0 Gardados para despois

Barreiros teima no uso "irracional" do solo no seu novo plan urbanístico e prevé 2.000 vivendas máis

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O remedio é peor que a enfermidade ou, cando menos, agrávaa. O Concello de Barreiros, municipio de apenas 3.000 habitantes cuxo alcalde, Alfonso Fuente (PP), foi protagonista durante pasada década por promover unha enorme expansión urbanística con vistas ao turismo que rematou en desfeita e problemas legais aínda por resolver. Na actualidade o goberno local atópase inmerso na tramitación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que substitúa as normas subsidiarias que rexen na actualidade, aprobadas en 1994 e vixentes tras a anulación polo Supremo en 2014 das ordenación provisional de 2007.

A mediados do pasado decembro a Xunta emitiu o coñecido como documento de alcance, no que a partir das achegas de diversos departamentos e entidades a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio determina o "nivel de detalle" co que debe contar o estudo ambiental do plan. Nese informe técnico a Administración autonómica dá outro pau ao urbanismo do goberno de Barreiros que, di, teima nunha expansión e uso do solo irracionais, profundando nos erros do pasado no canto de resolvelos.

Barreiros conta con máis vivendas que habitantes tras incrementar o seu parque un 123% 

Nun documento de 145 páxinas a Consellería debuxa o panorama do que parte un municipio que na actualidade xa conta con máis casas que persoas: 4.376 vivendas por apenas tres milleiros de persoas tras incrementar o parque de vivendas un 123% na primeira década do século. Desas edificacións ata 2.846 correspóndense con segundas vivendas e 687 están oficialmente baleiras. Este, describe, é o resultado máis tanxible do período expansivo previo ao estourido da burbulla, no que na súa intención de ser o Sanxenxo do norte -o alcalde chegou a invocalo como un dereito- esta aposta urbanística provocou  "fortes disfuncións, impactos paisaxísticos, ambientais e insuficiencia de infraestruturas e asentamentos á marxe do planeamento".

O proxecto de PXOM remitido á Xunta formula a construción de 2.117 novas vivendas malia non existir "demanda sen cubrir" e contar con 687 oficialmente baleiras

Tal "desenvolvemento do sector turístico estacional" non converteu Barreiros, nin de lonxe, nun centro vacacional, describe o documento da Xunta. "O municipio mantén o seu orixinario carácter rural, baseado fundamentalmente na produción agrogandeira e forestal" e segue a contar cunha "contorna natural privilexiada" malia ás agresións do ladrillo. Neste sentido, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo destaca no informe que "non existe demanda sen cubrir" de vivenda para a poboación empadroada e, adicionalmente, "co parque de vivendas existente e as que están en construción, a poboación pode superar os 20.000 habitantes concentrados nos asentamentos das catro parroquias costeiras".

Así e todo, o guión do Concello segue a ser o mesmo e prevé no seu bosquexo de PXOM ata 2.117 novas vivendas, 907 delas derivadas "de licenzas concedidas ou en construción". A elas "hai que engadir 356 en solo rústico fóra das urbanizacións xurdidas á marxe do planeamento. O horizonte que marca o Concello, daquela, é o de acadar unas 7.800 vivendas. 

Proposta de mudanza do emprazamento dunha zona verde, formulada no informe da Xunta para protexer a paisaxe da ría de Foz

Neste contexto, a Consellería inza de obxeccións un proxecto que "consolida e dá continuidade ao modelo de desenvolvemento expansivo baseado na vivenda de segunda residencia, algo non xustificable en termos de uso racional do solo e da sustentabilidade ambiental". Así, por exemplo, os técnicos da da Xunta opóñense ás recualificacións que propón o goberno local, algunha delas a pé de costa -como a da contorna que amosa a imaxe ao inicio desta información-. "Non se xustifica a necesidade de transformación urbanística de solo vacante", xa que "semella suficiente a consolidación da trama urbana e das parcelas vacantes", di o informe, que identifica numerosos erros técnicos e documentais e mesmo "contradicións" no documento formulado polo Concello.

O Concello propón recualificacións que "non se xustifican" para "dar continuidade ao modelo de desenvolvemeno expansivo baseado na vivenda de segunda residencia"

Alén das desproporcionadas previsións de vivendas os departamentos técnicos da Xunta advirten ademais do risco de que o novo PXOM non só non emenden as "importantes eivas e disfucións" do pasado en ámbitos como o impacto paisaxístico. Algunhas das "solucións" propostas "poden perpetuar ou mesmo agravar a problemática paisaxística en lugar de establecer mecanismos para corrixila". Nesta liña, por exemplo, o informe propón mudanzas como "modificar o emprazamento" dunha zona verde que o plan propón situar á beira dunha pista e trasladala a unha parcela clasificada como solo urbano consolidado, "de interese paisaxístico polas visuais que ofrece da ría de Foz".

Os técnicos ven rechamante que non se prevean equipamentos para atender "á terceira idade", que é xa un terzo da poboación

O documento de alcance bosquexa, con estas e outras advertencias, un panorama no que o Concello teima en procurar o incerto soño turístico mentres obvia a realidade do municipio. Así, por exemplo, o informe detalla que malia contar cunha "poboación bastante envellecida", cun terzo dos habitantes pertencentes xa "á terceira a idade", "chama a atención" que o PXOM "non faga previsións de incorporar reservas de solo para dotacións asistenciais, toda vez que non existe no Concello ningún equipamento destinado a este fin na actualidade".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.