Dúas empresas presentaron a mesma oferta nun concurso da Xunta pero evitan unha multa porque non foron denunciadas a tempo

A daquela directora da Amtega, Mar Pereira, nunha xornada sobre informática xudicial CC-BY-SA Xunta de Galicia

Competencia considera que cando recibiu a alerta tras un informe da Intervención Xeral xa prescribiran os feitos ao pasar máis de catro anos desde a formalización do contrato, de medio millón de euros

A Comisión Galega da Competencia vén de facer pública unha resolución coa que considera prescrita unha denuncia sobre dúas empresas relacionadas entre si que presentaron unha mesma oferta técnica a un concurso público de medio millón de euros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para mellorar o sistema de gravación das vistas orais nos xulgados. A resolución considera acreditado que as dúas empresas falsearon a libre competencia ao presentar a mesma proposta, pero tamén que xa prescribiran os feitos ao pasar un pouco máis de catro anos desde a formalización do contrato. 

Resolución de Competencia considerando prescrito o caso malia ver "acreditados" os feitos CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relatado na resolución, as empresas Core Grid SL e Vitel SA foron as únicas que se presentaron a un concurso para a mellora do sistema de gravación de vistas orais da xustiza galega. Licitado por 324.000 euros máis IVE gañouno Core Grid cunha oferta económica de 304.000 euros, mellor que os 314.000 euros ofertados por Vitel. Porén, as dúas empresas presentaron “idéntica” oferta técnica.

As dúas empresas teñen participacións cruzadas entre si e a oferta técnica baseouse nun programa informático ou software desenvolvido por Core Grid. Pero Vitel, como empresa integradora ou de adaptación dese software, tamén concorreu ao concurso, o que era coñecido polas dúas firmas. Así que o resultado da valoración do concurso foi a mesma puntuación en todos e cada un dos subapartados técnicos, mentres que finalmente gañou Core Grid pola súa menor oferta económica.

Os funcionarios da mesa de contratación detectaron que as ofertas eran "idénticas", pero a Amtega non denunciou o caso ata que así llo recomendou a Intervención Xeral da Xunta, e daquela xa era tarde

Malia que os funcionarios da mesa de contratación detectaron e deixaron por escrito que as ofertas eran “idénticas”, a daquela directora da Amtega, Mar Pereira, deu remate ao proceso e adxudicou a Core Grid o contrato, que foi formalizado o 12 de decembro de 2017. Tiña un prazo de execución dun ano e medio, pero xusto antes de que rematase en xuño de 2019 Amtega autorizou unha prórroga por outros seis meses cun incremento económico que finalmente levou o total do contrato a algo máis de medio millón de euros, IVE incluído.

Entrada principal da sede central da Xunta en San Caetano © Xunta

Non foi ata moito despois que, no marco dunha auditoría a posteriori sobre os fondos europeos FEDER, empregados para financiar ese contrato, a Intervención Xeral da Xunta alertou “da posible existencia de indicios dunha conduta colusoria prohibida” pola lei de defensa da competencia. Ante a recomendación da Intervención Xeral, Amtega denunciou o caso á Comisión Galega da Competencia o 10 de febreiro de 2022, e esta considerou que os feitos eran reveladores dunha ilegalidade. Pero a denuncia chegoulle catro anos e case dous meses despois da formalización do contrato en decembro de 2017, cando segundo Competencia unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE estableceu en 2021 que o prazo de prescrición comeza a contar a partir da formalización do contrato. Nada influiría daquela a posterior prórroga autorizada por Amtega en xuño de 2019.

A resolución agora feita pública por Competencia, de 21 folios, detalla moitos datos, entre eles a data en que a Amtega denunciou o caso, o 10 de febreiro de 2022, pero non indica a data en que esa axencia da Xunta foi coñecedora da auditoría da Intervención Xeral que recomendaba denuncialo, o que impide saber o dilixente que foi coa denuncia. Fontes coñecedoras do proceso consultadas por Praza.gal sinalan que esa auditoría foi rematada xa a comezos de 2022, uns días despois de que se cumprise o prazo de prescrición, algo que consideran normal xa que ese tipo de informes sobre fondos europeos non se realizan ata que están efectivamente executados.

O informe agora feito público pola Comisión Galega da Competencia foi aprobado polo seu Pleno, composto polos ex-deputados do PPdeG Ignacio López-Chaves (presidente) e María Teresa Cancelo e polo profesor da USC Daniel Neira, mentres que a relatora do mesmo foi a segunda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.