O BNG quítalle Barreiros ao popular Alfonso Fuente, que apostou polo crecemento urbanístico desaforado e no último ano viu como ao tempo a xustiza consideraba ilegais as súas licenzas de construción pero o absolvía do delito de prevaricación
O BNG vén de ser a forza máis votada en Barreiros tras catro décadas de goberno da dereita con maioría absoluta, desde 2005 da man do popular Alfonso Fuente, que apostou polo crecemento urbanístico desaforado e especulativo. Hai un ano a xustiza estableceu que autorizara milleiros de vivendas de xeito ilegal, pero en febreiro outro xulgado absolveuno na vía penal ao considerar que non era consciente con "claridade meridiana" de estar cometendo ningún delito. O rexedor viu así avalada a súa tese de que sofrera unha persecución política por parte da esquerda e duns poucos medios de comunicación, pero tres meses despois vén de ser derrotado nas urnas polo BNG, encabezado por Ana Ermida (Barreiros, 1983). Entrou na Corporación como segunda da lista en 2011, cando o partido só acadou o 17% dos votos e, tras ser cabeza de lista xa en 2015 agora vén de elevar o BNG ao 46,7%.
No último ano a xustiza estableceu á vez que as licenzas de construción que outorgara o PP eran ilegais pero que o alcalde non era consciente de estar cometendo ningún delito. Por que a vitoria do BNG chega tras esa absolución penal e non durante os anos previos de conflito urbanístico?
Creo que o resultado electoral é froito do traballo feito por uns e por outros. Creo que a xente valorou o que se fixo en Barreiros e fóra do que determinen os xulgados ou do que se poida demostrar xudicialmente o que é un feito é como está Barreiros e como foi involucionando nos últimos anos. Barreiros estancouse ou mesmo nalgunhas cousas camiñou cara atrás, e iso foi o que a xente valorou. Non serve de nada unha decisión xudicial cando realmente o Concello non está funcionando e o goberno está desatendendo o que ten que atender, que é o goberno precisamente.
Pode dicirse que o BNG gañoulle ao PP nas urnas o que este viña de recuperar no xulgado?
O que gañamos en Barreiros foi a confianza da xente para facer un cambio na xestión municipal. E iso foi o que a xente tamén castigou. Non creo que sexa só a cuestión urbanística senón tamén outras que van aparelladas como a cuestión económica ou a xestión diaria. Iso foi o que nós demostramos xa desde a oposición que se podía facer doutro xeito e a xente confiou en nós para facelo desde o goberno. O que gañamos foi esa confianza da xente e devolverlle ás veciñas e veciños a ilusión de ser de Barreiros e traballar por Barreiros, que era algo que nos últimos anos estaba absolutamente perdido.
Vostedes criticaron nos últimos anos e na campaña a falta de transparencia no Concello. Que esperan atopar?
"Non sabemos que imos atopar no Concelo, por iso para nós é fundamental auditar a xestión e as contas para marcar tamén un punto e aparte"
Non o sabemos. Podemos facernos unha idea polo coñecemento das cousas que temos pero non o sabemos. Por iso para nós é fundamental auditar a xestión e as contas para marcar tamén un punto e aparte. A partir deste momento hai que facer a xestión doutro xeito e hai que facelo sabendo como está a situación real. Sabéndoo nós e sabéndoo a xente. É fundamental que a xente teña coñecemento de todo o que está a acontecer na Casa do Concello, que é a casa de todos. O noso compromiso é manter á xente informada e darlle a oportunidade de participar nas decisións xudiciais.
A xustiza estableceu que a Xunta non ten que pagar indemnizacións millonarias aos promotores por parar as construcións en 2006 porque as súas licenzas eran ilegais. Teme que agora os promotores esixan esas indemnizacións ao Concello por outorgarlles esas licenzas ilegais?
"Sería cando menos curioso que agora os promotores pidan indemnizacións ao Concello"
A cuestión urbanística en Barreiros é tremendamente complexa. Descoñecemos a día de hoxe a situación en que se atopan tanto os procedementos administrativos como as reclamacións de cantidades que poida haber. Hai que ver a situación e analizar a mellor forma posible de afrontala. Desde logo, sería cando menos curioso que agora se dera esa situación. Pero temos que afrontar o que nos veña do mellor xeito posible e intentando que non sexa custoso, ou que sexa o menos posible, para as veciñas e os veciños. Porque desde logo se fose así a responsabilidade non pode pagala a veciñanza.
Como se arranxa agora o urbanismo de Barreiros?
"Levamos ano e medio pedindo unha reunión co equipo redactor do Plan de Urbanismo. O primeiro será sentarse cos técnicos, ver as posibilidades e facer as cousas en función dos intereses xerais"
Pois traballando. Creo que a clave é sentarse e planificar. Temos un traballo por diante moi intenso e teremos que remar todas e todos na mesma dirección. O primeiro é coñecer en que situación está porque esa falta de transparencia da que falabamos impídenos coñecer a realidade. Cousas tan normais como que a Corporación coñeza o estado en que está a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Fomos incapaces de conseguilo levando un ano e medio solicitando no Pleno unha reunión co equipo redactor. O primeiro será iso, sentarse co equipo redactor e cos técnicos e ver cal é a situación e cales son as posibilidades. E facer as cousas en función dos intereses xerais.
Vostede é a cabeza visible do BNG en Barreiros desde 2015, pero antes o partido xa viña facendo unha importante labor de fiscalización do goberno local. Como é a oposición contra un alcalde tan forte nun concello tan pequeno? Sufriron presións?
A oposición é a base de traballo. Sempre existe na política municipal, que é a máis achegada á xente, momentos duros. Todos os compañeiros que pasaron pola Corporación, aos que quero recoñecer sempre que falo, teñen parte desta vitoria. Porque efectivamente facer política nun concello pequeno xa é duro, e facer oposición cando hai tanto movemento tamén é duro. Non hai ningunha receita máxica. É honestidade, rigor, seriedade e traballo. Iso é o que viñemos facendo historicamente o Bloque e é o que nos levou a ter esta situación que temos hoxe.