Malia constatar as ilegalidades do 'boom' construtivo de hai dúas décadas, a xustiza absolveu en 2019 o goberno do PP e agora exculpa tamén a secretaria municipal, pero ratifica a condena dunha empregada municipal por manipular un rexistro puntual
En Barreiros, concello con pouco máis de 3.000 habitantes, nun só día de 2006, o 5 de setembro, o daquela goberno local do PP concedeu licenzas para construír 616 vivendas. Só naquel ano autorizáronse 2.966 vivendas, case tantas como habitantes, dispersas por terreos que carecían de accesos, auga, saneamento ou electricidade.
Por aqueles feitos foron xulgados o daquela alcalde, o popular Alfonso Fuente, e cinco concelleiros, que acabaron absoltos en 2019 porque a xustiza non foi quen de dar por probado que actuasen sendo conscientes de transgredir a legalidade.
Noutro caso paralelo tamén foi xulgada a secretaria municipal, acusada de recibir un suborno dun promotor inmobiliario, e unha auxiliar administrativa do Concello, por manipular puntualmente un rexistro municipal, segundo ela porque llo pedira o alcalde. As dúas foron inicialmente condenadas en 2021 pola Audiencia Provincial de Lugo, pero agora o Tribunal Supremo vén de absolver á primeira por non considerar demostrado que os cartos recibidos do promotor fosen ilícitos.
Así que finalmente as responsabilidades penais pola desfeita urbanística de Barreiros sáldanse coa condena por falsidade documental da traballadora municipal, inhabilitada por un ano para calquera emprego público.
A desfeita urbanística de Barreiros xa quedou constatada pola xustiza na vía contencioso-administrativa. Ante o boom edificatorio de 2006 a Xunta daquela gobernada por PSdeG e BNG interveu o urbanismo da vila. Aquela decisión foi anulada en 2014 polo Tribunal Supremo por un defecto de forma, porque o Goberno galego non expuxo ao público a nova normativa urbanística que impuña en Barreiros antes de ditala. E con esa sentenza na man promotores inmobiliarios aos que se paralizaran as súas construcións reclamaron indemnizacións. Pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou todas esas reclamacións en sucesivas sentenzas que constataron as irregularidades de cada unha das licenzas que obtiveran.
Por esas licenzas masivas irregulares constadas na vía contencioso-administrativa foron xulgados na vía penal o daquela alcalde e cinco dos seus concelleiros, pero acabaron absoltos en 2019 porque non quedou probado que fosen conscientes de cometer ningunha ilegalidade.
O Supremo considera "plausible" que os cartos que un promotor pagou á secretaria-interventora municipal fosen froito dun negocio legal e non un suborno
Pero a investigación penal do caso non quedou só nos responsables políticos municipais senón que alcanzou tamén á secretaria-interventora municipal. En 2021 ela e un promotor foron condenados por suborno por supostamente pagar o segundo á primeira 100.000 euros “como contraprestación por determinados favores que ela, no exercicio do seu cargo, lle realizaba”. Pero recorreron e agora o Tribunal Supremo, nunha sentenza con data do 13 de abril, vén de absolvelos porque considera “plausible” a versión alternativa ofrecida polos acusados de que os cartos eran froito dun negocio legal entre os dous. “Houbo outros pagos por importes similares realmente vinculados a negocios lexítimos inmobiliarios”, di o Supremo, polo que os absolve.
Nese procedemento penal tamén foi condenada unha auxiliar administrativa do Concello por manipular unha anotación nun rexistro municipal. Ela mesma anotara nese rexistro unha solicitude de licenza que formulara unha veciña e, días despois, cando a Xunta xa intervira o urbanismo municipal, engadiu un parágrafo para facer constar que solicitara construír 51 vivendas. Cando o caso foi xulgado en 2021 pola Audiencia de Lugo os maxistrados indicaron que se descoñecía quen indicara á traballadora que mudase a anotación no rexistro malia que “a propia acusada”, segundo a sentenza, “apunta directamente a que ela realizou tal manipulación porque así llo indicou, en máis dunha ocasión, o alcalde”.
A auxiliar administrativa que acaba como única condenada dixo que manipulou o rexistro municipal "porque así llo indicou, en máis dunha ocasión, o alcalde", pero o Supremo lembra que iso "non a exime da súa responsabilidade"
Tamén a auxiliar administrativa recorreu a súa condena ante o Supremo, pero no seu caso o alto tribunal mantén a sentenza orixinal. “Que a acusada puidese vir influída ou inducida por un superior ignorado, non a exime da súa responsabilidade”, di a sentenza do Supremo, que engade que “aínda que se limitase a executar o que un superior lle indicou, a súa conduta sería punible” xa que un empregado público está eximido do deber de obediencia aos seus superiores se iso supón ir contra a lei.
O Supremo tamén resta importancia a que non se aclarase quen lle deu a orde porque, di, o resto de persoas implicadas foron absoltas dos seus presuntos delitos.
O Supremo sinala que en todo caso o feito de actuar non por iniciativa propia senón “por influxo de alguén por riba dela” si lle supuxo ser condenada a unha pena menor dentro das posibles por falsidade documental. E mantenlle esa pena, consistente en 18 meses de cadea que non cumpriría por carecer de antecedentes, multa de algo máis de 500 euros e un ano de inhabilitación para emprego público.
Isto é, a desfeita urbanística de Barreiros, constatada pola xustiza na vía contencioso-administrativa, queda na vía penal nunha multa menor e nun ano sen poder traballar no Concello para unha auxiliar administrativa que manipulou por orde dun superior un rexistro de 51 vivendas fronte as máis de 3.000 autorizadas naquela altura.