"É un lapso de tempo excesivo, máis que suficiente para, cunha mínima dilixencia, podelo derrubar", di o xuíz sobre a lentitude do Goberno galego en actuar contra un edificio a medio construír na praia de Lapamán
O xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra vén de emitir unha sentenza, con data deste mércores, na que condena a Xunta pola súa lentitude "inescusable" en demoler un edificio na praia de Lapamán, en Marín, que supón un "grave atentado á paisaxe". O xuíz lembra que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) emitiu unha orde firme de demolición en 2013 pero que unha década despois o edificio segue en pé. "É un lapso de tempo excesivo, máis que suficiente para, cunha mínima dilixencia, podelo derrubar", di a sentenza.
Segundo o relato dos feitos que fai a resolución xudicial, o edificio, de dúas plantas e baixo cuberta, está en solo rústico de especial protección de costas, dentro das zonas de servidume de costas, augas e estradas. Malia estar inacabado, "unha parte utilízase polos seus propietarios como aparcamento de pago na época estival de praias". É, en verbas do xuíz, un "grave atentado á paisaxe" nunha zona "de especial valor medioambiental e paisaxístico" e "nunha praia de gran afluencia turística, transmitindo unha pésima imaxe de Galicia". Por iso, di a sentenza, "a APLU debeu atribuír a este asunto a máxima prioridade, conforme ao disposto no seu propio plan de inspección". Pero non foi así.
O xuíz salienta que o edificio está "nunha praia de gran afluencia turística, transmitindo unha pésima imaxe de Galicia" e que a Xunta debeu darlle prioridade
A APLU emitiu en 2013 unha orde firme de demolición, decisión confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en outubro de 2015. Nese momento a APLU ditou unha resolución establecendo a execución subsidiaria da orde de demolición por parte da administración pero a costa do propietario. Porén, non foi ata febreiro de 2018 que a mesma APLU dispuxo "iniciar os estudos e trámites necesarios para que dita execución subsidiaria se puidese levar a cabo".
Máis dun ano despois, en abril de 2019, foi cando se adxudicou a un arquitecto o contrato de redacción do proxecto de demolición, ao tempo que o xulgado outorgou á APLU autorización de entrada na parcela para a obra. "Non obstante, a demolición non se chegou a efectuar", di a sentenza, que relata como en decembro de 2022 a APLU adxudicou "outro contrato para a redacción de novo proxecto de demolición". Ese segundo proxecto xa foi entregado á APLU "pero non consta que fose aprobado, nin executado".
En febreiro de 2023 un particular reclamou expresamente á APLU a execución da súa propia orde de demolición, pero a administración nin lle contestou e tivo que recorrer á Xustiza, que agora lle dá a razón.
"Córrese o risco de que, de seguir así, chegue a cumprirse o prazo de prescrición dos 15 anos e haxa que volver empezar de cero", di o maxistrado
A APLU argumentou a "complexidade" da demolición, pero o xuíz desbótao e di que "a diferenza doutras execucións verdadeiramente complexas, aquí trátase dun edificio a medio facer", que "non está habitado" e no que a Xunta "só se tivo que entender cun único propietario". A sentenza tamén salienta que non se trata dunha demolición parcial, máis complexa, "senón de algo máis sinxelo: a demolición completa do edificio".
Por iso, o xuíz censura a "excesiva lentitude" da APLU, unha "inactividade" que considera "en todo punto inescusable". "Córrese o risco de que, de seguir así, chegue a cumprirse o prazo de prescrición dos 15 anos e haxa que volver empezar de cero", engade o maxistrado.
Ante esta situación o xuíz condena a Xunta a demoler por completo o edificio nun prazo máximo de tres meses. Porén, como a sentenza é recorrible, ese prazo non comezará a contar ata que sexa firme, o que seguirá acumulando demoras na demolición.