Case tres anos despois, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) disponse a elixir presidente, unha figura da que carece desde xaneiro de 2018, esfarelada como está a institución, coa inacabable división interna e a piques de afrontar agora a súa primeira contenda electoral en practicamente un lustro.
A CEG elixe entre Pedro Rey e José Manuel Díaz Barreiros para a súa presidencia, logo de case tres anos sen ninguén no posto
Foi en xaneiro de 2016 cando Antonio Diéter Moure se impoñía ao falecido José Manuel Pérez Canal no último combate electoral nunha patronal galega que agora aspiran a dirixir José Manuel Díaz Barreiros, apoiado pola patronal ourensá, e Pedro Rey, avalado este luns pola organización empresarial de Pontevedra. Rematado o prazo este martes ao mediodía, o recorrido consenso non foi posible polo momento, polo que serán dous os candidatos que se postulen a dirixir unha CEG nas eleccións do vindeiro martes 24 e logo de que nos últimos cinco anos a organización só vivise desencontros, reproches, escándalos e dimisións.
A primeira a do propio Diéter, tan só dez meses despois de chegar ao cargo, tras perder o apoio das direccións provinciais e no medio dunha complexísima situación económica, herdada dos seus antecesores, José Manuel Fernández Alvariño e Antonio Fontenla, o patrón da Confederación de Empresarios da Coruña, na que leva vinte anos, e desde onde continúa a mover os fíos dunha CEG que presidiu entre 2001 e 2013.
Antonio Diéter dimitiu en 2016 aos dez meses de chegar á presidencia; Antón Arias abandonou despois dun ano, en 2018
Foi el quen promoveu a última hora en 2017 a candidatura de Antón Arias á presidencia, que acabou dimitindo do cargo ao que chegara no medio dunha profunda división da organización, con manobras para destituílo por mor de declaracións públicas a respecto de subir soldos ou pola súa opinión a prol dun referendo pactado en Catalunya. "Se non segues o guión, es un proscrito", afirmara en Praza.gal. Durou un ano á fronte da patronal galega.
Desde aquela, o desgoberno. No verán de 2018, o intento de elixir nova presidencia quedou deserto ao non se presentar ningún candidato. A patronal tratou de reconducir a crise mediante a aprobación duns novos estatutos, a comezos de 2019, pero tampouco funcionou e a Confederación de Pontevedra acabou desvinculándose da patronal galega.
Malia todo, a CEG non dubidou en seguir erguendo a voz ante calquera debate político ou económico, cargando contra o pacto de goberno entre PSOE e Unidas Podemos ou dando as súas receitas contra a crise económica derivada da pandemia, como suspender as obrigas de pagamento de impostos nas empresas golpeadas polo descenso da actividade. Con Fontenla como portavoz, a patronal cargou ultimamente contra a proposta do estado de alarma de seis meses, pediu un toque de queda ás 12 da noite ou reclamou reiteradamente en política o consenso do que leva anos carecendo a súa propia institución.
Os intentos por conseguilo racharon, case sempre, desde a póla coruñesa e o seu líder, Fontenla, que apostou por candidatos de última hora ou sorpresa malia os pactos entre confederacións provinciais por atopar ese consenso. Desta vez, o seu apoio recae en Díaz Barreiros, que contaría tamén co aval de Lugo e Ourense, confederación da que procede e que lle deu o seu apoio unánime. Mentres, Pontevedra opta por Pedro Rey, avalado tamén pola patronal das empresas de formación en Galicia (CECAP).
Malia que a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), no apoio amosado a Rey este luns, insistiu na intención de buscar un candidato de consenso "ata o último minuto", a presidencia da patronal galega acabará finalmente decidíndose entre dous candidatos, a non ser que os intentos por evitar a contenda forcen a retirada dalgún deles. Non parece fácil que non acabe sendo, como desde hai anos, unha loita norte-sur. Outra liorta A Coruña-Pontevedra.