Os abandeirados do que pretendeu ser "a Marbella galega" sentarán no banco dos acusados dos xulgados do Penal de Lugo, segundo indica un auto ditado polos xulgados de Mondoñedo. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP), enfróntase a unha petición de dous anos de cárcere e dez de inhabilitación pola concesión das 44 licenzas que posibilitaron erguer na localidade mariñá milleiros de vivendas a mediados da pasada década sen sequera garantirlles servizos básicos como luz, auga ou saneamento. É a pena que solicita a Fiscalía para o rexedor e para os tres edís que, xunto a el, lle deron luz verde ás licenzas na Xunta de Goberno local barreirense, así como para a arquitecta municipal, Marta Geada, que informou favorablemente sobre a operación contra o criterio da secretaría municipal.
Outros dous concelleiros do PP -que non aprobaron todas as licenzas- terán que facer fronte no xuízo á petición de seis meses de prisión e sete anos de inhabilitación nun procedemento penal no que, en todos os casos, o Ministerio Público considera que se cometeron presuntos delitos de prevaricación urbanística. A Fiscalía, asemade, procurará que no procedemento fiquen anuladas estas licenzas, "concedidas de xeito ilícito" por un goberno local que, afirma, sabía que era imposible atender "as necesidades de infraestruturas precisas" dunha expansión urbanística deste calibre.
En 2007 o bipartito paralizou a construción e formulou unha denuncia que o PP retirou ao retornar á Xunta
Con este procedemento regresa aos tribunais unha operación urbanística que, así e todo, nunca chegou a culminarse. No ano 2007 o Executivo bipartito da Xunta paralizou a construción dunhas 3.000 vivendas das máis de 6.000 que se autorizaran -Barreiros ten 3.200 habitantes- e iniciou unha batalla xudicial que o propio Goberno galego freou tras chegar Alberto Núñez Feijóo á Presidencia. A Xunta do PP retirou as denuncias e iniciou un proceso de legalización masiva das vivendas cuestionadas a través dun plan de incidencia supramunicipal que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu tombar en 2013 a instancias dunha denuncia de ADEGA.
O TSXG apreciou desviación de poder do Goberno galego e o Supremo tombou a anulación de 2007 por un defecto formal
Segundo o alto tribunal galego, o gabinete de Feijóo incorreu con aquel plan nunha "desviación de poder". Non obstante, a daquela Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestuturas, aínda con Agustín Hernández á fronte, reduciu o acontecido a unha mera cuestión burocrática. Poucos meses despois, en marzo de 2014, o goberno popular recibiu con entusiasmo outra sentenza, neste caso do Tribunal Supremo, na que se ditaminaba a nulidade do decreto co que o bipartito suspendera en 2007 as normas urbanísticas de Barreiros para frear a urbanización masiva por un defecto de forma. Daquela o alcalde considerou probado que fora vítima dunha persecución "política" por parte de PSdeG e BNG e celebrou unha sentenza tamén aplaudida por ata 16 construtores, que anunciaron a súa disposición de litigar contra a Xunta para seren indemnizador por non poderen promover os chalés e edificios previstos.
O rexedor declárase tranquilo e o seu avogado enfatiza que outra causa contra el xa foi arquivada
Tras coñecer o movemento da Fiscalía o alcalde barreirense amosou completa tranquilidade. En declaracións a La Voz de Galicia asegurou estar "moi tranquilo" porque "fixemos o correcto". "Os que estamos en política estamos sometidos a estas cousas", indica Alfonso Fuente, cuxo avogado enfatizou, en conversa con Radio Lugo, que no ano 2012 foi arquivado o proceso contra el e mais os seus edís por este mesmo caso. En Barreiros, reflexiona Fuente -que nas pasadas municipais volveu gañar con maioría absoluta-, "todo se magnificou".