O alcalde deixara o partido pero non o cargo ao ser xulgado por prevaricación por autorizar 3.000 vivendas nun ano nunha vila de 3.200 habitantes, pero en febreiro foi absolto, volveu ser o candidato popular e agora é adiantado polo BNG
En Barreiros, con 3.200 habitantes, o seu alcalde, o popular Alfonso Fuente, deu licenzas nun só ano, 2006, para construír preto de 3.000 vivendas. Quería converter a vila no “Sanxenxo do norte”, construción desaforada e sen servizos públicos suficientes que foi paralizada pola daquela Xunta bipartita de PSdeG e BNG. A xustiza determinou o pasado ano que aquelas licenzas eran irregulares, pero hai tres meses considerou que a ilegalidade non chegaba a delito e absolveu o alcalde de prevaricación, o que o levou a ratificarse en que sufrira unha persecución política por parte da esquerda que pretendía gañar nos xulgados o que non conseguía nas urnas. Este domingo Fuente non só perdeu nas urnas a súa maioría absoluta senón que o PP foi adiantado polo BNG, que asumirá a alcaldía.
Un xuíz considerou en febreiro que non había probas de que Fuente actuase "a sabendas" de que as licenzas eran ilegais e con esa absolución o alcalde volveu ao PP
Alfonso Fuente viña gobernando Barreiros con maioría absoluta desde 2005. Malia recibir sucesivas sentenzas e resolucións administrativas contrarias ao seu proceder urbanístico, o popular leva década e media xustificando e teimando nun modelo de crecemento que, coa crise, deixou ducias de construcións a medio rematar espalladas pola paisaxe da vila, cuxas redes de electricidade, abastecemento ou saneamento non tiñan capacidade para acollelas. A comezos do último mandato, cando se lle abriu xuízo oral acusado de prevaricación polas licenzas ilegais que outorgara o seu goberno, Fuente deixou o PP, pero non a alcaldía, á espera dunha sentenza que o pasado febreiro resultou absolutoria. O xuíz concluíu que non había unha “claridade meridiana” para poder afirmar que os acusados “actuasen a sabendas da inxustiza que cometían á hora de aprobar as licenzas”.
Con esa absolución penal, pendente agora dun recurso presentado pola Fiscalía, e malia as condenas previas na vía contencioso-administrativa, Fuente volveu ao PP, facendo así que o partido recuperase formalmente unha alcaldía que na práctica nunca deixara de controlar. E volveu ser tamén o candidato popular nestas eleccións. Fíxoo tras anos de respaldo da Xunta de Feijóo, que nos últimos tempos vén intentando resolver con cartos públicos as deficiencias nos servizos municipais que deberan acometer no seu momento os promotores inmobiliarios.
Os esforzados intentos de fiscalización do goberno local por parte do BNG déronlle a alcaldía dunha vila na que votaron 2.000 persoas, poboación que non sería quen de encher as 3.500 vivendas baleiras ou de fin de semana
Nunha vila pequena e agrogandeira na que Fuente exercía un control persoal sobre todo tipo de ámbitos, os esforzados intentos de fiscalización que nos últimos anos veu desenvolvendo o BNG coa súa candidata Ana Ermida á fronte déronlle este domingo a vitoria electoral. Co PSdeG estancado nos 175 votos de hai catro anos, os nacionalistas gañaron uns 200 votos e colocáronse con 941 (46,7%), por diante dos 877 votos (43,3%) do popular, que perdeu uns 80 votos. Foi o que decidiron os 2.000 votantes da vila, poboación que nin duplicándose sería quen de encher as 3.500 vivendas de Barreiros que segundo as estatísticas oficiais están baleiras ou só se ocupan en fins de semana, sen contar as varias ducias de edificios que quedaron a medio construír.