Xa son 3,2 millóns de euros os perdidos pola Consellería do Mar nun preito pola súa lentitude en revisar subvencións

O daquela conselleiro do Mar e a conselleira de Medio Ambiente nunha visita en 2023 a unha planta do grupo Angulas Aguinaga en Cambados CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta tardou cinco anos en reclamar a Angulas Aguinaga que devolvese axudas que consideraba que non lle correspondían por non ser pequena ou mediana empresa, pero o TSXG di que foi demasiado tempo e que o requisito era previo

O pasado marzo Praza.gal revelaba que a Consellería do Mar viña de perder un preito de 1,8 millóns de euros pola súa lentitude en revisar subvencións. A Xunta tardara cinco anos en reclamar a Angulas Aguinaga que devolvese axudas que consideraba que non lle correspondían por non ser pequena ou mediana empresa e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dicía que pasara xa demasiado tempo e que o requisito debera ser comprobado antes de darlle a axuda. Agora ese mesmo tribunal vén de facer públicas outras sentenzas relacionadas co mesmo caso que elevan xa a 3,2 millóns de euros as subvencións implicadas no preito que a Xunta non recuperará. 

O daquela conselleiro do Mar e a conselleira de Medio Ambiente nunha visita en 2023 a unha planta do grupo Angulas Aguinaga en Cambados e fragmento dunha das sentenzas do TSXG CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

As axudas da Consellería do Mar foron obtidas en 2018 e 2019 por Depuradora de Moluscos La Sirena SL, de Cambados, na actualidade parte do grupo Angulas Aguinaga despois de que este absorbese en 2021 o grupo galego Linamar, ao que pertencía. De momento sucesivas sentenzas do TSXG xa anularon ordes de devolución da consellería correspondentes a catro subvencións para innovación en novos produtos por importes de 1.448.667, 369.255, 42.787 e 1.329.579 euros, en total preto de 3,2 millóns de euros.

Eran convocatorias de axudas para pequenas e medianas empresas, criterio que tiña que ser certificado antes da concesión das subvencións. Pero non foi ata abril de 2024 que a Xunta notificou á empresa a incoación dos procedementos de reintegro das axudas por incumprimento de condicións. 

A Xunta considerou que a beneficiaria non cumpría o requisito de ser pequena ou mediana empresa, cuestión que negou esta argumentando que era unha firma autónoma do resto do grupo. Pero a xustiza nin entrou a analizar esa cuestión. O TSXG considerou que no momento en que outorgou as axudas "a Administración atopábase en condicións de coñecer o que tacha de irregularidade, posto que se trataba dunha condición para solicitar a subvención, é dicir, que se trataba en realidade dun requisito previo".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A consellería non só deu por cumprido ese requisito senón que tras outorgar as axudas comprobou tamén posteriormente que os investimentos asociados a elas se realizaran, ata o punto de que realizou axustes nas contías concretas a percibir. Foi tempo despois que pasou a considerar que a beneficiaria non era pequena ou mediana empresa.

A comezos deste ano o TSXG analizou dúas das reclamacións de reembolso da Xunta e anulounas ao considerar que a Xunta tardou demasiado coa súa revisión. E agora vén de facer públicas outras dúas sentenzas que anulan outras dúas reclamacións remitíndose aos seus argumentos xurídicos previos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.