O Supremo ratifica unha sanción de 63.000 euros a Rodman por abandonar un concurso da Xunta

Acto de 50 aniversario do grupo Rodman celebrado hai dous anos coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda CC-BY-SA Xunta de Galicia

A retirada de Rodman dun concurso para construír dúas patrulleiras para Gardacostas de Galicia por 2,5 millóns de euros deixouno deserto e levou á Xunta a convocar un novo proceso máis caro, por 3 millóns, que acabou gañando outra empresa

O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza que desestima un recurso da empresa moañesa Rodman Poliships contra unha sanción de 63.000 euros que lle impuxo a Xunta por retirarse sen explicacións dun concurso público que convocara para construír dúas patrulleiras para Gardacostas de Galicia por 2,5 millóns de euros. A retirada de Rodman deixou o concurso deserto e a Xunta convocou un novo proceso máis caro, por 3 millóns de euros, que acabou gañando outra empresa. A sanción por retirada inxustificada de oferta dun concurso público, prevista na lei, foi ratificada primeiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e agora polo Supremo.

Rueda con Manuel Rodríguez, creador de Rodman Polyships CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo os feitos relatados na sentenza, a comezos de 2022 a Consellería do Mar convocou un concurso público para a construción de dúas patrulleiras para Gardacostas de Galicia por 2,5 millóns de euros. A ese proceso presentaron ofertas Rodman Polyships e Astilleros Polináutica, con sede en Pontevedra, sendo esta última a mellor valorada pola mesa de contratación. Porén, esa empresa non puido reunir toda a documentación requirida para a adxudicación do contrato ao non poder obter o aval bancario esixido como garantía da operación dentro do prazo que se lle deu, cuestión que xustificou. 

Ante esa situación, a mesa de contratación pasou a pedir a documentación á segunda oferta mellor valorada, a de Rodman. Pero a empresa nin contestou ao requirimento da Xunta, polo que esta pasou a considerar que se producira unha retirada inxustificada da súa oferta, incumprimento penado na lexislación polo que o Goberno galego lle impuxo unha sanción do 3% do orzamento do contrato sen IVE, uns 63.000 euros.

Unha patrulleira construída por Astilleros Polináutica CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras declarar deserto ese primeiro concurso, a Consellería do Mar convocou outro máis caro, por 3 millóns de euros, ao que se presentaron novamente Rodman, Astilleros Polináutica e unha terceira empresa. Desta volta o contrato si acabou sendo formalizado con Polináutica por 2,9 millóns de euros. 

O Supremo di que a empresa mellor valorada no concurso non puido dar á Xunta a documentación requirida "involuntariamente", cuestión que xustificou, pero que o silencio de Rodman que deixou deserto o concurso foi unha "actitude totalmente distinta"

Rodman recorreu a súa sanción polo primeiro concurso en primeira instancia ao TSXG, que a avalou, e despois ao Supremo, que a vén de ratificar en sentenza con data do 5 de novembro. O Supremo debía analizar se era posible sancionar á segunda empresa mellor valorada do concurso por desatender o requirimento da Xunta malia que non se sancionara tamén á primeira polo mesmo. Pero a sentenza considera que Astilleros Polináutica, como oferta mellor valorada, "non desatendeu" como Rodman o requirimento que lle fixera a Xunta de presentar a documentación necesaria "senón que involuntariamente veuse impedido de completar a totalidade daquela documentación, non existindo vontade renuente a cumprir coa mesma, de aí que non fora penalizado polo órgano de contratación". 

"Sen embargo, a actitude da recorrente [Rodman] foi totalmente distinta", engade o Supremo, que ratifica que as administracións poden impoñer o 3% de penalización "no caso de incumprimento total" por parte das empresas ofertantes á hora de achegar a documentación requirida "dado que entón se entenderá que retirou a súa oferta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.