En 2007 a Xunta de PSdeG e BNG paralizou a burbulla urbanística do municipio e os construtores reclamaron compensacións, pero o TSXG vén rexeitándoas desde hai anos con ata agora 28 sentenzas que constatan as irregularidades do que se pretendía levantar
O urbanismo en Barreiros hai dúas décadas era un negocio no que leiras de 3 euros o metro cadrado ocupadas por millo ou vacas pasaban a venderse por 600 euros o metro ao clasificarse como solo urbano malia careceren de accesos, auga ou electricidade. Así o admitiu hai uns anos o Concello nun frustrado plan de urbanismo cando aínda estaba gobernado polo PP, que quería facer deste municipio da Mariña de pouco máis de 3.000 habitantes "o Sanxenxo do norte".
Aquela burbulla foi paralizada en 2007 pola Xunta de PSdeG e BNG e diversos promotores e propietarios reclamaron compensacións polo que non puideron construír. A xustiza denegou ata o momento todas esas reclamacións e agora, grazas a que nun dos procesos a actual Xunta fai listado de todas elas, un total de 28, pódese coñecer o monto total que reclamaron. Máis de 48,2 millóns de euros aos que o TSXG di que non teñen dereito porque as operacións urbanísticas que pretendían realizar non cumprían coa lei.
Cando en 2007 o bipartito interveu o urbanismo de Barreiros, con 3.200 habitantes, só no ano anterior, en 2006, o goberno local concedera licenzas para 2.966 vivendas. Estábase a construír en leiras sen accesos, abastecemento, saneamento ou electricidade, deficiencias que seguen a pasar factura aínda agora, con restricións este mesmo verán no consumo de auga que levaron o Concello, agora co BNG á fronte, a pedir axuda á Xunta.
O PP cualificou de persecución política a paralización do urbanismo de Barreiros, pero agora a propia Xunta identifica cada unha das sentenzas contrarias aos promotores, o que permite detallar os importes reclamados aos que o TSXG di que non teñen dereito
O PP asegurou no seu momento que a paralización do urbanismo era unha persecución política, idea na que se ratificou cando en 2014 o Tribunal Supremo anulou a decisión do bipartito por un defecto de forma, porque non se expuxera ao público a nova normativa urbanística que se impuña a Barreiros antes de ditala.
Tras esa anulación do Supremo, os construtores reclamaron á Xunta indemnizacións pola paralización das súas promocións, pero o TSXG vén dicindo reiteradamente que non teñen dereito a eses cartos porque ao analizar cada caso o tribunal conclúe que, aínda que as actuacións fosen paralizadas indebidamente, a realidade era que cada unha delas, desde licenzas de nova construción por supostos silencios administrativos do Concello ata segregacións indebidas de parcelas, non cumprían cos requisitos esixidos pola normativa urbanística.
Na última desas sentenzas, emitida en xuño, o TSXG recolle como a propia Xunta fai reconto de todas as resolucións xudiciais previas contrarias aos promotores identificándoas unha a unha. E a revisión de cada unha delas na base de datos de sentenzas do Poder Xudicial permite comprobar e sistematizar canto reclamaba cada promotor, varios deles identificados nos últimos anos por diversos medios.
Neste listado de sentenzas agora recompilado pola Xunta hai de todo. Demandantes que non chegaran a pedir licenza de obra, outro que non acredita a titularidade do terreo no que pretendía construír ou mesmo quen tiña licenza municipal pero non iniciou a construción durante os máis de dous anos en que puido facelo antes de que se anulase o seu permiso. Pero en todos os casos hai un feito en común: ningún deles podería realizar a actuación urbanística paralizada e pola que reclamou indemnización porque non cumpría os requisitos legais.
Na vía penal, a comezos deste ano o Supremo deu por pechada a desfeita urbanística de Barreiros cunha condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello
Á marxe de todos estes preitos na vía contencioso-administrativa sobre as actuacións urbanísticas paralizadas polo bipartito, a comezos deste ano o Tribunal Supremo deu por pechado o proceso penal que se abrira a instancias da Fiscalía contra o goberno local do PP de 2006, a daquela secretaria municipal e unha auxiliar administrativa do Concello. A xustiza non foi quen probar que os políticos desen licenzas de obra sendo conscientes de que transgredían a legalidade nin de demostrar que un ingreso de 100.000 euros dun promotor á secretaria municipal fose un suborno. Pola contra, o Supremo si ratificou a condena dunha empregada municipal por manipular un rexistro municipal para beneficiar a un construtor nunha promoción puntual.