O Concello de Barreiros ten un censo de apenas 3.000 habitantes. Pero é tamén un habitual destino turístico na Mariña, máis aínda dende a controvertida expansión urbanística da pasada década. Ata o punto, segundo cálculos do goberno local, de chegar a acoller unhas 10.000 persoas durante o mes de agosto. Xusto neste mes a pediatra do centro de saúde ten vacacións e o Sergas "non ten previsto cubrilas", alerta o Concello, cuxa alcaldesa vén de dirixirse á Consellería de Sanidade para tentar evitalo.
Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros: "Atopámonos, no mes de agosto, con máis de medio cento de persoas sen atención pediátrica"
O déficit de pediatras non é novo nin no verán nin na Mariña, contorna na que as mobilizacións sanitarias son practicamente unha constante dende hai anos. Esta, considera a nova rexedora da vila, Ana Ermida (BNG), debera ser razón dabondo para que o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña optase por "reconsiderar a decisión de non dotar de pediatra o centro de saúde de Barreiros durante o período de vacacións da titular". Pero, agrega a alcaldesa, hai máis motivos para a preocupación.
Na misiva remitida ao conselleiro Ermida detalla que, "trasladando os datos" da poboación flotante a nenas e nenos menores dse 14 anos "atopámonos, no mes de agosto, con máis de medio cento de persoas sen atención pediátrica". Máis aínda tendo en conta que "a falta de persoal non afecta só a Barreiros", xa que a pediatra "comparte servizo" cos centros de saúde de Lourenzá e Mondoñedo.
O goberno de Barreiros advirte de que a ausencia da pediatra atinxe tamén a municipios da contorna como Lourenzá ou Mondoñedo e contribúe a saturar servizos como o PAC de Ribadeo
"É obvio -razoa a rexedora- que a falta de persoal durante un mes interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse". Pero ademais, advirte, o feito de non haber pediatra implica colateralmente a "saturación doutros servizos" e, daquela "un mal funcionamento do Servizo Galego de Saúde".
Así, por exemplo, non cubrir a baixa de pediatría en Barreiros acaba atinxindo a "outros servizos e lugares que, de seu, xa carecen dunha atención pediátrica especializada". Este é o caso do PAC de Ribadeo e mesmo do hospital de Burela, cita.
O Sergas vén reiterando a escaseza de profesionais dispoñibles como principal causa do déficit de pediatras
"Solicitámoslle a reconsideración da decisión de non dotar de pediatra o centro de saúde de Barreiros durante o período de vacacións da persoa titular e, en concreto, solicitamos a cobertura desta praza durante o mes de agosto", conclúe a carta da alcaldesa. Só así, resalta, poderá manterse "o funcionamento do Sergas dentro duns parámetros mínimos de calidade e cantidade" no mes en que Barreiros triplica poboación.
A resposta ante esta escaseza de pediatras por parte da Consellería de Sanidade vén sendo recorrente. Así, en anos pasados a Xunta resaltou que a non cobertura de baixas ou vacacións se debe, fundamentalmente, á ausencia de profesionais dispoñibles. Recentemente agregaban ademais, en casos como o do centro de saúde de Abadín, que en ausencia de pediatra, os profesionais de medicina familiar están "totalmente capacitados para a atención dos nenos e nenas cando o precisen todos os días da semana”