagres, só podo facer o que me deixan os demais e, ademais, sería malo que fose eu o que puxese un presidente”.

Fragmento da sentenza que rexeita varias reclamacións da patronal fronte á Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.