0 Gardados para despois

Barreiros, ou como as solucións á desfeita urbanística traen “novos impactos paisaxísticos”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O urbanismo de Barreiros, a vila da Mariña lucense de pouco máis de 3.000 habitantes cuxo alcalde, Alfonso Fuente, do PP, pretendía converter na Sanxenxo do Cantábrico, ten difícil solución. Boa parte das 3.500 segundas residencias ou vivendas baleiras construídas alí durante o bum da pasada década presentan problemas de legalidade urbanística e as redes de servizos públicos son incapaces de atender a demanda. Á espera dun novo plan de urbanismo agora en tramitación que achegue solucións globais, a Xunta vén de criticar por contraproducentes as medidas propostas por Concello e particulares para mellorar unha pequena urbanización xurdida á marxe do planeamento. Son só unha ducia de vivendas unifamiliares, pero representan un exemplo do moito que queda por arranxar no urbanismo de Barreiros e do difícil que será facelo ben.

Máis que urbanización, o que xurdiu no lugar de Veiga de San Pedro, na parroquia de San Pedro de Benquerencia, a menos de 500 metros da praia de Benquerencia, foi un paradigma do ti vai facendo. A Xunta descríbeo como “un asentamento residencial existente á marxe do planeamento, constituído por varias vivendas de segunda residencia situadas ao longo dun camiño sen asfaltar”. O terreo no que se levantaron, de algo máis de 10.000 metros cadrados, foi froito dunha concentración parcelaria e os seus usos só poderían ser agropecuarios. Malia iso, nalgún momento a parcela produto desa concentración foi segregada en 14 partes e na maioría delas levantouse algún tipo de construción residencial. Agora os seus propietarios e o Concello, a través dunha modificación da normativa urbanística municipal en tramitación, queren regularizar a situación desas vivendas e clasificar o solo como urbanizable. Para iso propoñen unha serie de supostas melloras que a Xunta considera que nalgúns casos poden empeorar aínda máis o impacto ambiental.

A Xunta critica que se queira regularizar só unha ducia de vivendas illadas sen contemplar unha actuación integral con outras "construcións da contorna que se atopan en igual situación"

Segundo a Xunta, que vén de facer públicas as súas consideracións, a proposta de modificación urbanística “presenta dúas limitacións importantes, que precisan dunha reformulación”. Por unha banda, o asentamento que se quere regularizar está illado e “desvinculado dun núcleo fundacional”. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio di que a reformulación dese espazo “debería incluír tamén as construcións da contorna que se atopan en igual situación”. Efectivamente, a 100 metros ao nordés desa ducia de vivendas que agora se queren regularizar de xeito illado hai outro grupo de casas, e outro máis a 300 metros ao leste, e outro máis a 400 metros ao norte. Toda a franxa costeira de Barreiros está salpicada de grupos de vivendas similares.

A outra “limitación importante” que atopa a Xunta na proposta de regularización urbanística é que “os terreos afectados pola modificación foron obxecto dun proceso de concentración parcelaria con sentenza firme, debendo dispoñer de informe favorable do órgano sectorial correspondente (Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural) para autorizar usos diferentes ao agropecuario”. Pero Desenvolvemento Rural xa advertiu, nun informe emitido en xullo, que “non pode esta administración estar de acordo coa parcelación de fincas concentradas, xa que isto supón reverter o proceso de concentración parcelaria” nin “coa urbanización de fincas en zonas de concentración parcelaria, xa que entendemos, consonte coa lexislación vixente, que o uso non debe ser outro que non sexa o agrario”. Di Desenvolvemento Rural que a administración investiu moitos cartos en concentrar as parcelas para mellorar a produtividade agraria como para que logo uns particulares decidisen facer alí segundas residencias.

As vivendas levantáronse en terreos que só podían ter uso agropecuario e agora queren facer unha rúa con maior impacto e deseño urbano e non rural

Xunto con esas dúas grandes consideracións, a Xunta relata unha serie de eivas a maiores da proposta de modificación urbanística que se lle formula. Unha das principais medidas que contempla a modificación urbanística é o asfaltado do camiño de terra que discorre por entre a ducia de parcelas afectadas e a súa prolongación para que deixe de ser un cu de saco, xunto coa habilitación dunha zona verde no extremo desa nova rúa. O Instituto de Estudos do Territorio considera que ese novo vial “aumenta a actual superficie de ocupación e en lugar de minimizar o impacto existente pode amplificalo”, e igualmente a súa ordenación “non resulta contida nin acorde co espazo, xa que deseña un sistema de beirarrúas inacabado que obriga a futuras ampliacións do sector para darlle coherencia”. Tamén critica que a reserva de prazas de aparcadoiro “resulta moi elevada, provocando unha urbanización maior ao que sería desexable” e que o tipo de beirarrúas e luminarias proposto son máis propios de zonas urbanas que rurais como na que se queren implantar.

A Xunta critica que algunhas das supostas melloras da contorna teñen "baixa calidade e nula inserción paisaxística" e "xera novos impactos"

O Instituto de Estudos do Territorio tamén di que “a forma e situación relativa á zona verde non aporta ningunha mellora funcional nin resulta eficaz para diminuír o efecto paisaxístico do conxunto”. E critica que os muros de peche das parcelas “presentan unha imaxe de conxunto de baixa calidade e nula inserción paisaxística”. O ente autonómico conclúe que “se ben a modificación ten aspectos positivos, na medida en que procura a ordenación do ámbito, a formulación proposta xera novos impactos paisaxísticos”, e impón unha serie de medidas para evitalos.

Recollendo estas consideracións de Medio Rural e do Instituto de Estudos do Territorio, así como as súas propias e outras doutros departamentos, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conclúe que “a proposta achegada non favorece unha ordenación coherente do solo, polo que os efectos sobre a paisaxe e o consumo de recursos poderían ser significativos se non se adoptan as medidas axeitadas”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.