Durante o ano 2006 o Concello de Barreiros, municipio de apenas 3.000 habitantes, concedeu 44 licenzas para un total de 2.966 vivendas na contorna do seu bordo litoral. Eran permisos para construír edificios con eminente vocación turística en leiras que, a priori, carecían de servizos básicos como electricidade, abastecemento de auga, saneamento ou accesos rodados. O goberno municipal pretendía erguer na Mariña "o Sanxenxo do norte" e fíxoo con permisos que resultaron ser irregulares, segundo sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dando lugar a unha irreversible desfeita urbanística.
O xuíz non ve claro que os responsables do goberno local de Barreiros concedesen as licenzas para 3.000 vivendas na vila, de apenas 3.000 habitantes, sendo conscientes de estaren a transgredir a legalidade
Coa irregularidade das licenzas xa ratificada polo TSXG o alcalde da vila, Alfonso Fuente (do PP, aínda que deixou a militancia no partido durante o proceso xudicial) sentou o pasado novembro no banco dos acusados no marco do xuízo que debía ditaminar se el, outros cinco edís e a arquitecta municipal cometeron prevaricación con aquelas autorizacións. A Fiscalía pedía condenas de dous anos de cadea e dez de inhabilitación, pero o Xulgado do Penal número 2 de Lugo vén de absolvelos. Non está claro, conclúe, que os responsables do goberno barreirense cometesen o delito penal que lles atribuía o Ministerio Público e mais a acusación particular, a asociación ecoloxista Adega.
Nunha sentenza de 37 páxinas datada no pasado 8 de febreiro e feita pública este día 11 o xuíz Alfonso Jiménez subliña que, alén da consideración persoal que lle poida suxerir o desorde ubanístico de Barreiros, a "principal controversia" para ditaminar se o alcalde e os edís delinquiron ou non "céntrase na clasificación do solo" das vivendas autorizadas como "urbano consolidado ou non", diferenza fixada pola lei dende o 1 de xaneiro de 2006. Esa diferenza é clave porque as defensas do acusados argumentaron durante o proceso que as leiras con licenza para construír "podían adquirir a condición de soar", de solo urbano consolidado, "mediante obras accesorias ou de escasa entidade que poden executarse simultaneamente coas de edificación" e que lles darían acceso aos servizos básicos dos que carecían. Algúns acrecentaron que, realmente, eses servizos si existían.
A sentenza admite "dúbidas" sobre "se a actuación foi totalmente legal", pero di non ser quen de concluír que as decisións estivesen "desprovistas de toda interpretación razoable do ordenamento xurídico"
Con este pano de fondo o xuíz admite a nube de confusión que arrodea o urbanismo de Barreiros e o propio xeito de proceder do alcalde durante o xuízo, toda vez que mantivo unha "postura certamente desconcertante", xa que "en xeral se ampara e alega descoñecemento de moitas das cuestións" formuladas polas acusacións e, ao tempo, afirma que as licenzas foron aprobadas "principalmente" porque tiñan "informes técnicos favorables", ademais de porque "os informes xurídicos eran ambiguos" ou non existían.
Tras relatar numerosos informes e peritaxes contraditorios entre si -tanto particulares como municipais e da Xunta- sobre a existencia ou non de servizos básicos nos terreos e de advertencias ao respecto, o xuíz considera como "certo" que "cabe preguntarse se a actuación dos acusados foi totalmente legal ou axustada á lexislación vixente", o cal "entraña certas dúbidas". Pero tampouco é posible afirmar rotundamente que a súa actuación estivese "desprovista de toda interpretación razoable do ordenamento xurídico aplicable", toda vez que tiña "certa apoiatura legal" porque "cabía entender a posibilidade de atoparse ante solo consolidado".
Informes técnicos "contraditorios" ou ausencia formal de "advertencias de ilegalidade", claves nunha absolución na que o xuíz tamén alude ao cambio de postura da Xunta tras o retorno do PP ao poder en 2009
Neste sentido, é clave que exista "algún informe desfavorable da secretaria municipal á concesión das licenzas", pero tamén "outros favorables" e o feito de que "na maioría" non exista "un pronunciamento claro nun sentido ou noutro". Mesmo nalgún existen "termos contraditorios ou equívocos, ao indicar tanto que poderá concederse como poderá suspenderse". Adicionalmente, o xuíz non observa ningunha "advertencia de ilegalidade en caso de aprobarse as licenzas". A secretaria municipal asegurou que esa advertencia se produciu nunha xuntanza en xaneiro de 2006, pero non existen actas da mesma e o alcalde e os edís negan que se producise.
Por todo isto o xuíz chega á conclusión de que non hai unha "claridade meridiana" para poder afirmar que "os acusados, alcalde e concelleiros, actuasen a sabendas da inxustiza que cometían á hora de aprobar as licenzas". Agrega ademais no seu descargo que a Xunta mudou de postura sobre o urbanismo de Barreiros pasando de paralizalo -en 2007, co goberno de PSdeG e BNG- a "desistir dos procedementos xudiciais iniciados ou non executar as sentenzas favorables alcanzadas" -tras o retorno do PP- e asinar "un convenio para santificar ditas promocións ilegais (...) nin máis nin menos que con 14 millóns de euros de diñeiro público", en referencia ao convenio que estipulaba que a Xunta poría o 40% dos fondos para paliar o caos urbanístico, a Deputación de Lugo o 10% e o resto, o municipio.
"Procede absolver aos acusados" porque "non só non deben perseguirse os feitos que evidencian faltan de transcendencia delituosa", razoa a sentenza, senón que "tampouco deben verse suxeitas a procedementos penais persoas cuxas condutas" non son "claramente incriminables por falta de indicios" ou "son reprochables en campos xurídicos distintos do penal". Este segundo é o caso, considera, xa que houbo "procedementos sancionadores no campo administrativo" e poden existir outras resolucións "noutras ordes xurisdiccionais".
Remata así por agora -aínda cabe recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo- o percorrido penal dun caso con obvias ramificacións políticas na última década. A comezar pola paralización daqueles edificios irregulares por parte do Goberno galego de PSdeG e BNG a comezos de 2007 -a Xustiza acabou determinado que a paralización non fora tramitada correctamente por faltar a fase de exposición pública- e a seguir polo máis que previsible regreso de Fuente á militancia no PP. Non en van, cando Alberto Núñez Feijóo celebrou hai apenas dúas semanas a presentación de, teoricamente, os 313 aspirantes do seu partido ás alcaldías galegas, para Barreiros aínda non había candidato.