As 'embaixadas' da patronal galega custan 18 millóns de euros públicos

Feijóo, na oficina de México D.F. © Xunta

Un dos lugares comúns do discurso da "austeridade" do Goberno de Mariano Rajoy é poñer o foco nas autonomías. Dentro del, as denominadas 'embaixadas autonómicas', representacións dalgunhas comunidades en países estranxeiros, foron presentadas en diversas ocasións, tanto polo Estado como pola prensa máis posicionada na dereita, como paradigma do "desbalde" derivado da cesión de competencias. A aposta por supeditar a política exterior autonómica á do Goberno de España foi acollida con entusiasmo, cando menos dialecticamente, no seo da Xunta. Non obstante, o Goberno galego si financia unha caste de embaixadas que non controla directamente: as da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

Dentro da súa insistencia na "internacionalización" como unha das vías para saír da crise, a Xunta financiou, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, as Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga). Creada na pasada lexislatura, esta rede é presentada polo Executivo como unha aposta pola "cooperación, especialmente con organismos intermedios, como mellor vía para prestar máis e mellores servizos, tanto en orixe como en destino, e acelerar deste xeito a internacionalización do tecido empresarial multiplicando a eficiencia de recursos". Con esta fin o gabinte de Alberto Núñez Feijóo puxo sobre a mesa 18 millóns de euros para un período de apenas catro anos (2010-2013).

A Xunta admitiulle ao BNG que só as oficinas tiveron unha dotación orzamentaria superior aos 16 millóns de euros

A piques de rematar o treito temporal previsto a Xunta vén de responder unha pregunta parlamentaria do BNG na que a formación preguntaba polo "orzamento anual" e o "funcionamento" das oficinas da rede Pexga. Na súa resposta o Goberno admite que dotou o proxecto "cun orzamento máximo de 18  millóns" que inclúe un "servizo de licitacións internacionais" e unha "rede de plataformas empresariais nos mercados de interese estratéxico para as empresas de Galicia".

Na actualidade, explica a Consellería de Economía e Industria, Pexga está "en disposición de atender os empresarios galegos" en Colombia, México, Arxentina, Brasil, Francia, Reino Unido, Rusia, China, Alemaña, Estados Unidos, Marrocos e Turquía. En todas elas, asegura, seguíronse "criterios de máxima eficiencia para procurar facilitar os servizos e apoios en destino previstos cos menores custos posibles". Por iso, asegura, "houbo acordos co Goberno central" e "estase rexistrando un importante aforro debido á optimización de custos e á acollida de varias das plataformas en instalacións das oficinas comerciais do Goberno español". Non obstante, unha vez "excluído" o devandito servizo de licitacións, estas 'embaixadas' teñen unha dotafción orzamentaria de 16,8 millóns, admite.

"Unha oficina de 160 metros para un só traballador"

As proclamas oficiais de eficiencia e austeridade non se corresponden, no entanto, coas denuncias formuladas pola oposición parlamentaria sobre esta rede da CEG. Así, por exemplo, hai poucos meses o PSdeG puña o foco na sede de Pexga na cidade brasileira de São Paulo, ubicada "no edificio de luxo do hotel Sheraton", onde a patronal alugou "unha oficina de 160 metros cadrados" para "un só traballador". Para o socialista José Luis Méndez Romeu "a negativa reiterada do Goberno galego a dar conta destas contratacións evidencian unha falsa austeridade e descontrol na xestión".

O PSdeG censura que a oficina de São Paulo se ubicase nun hotel "de luxo"

"Mentres Feijóo predica a austeridade, a Confederación de Empresarios recibe 18 millóns sen publicidade e sen control para oficinas suntuarias" que, aínda por riba, salienta Méndez Romeu, "funcionan de costas á lexislación daquel país". Así, exemplifica, "os traballadores contratados para esa oficina foron rapidamente despedidos, uns por carecer de visado e outros, por non estar rexistrados" correctamente. Estas circunstancias, lamenta, engádense á "acumulación de escándalos no Igape, cuxos directivos semellan non poder controlar".

Neste contexto, ante a petición de explicación dos grupos da oposición a Xunta ofrece a súa propia versión da rendibilidade destas embaixadas da patronal. "O que está claro a día de hoxe é que esta aposta pola internacionalización do tecido produtivo" está "a ter un favorable reflexo na positiva evolución das exportacións galegas, que non deixan de mellorar nos últimos anos", afirma a Consellería de Economía.

Feijóo, na oficina de México D.F. © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.