As urnas deciden se Barreiros asenta o goberno do BNG tras o peche penal da desfeita urbanística do PP que constatou a xustiza

Concello de Barreiros CC-BY-SA Praza Pública

En 2019 o PP perdeu a alcaldía ante o BNG tres meses despois de que o daquela alcalde fose absolto por autorizar 3.000 vivendas nun ano, e agora os comicios chegan tras deixar o Supremo toda a responsabilidade penal nunha empregada municipal

En febreiro de 2019 o daquela alcalde e cinco concelleiros do PP foron absoltos pola desfeita urbanística de Barreiros que eles autorizaran en 2006 porque a xustiza non considerou que fosen conscientes de cometer ningunha ilegalidade ao autorizar preto de 3.000 vivendas en menos dun ano. Tres meses despois daquela sentenza o BNG gañaba as eleccións municipais. 

Catro anos máis tarde os novos comicios locais, que decidirán se a vila consolida o cambio político, chegan despois de que o Tribunal Supremo veña de pechar a última vía penal que quedaba pendente sobre o urbanismo local ao absolver a daquela secretaria-interventora e condenando unicamente a unha pena menor a unha auxiliar administrativa por unha falsificación puntual dun rexistro municipal en favor de 51 vivendas.

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

Barreiros foi unha vila dominada tradicionalmente polo PP que a comezos de século, con pouco máis de 3.000 habitantes, viviu un boom de segundas residencias. O daquela alcalde, o popular Alfonso Fuente, quería convertela no “Sanxenxo do norte” e co seu goberno local autorizou en menos dun ano tantas vivendas como habitantes había xa no concello. 

A xustiza, na vía contencioso-administrativa, constatou as irregularidades das licenzas concedidas, pero na vía penal non foi quen de probar que o alcalde e cinco dos seus concelleiros cometesen prevaricación, que fosen conscientes de actuar contra a lei. A xustiza absolveu o PP local en 2019 pero para a cidadanía xa fora demasiado e as eleccións dese ano deron a alcaldía ao BNG co 46,7% dos votos fronte ao 43,3% dos populares

A nacionalista Ana Ermida é a alcaldesa de Barreiros desde hai catro anos e aspira á reelección. En 2019 temía o que podían atopar cando tomase posesión do cargo, e catro anos máis tarde di que igualmente se sorprendeu da situación municipal. A débeda municipal ascendía a tres millóns e medio de euros, cifra similar á de todo un orzamento anual do concello, e o novo goberno local tivo que afrontala nun mandato no que apareceu a pandemia da COVID-19, polo que Ermida amósase moderadamente satisfeita do realizado. 

“Centrámonos en mellorar os servizos básicos”, di, en referencia a esas necesidades incrementadas na vila pola súa construción desaforada. “Non foi posible abordar todo o que necesita Barreiros porque non partiamos dunha situación de normalidade”, argumenta.

Ana Ermida, alcaldesa do BNG en Barreiros aspirante á reelección © BNG

"O que se escolle nestas eleccións son dous modelos que xa se probaron neste concello", di a alcaldesa do BNG aspirante á reelección

“Catro anos son poucos para levantar das cinzas un concello”, di Ermida, polo que espera contar coa confianza da cidadanía para continuar o seu proxecto outro mandato máis. “O que se escolle nestas eleccións son dous modelos que xa se probaron neste concello”, conclúe a actual alcaldesa. 

No PP o anterior alcalde, Alfonso Fuente, deixou de ser concelleiro hai dous anos e sucédeo agora como candidato quen fora o seu número 2, José Manuel Gómez Puente, deputado provincial e tamén absolto en 2019 no xuízo pola concesión de licenzas urbanísticas. A terceira candidatura no concello é do PSdeG, que hai catro anos obtivo unha concelleira que tamén entrou a formar parte do goberno municipal.

Os novos comicios chegan despois de que o Supremo veña de pechar a última derivada penal da desfeita urbanística de hai dúas décadas coa absolución da secretaria-interventora municipal e a ratificación da única condena, a dunha auxiliar administrativa que falseou unha anotación nun rexistro municipal. Fíxoo, segundo dixo no xuízo, porque llo pedira o alcalde, pero a xustiza restou importancia a quen lle deu a orde e puxo o foco en que debía negarse ao ser consciente da ilegalidade que estaba a cometer. 

Oferta de chalés en Barreiros con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

En Barreiros hai 3.000 habitantes en 1.200 vivendas principais fronte a 1.300 segundas residencias e 260 vivendas baleiras

Agora o novo goberno municipal que saia das urnas deberá cumprir esa sentenza e apartar a esa traballadora inhabilitada un ano para emprego público. Será a única consecuencia penal da desfeita urbanística da vila. Pero á marxe do que diga a xustiza, quen decida a cidadanía nas urnas que debe gobernar Barreiros os próximos catro anos deberá enfrontarse á realidade dun concello con servizos insuficientes para as segundas residencias xa levantadas. Un concello que tras unha constante perda de habitantes nas últimas décadas (hai 25 anos tiña 3.500 e baixou dos 3.000 hai unha década) está a gañar lixeiramente poboación e en 2022 rexistrou 3.020 persoas empadroadas

Viven, segundo as estatísticas oficiais, en 1.210 vivendas principais, fronte as 1.327 segundas residencias e 260 vivendas baleiras que hai no concello. Cifras que non teñen en conta os esqueletos de formigón que quedaron paralizados hai dúas décadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.