A patronal galega clama contra o pacto PSOE-Podemos mentres confirma que superará os dous anos sen dar elixido presidente

Antonio Fontenla, nunha rolda de prensa na súa etapa como presidente da CEG © CEG

O último presidente que tivo ata o momento a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, dimitiu cando faltaban tres días para facer un ano no cargo ao que chegara no medio dunha profunda división da organización patronal, en cuxo seo se multiplicaran as manobras para destituílo por mor de declaracións públicas a respecto de subir soldos ou pola súa opinión a prol dun referendo pactado en Catalunya. "Se non segues o guión, es un proscrito", afirmara en Praza.gal para resumir os movementos na súa contra apenas dous meses despois de abandonar o cargo, aínda con Mariano Rajoy no Goberno de España.

O último presidente da CEG durou un ano no cargo e o seu antecesor, dez meses

Entre os empresarios que manobraran para destituír a Arias estaba o anterior presidente, Antonio Diéter. No seu caso durara dez meses no cargo e dimitira tras perder o apoio das direccións provinciais da patronal e no medio dunha complexísima situación económica. Esa profundísima crise económica herdáraa dos seus antecesores, Antonio Fontenla (2001-2013) e José Manuel Fernández Alvariño (2013-2016).

Un deses ex-presidentes, Antonio Fontenla, presidente da Confederación coruñesa, exerce na actualidade como voceiro da CEG, que continúa na precariedade institucional despois de que, no verán de 2018, o intento de elixir nova presidencia ficase deserto ao non se presentar ninguén. Tampouco foi adiante a tentativa de reconducir a crise mediante a aprobación duns novos estatutos, a comezos deste ano, e pouco despois a Confederación de Pontevedra desvinculábase da galega.

Alvariño e Diéter, antecesores de Arias, nunha rolda de prensa reclamando a súa dimisión Dominio Público RP Galicia

Malia todo este pano de fondo, a CEG continúa a pronunciarse publicamente sobre diversos asuntos, ultimamente con especial intensidade sobre as novidades na política estatal. Faino mediante comunicados ou a través do devandito Fontenla, que a pasada fin de semana cargou abertamente contra o preacordo asinado por PSOE e Unidas Podemos para gobernaren en coalición en España. 

Fontenla manifesta como voceiro da patronal a "esperanza" de que o pacto de PSOE e UP fracase e a CEG reclama "celeridade" na formación dun goberno "estable e moderado"

Nunha entrevista na Radio Galega, Fontenla manifestou no nome da CEG a súa "esperanza" de que o documento asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias "non se consolide" porque, di, "os empresarios" están "preocupados" ao respecto. Entre os motivos da preocupación, asegura, está que Unidas Podemos "ten unha tendencia diferente ao rigor orzamentario e á ortodoxia económica". 

Xa ao día seguinte das eleccións xerais, o pasado 11 de novembro, a entidade emitira un comunicado reclamando "celeridade" aos partidos para conformaren un goberno "estable e moderado". Ese Executivo, dicían, debería "mellorar a eficiencia do gasto público" e a "consolidación orzamentaria".

Dirixentes da CEG, con Feijóo nun acto das 'embaixadas' da patronal galega financiadas pola Xunta, cuxa xestión acabou nos tribunais CC-BY-SA Xunta de Galicia

Mentres lanzan estas reclamacións, a CEG segue sen ter claro o seu futuro. Na mesma entrevista na Galega, Fontenla apenas deu concretado que "nuns días" a institución ten previsto "convocar unha asemblea" na que procurar sacar adiante as súas contas e convocar eleccións para o horizonte no mes de xaneiro. Agora, afirma, si hai "xente que ten intención de presentarse". 

Neste tempo a CEG foi condenada a devolver medio millón de euros á Xunta por gastos inxustificados nas súas 'embaixadas' e aínda ten pendente o xuízo pola presunta fraude de subvencións de hai dúas décadas, un buraco de case 7 millóns de euros

A nova presidencia, de chegar a habela, poríase en marcha dous anos despois da dimisión de Arias. Neste tempo, Fontenla foi protagonista doutras declaracións controvertidas, como as súas críticas á folga feminista do 8M de 2018, mentres dende os tribunais seguían chegando novas que daban mostras do deterioro institucional da CEG.

É o caso da resolución xudicial que a condenou a devolver medio millón de euros á Xunta por gastos inxustificados nas súas 'embaixadas'. Nos xulgados está tamén aínda pendente o xuízo polo buraco de 6,9 millóns de euros na entidade, un escándalo de presunta fraude no cobro de subvencións públicas que se remonta a hai vinte anos e que, por erros no procedemento, non será xulgado ata, cando menos, principios de 2020.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.