Ano 2006. Barreiros, na Mariña. O municipio ten pouco máis de 3.200 habitantes e o goberno local do PP autoriza 51 vivendas o 2 de febreiro, 92 vivendas o 9 de marzo, 48 vivendas o 14 e abril, 296 o 4 de xullo, 596 o 2 de agosto, 244 o 1 de setembro, 675 o 5 de setembro... E así, ata case 3.000 vivendas en apenas sete meses. Aínda que a contorna para construílas non contaba con servizos básicos como auga, electricidade, saneamento ou accesos ou aínda que, como acreditou a xustiza despois, aquelas licenzas eran ilegais.
Todo isto son feitos probados pola Xustiza e neste episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, volvemos a Barreiros e ao caso da súa burbulla inmobiliaria, que leva máis dunha década entrando e saíndo da axenda política e xudicial galega e no que un dos últimos episodios da vertente chegaba hai poucos días, en vésperas das eleccións municipais, cando puidemos ler que o Supremo pechou a desfeita cunha condena menor a unha auxiliar administrativa do Concello.
Regresamos a Barreiros para repasar o longo percorrido xudicial e político da desfeita urbanística que padeceu o concello a principios de século co antigo goberno local do PP e falamos coa súa alcaldesa e candidata á reelección polo BNG, Ana Ermida
Con David Reinero repasamos o complexo percorrido xudicial, no que o antigo alcalde do PP, Alfonso Fuente, acabou sendo absolto xunto a cinco dos seus concelleiros ao considerar a Xustiza que non quedara probado que outorgasen as licenzas con pleno coñecemento de que eran ilegais. Esa concesión de licenzas non parara por vontade daquel goberno local, senón da Xunta que naquela altura dirixían PSdeG e BNG. Ante o elevado volume de licenzas que estaban a conceder, interveu o urbanismo de Barreiros. Pero despois a xustiza anulou aquela actuación por un defecto de forma.
Outra condena á Xunta, neste caso do PP por poñer cartos das súas arcas para facilitar a legalización do xa construído, ou a condena á administrativa que coñecemos hai poucos días completan o catro xudicial dun caso que, no plano político, tivo o seu xiro de guión hai xa catro anos. Nas municipais de 2019 o PP foi derrotado. O alcalde que viña de ser absolto nos tribunais foi condenado nas urnas e chegou á alcaldía Ana Ermida, do BNG, que agora aspira á reelección.
En Praza.gal falamos coa rexedora hai catro anos, ando a veciñanza a puxo á fronte dun cambio que nese concello foi histórico, e volvemos falar con ela agora, en vésperas dos comicios do 28M. Ermida explica que sabía que ía ser difícil pero que mesmo sendo consciente do acontecido, atopou sorpresas. Por exemplo, que as débedas do Concello, superiores aos 3 millóns de euros, eran case tantas como o orzamento municipal dun ano.
Con todas estas condicións de partida, Ana Ermida admite que non todos os proxectos que tiñan, todo o programa municipal que levaba o BNG de Barreiros, se puido poñer en marcha. Porque, por exemplo, tiveron que atender necesidades "básicas" no ámbito urbanístico. Así e todo, as súas expectativas son de continuar, de recuncar no goberno local, porque coida que a veciñanza recoñece o traballo despois de todo o que sucedeu e porque as eleccións, en síntese, confrontan "dous modelos" que xa se aplicaron no municipio.
As mensaxes da recta final da campaña
Tras achegármonos a Barreiros, no segundo treito do programa tamén facemos un percorrido por algunhas das mensaxes das principais forzas políticas na recta final da campaña electoral do 28M. Unha campaña na que, por diferentes motivos, tamén se están empregando con intensidade as direccións galegas das principais formacións.
Estas son, entres outras cousas, as primeiras eleccións nas que o PP concorre con Alfonso Rueda como presidente da Xunta e do propio partido en Galicia e tamén por iso está tendo unha axenda de mitins moi intensa. Nela tenta combinar o perfil propio que o propio partido lle vén atribuíndo dende hai un ano con presentar as eleccións municipais como unha caste de primeira volta das eleccións xerais. Neste sentido, Rueda presenta as municipais como unha disxuntiva, en última instancia entre "sentidiño" do PP ou Pedro Sánchez, di.
Escoitamos algunhas das impresións máis destacadas de PP, PSdeG e BNG na recta final da campaña do 28M
Pola banda do PSdeG, o partido que goberna no ámbito municipal a máis da metade da poboación de Galicia, esta campaña está sendo importante por varios motivos. O primeiro e fundamental, polo gran volume de poder institucional que ten en xogo. Pero tamén porque é a primeira campaña na que se implica plenamente José Ramón Gómez Besteiro, o novo delegado do Goberno de España en Galicia e previsible candidato á presidencia. Cunha axenda non menos intensa que a de Rueda, explica que se implica na campaña porque no PSdeG senten orgullo das súas candidaturas municipais, algo que cre que non sucede no PP. Así o sinalaba, por exemplo, hai uns días nun mitin en Cervo empregando para iso, como escoitamos no Fálase, elevadas doses de retranca.
Mentres, no BNG, a súa dirección aspira a ser a forza que máis medre. Así o vén afirmando a súa portavoz nacional e así nolo dixo tamén nunha entrevista que mantivo con Praza.gal ao comezo da campaña. Ana Pontón di estar convencida de que o día vinte e oito vai haber sorpresas, que o BNG vai ter máis edís, pero tamén máis gobernos e máis alcaldías. Como escoitamos no Fálase, asegura que o afirma porque están sentindo o que denomina unha "gran corrente de simpatía" cara ao Bloque que, cre, tamén é un paso máis para o cambio en Galicia.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.