O PP reivindica ser "o partido que máis se parece a Galicia": "Sabemos dicir si, non e depende"

Alberto Núñez Feijoo, este sábado no acto de presentación dos 313 candidatos do PP © PPdeG

O Partido Popular presentou este sábado en Compostela os seus 313 candidatos e candidatas para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Unha vez máis a formación conservadora volverá presentar lista en todas os concellos do país, dos que na actualidade goberna 166, aínda que só nunha cidade e moi poucas vilas grandes e medias.

"Ae alguén nos di 'Viva Galicia', nós respondemos 'Viva Galicia'. E se alguén nos di 'Viva España', nós respondemos 'Viva España', pero ademais hai que saber xestionar, como fai o PP", dixo Feijóo

No acto, ante máis de dúas mil persoas, Alberto Núñez Feijóo, incidiu na "xestión" realizada polo PP, afirmando que "se alguén nos di 'Viva Galicia', nós respondemos 'Viva Galicia'. E se alguén nos di 'Viva España', nós respondemos 'Viva España', pero ademais hai que saber xestionar, como fai o Partido Popular". 

Seguindo este fío, no acto proxectouse un vídeo no que, baixo o título "Ou eles ou ti" amosáronse imaxes de Abel Caballero, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, Jorge Suárez, Miguel Anxo Fernández Lores ou Lara Méndez, alcaldes e alcaldesa das cidades galegas non gobernadas polo PP (todas, agás Ourense), acompañados de titulares de prensa con algúns dos aspectos máis criticados polos populares no actual mandato municipal

"Aquí hai 313 candidatos para as 313 Galicias: cos pés na terra, que coñecen Galicia, que aman a España, que saben como facer que un concello funcione e que saben escoitar as demandas dos veciños para convertelas en realidade", dixo Núñez Feijóo. "Todos os partidos nos critican, pero ao mesmo tempo todos se queren parecer ao PP. Queren os nosos resultados electorais e na xestión, conectar coa xente coma nós, os nosos equipos e a nosa presenza no territorio", afirmou o líder popular.

Baixo o título "Ou eles ou ti" amosáronse imaxes de Abel Caballero, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega, Jorge Suárez, Miguel Anxo Fernández Lores ou Lara Méndez

O presidente da Xunta reivindicou o PPdeG como "o partido que máis se parece a Galicia". "Como Galicia, nós non somos vociferantes, non somos oportunistas, non somos intransixentes nin intolerantes: sabemos dicir “si”, “non” e “depende”, porque non todo nesta vida é branco ou negro", dixo. 

No acto tamén interviron outros dirixentes populares, como Alfonso Rueda, Elena Candia, Diego Calvo ou Manuel Baltar, que afirmou que "Hai tres palabras que nos definen: Galeguismo, Centrismo e Municipalismo. Somos o único partido que pode presumir de defender estes valores".

O acto foi seguido en directo por máis de dúas mil persoas © PPdeG
Núñez Feijóo intervén ante os 313 candidatos e candidatas do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.