Condenada a secretaria do Concello de Barreiros que en 2007 recibiu un suborno de 100.000 euros dun promotor inmobiliario

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A Audiencia de Lugo tamén sentencia ao empresario e unha administrativa municipal que falseou un expediente, segundo ela “porque así llo indicou, en máis dunha ocasión, o alcalde”

Durante o ano 2006 o Concello de Barreiros, con apenas 3.000 habitantes, concedeu 44 licenzas para un total de 2.966 vivendas, en moitos casos en leiras sen ningún tipo de servizo urbano, ata que en 2007 a Xunta bipartita paralizou o seu urbanismo. Hai dous anos o seu daquela alcalde, o popular Alfonso Fuente, -vencido polo BNG tres meses despois- e varios concelleiros foron absoltos de prevaricación porque segundo a xustiza non se podía afirmar con “claridade meridiana” que “actuasen a sabendas da inxustiza que cometían á hora de aprobar as licenzas”. Porén, aquel boom inmobiliario segue a ter repercusións xudiciais, desta volta coa condena por suborno da daquela secretaria municipal e dun empresario e por falsidade documental dunha auxiliar administrativa do Concello.

Concello de Barreiros CC-BY-SA Praza Pública

A Audiencia de Lugo considera probado que o ingreso na conta da secretaria municipal por parte do promotor foi “como contraprestación por determinados favores que ela, no exercicio do seu cargo, lle realizaba”

A Audiencia Provincial de Lugo, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, considera acreditado que en 2007 a secretaria-interventora municipal ingresou 100.000 euros dun promotor de varios edificios da zona “como contraprestación por determinados favores que ela, no exercicio do seu cargo, lle realizaba”. A Audiencia tamén condenou polo mesmo delito de suborno ao construtor, pero no seu caso optou pola tipificación máis beneficiosa para el porque descoñece se o pago foi por solicitude da secretaria ou ofrecido polo acusado. A secretaria, que xa non está no Concello, terá que pagar unha multa de 75.000 euros e é ademais suspendida de emprego ou cargo público durante catro meses e quince días, mentres que construtor recibe unha multa de 35.000 euros e sesenta días de suspensión de emprego ou cargo público.

Os xuíces salientan na sentenza, contra a que cabe presentar recurso, que o ingreso dos 100.000 euros é “un dato obxectivo e irrefutable” e destacan que os investigados non deron unha explicación que xustificase ese pago. Ademais, indican que nunha gravación que consta na causa, o construtor “non negou en absoluto o pago de cartos á secretaria, senón que o que pretendía era o determinar como disimular ese pago”

Edificio sen rematar en Barreiros nunha imaxe dunha década despois do 'boom' inmobiliario CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o tribunal, a auxiliar administrativa falseou un documento sen que se saiba quen llo indicou, pero a propia sentenza recolle como a condenada “apunta directamente a que ela realizou tal manipulación porque así llo indicou, en máis dunha ocasión, o Alcalde”

Por outra banda, o tribunal condenou por un delito de falsidade en documento público á persoa que naquela época exercía como auxiliar administrativa no Concello de Barreiros por realizar unha anotación favorecendo un expediente para a construción de 51 vivendas. Os maxistrados indican na sentenza que se descoñece quen lle indicou “a conveniencia” de engadir a anotación, algo do que a Fiscalía acusaba á secretaria, polo que a absolveron do delito de falsidade en documento público que lle imputaban. Porén, a sentenza recolle como “a propia acusada”, nas súas declaracións, “apunta directamente a que ela realizou tal manipulación porque así llo indicou, en máis dunha ocasión, o Alcalde”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.