Rueda formula as municipais como unha disxuntiva entre "sentidiño do PP" ou Pedro Sánchez

Alfonso Rueda e Diego Calvo, este 21 de maio nunha terraza hostaleira da Pobra do Caramiñal xunto ao candidato do PP na vila, Manuel Durán CC-BY-SA PPdeG

Fin de semana maratoniana para Alfonso Rueda, con ata doce convocatorias noutras tantas localidades na fin de semana previa ás primeiras eleccións que afrontará dende a presidencia do PP en Galicia. Despois de que, o pasado venres, o seu antecesor e xefe de filas deixase en segundo plano a cuestión municipal para pasar por Galicia con discursos en clave estatal inzados de alusións a "terroristas" e EH Bildu, Rueda segue en certo xeito o seu ronsel para formular os comicios do 28M como unha disxuntiva entre o "sentidiño do PP" e Pedro Sánchez.

Rueda desenvolve unha intensa axenda de campaña, con ata doce actos na fin de semana previa ás súas primeiras eleccións como líder do PPdeG e entre ecos do paso por Galicia do seu antecesor e xefe de filas

Rueda principiou o domingo percorrendo a beira norte da ría de Arousa. Tras un paseo pola Pobra do Caramiñal, vila que o PP perdeu en 2015 fronte a Nós Pobra, a marea local, a cuxo goberno non deu retornado en 2019 e na que ten un futuro incerto neste 2023, Rueda acudiu ao bastión da dereita na Barbanza, Ribeira, para alentar en formato mitin o alcalde e aspirante á reelección, Manuel Ruiz Rivas, a quen este domingo unha enquisa da empresa DYM para o grupo Prensa Ibérica sitúa abeirando a maioría absoluta grazas ao posible afundimento da súa escisión local, o Partido Barbanza Independiente.

Rueda e Calvo, coa conselleira Fabiola García, o alcalde e candidato Manuel Ruiz Rivas e outros cargos, este domingo nun mitin en Ribeira CC-BY-SA PPdeG

Despois de que, durante a pandemia, o Goberno galego do PP erixise o "sentidiño" nunha caste de feito moral diferencial do pobo galego para seguir as normas, Rueda asegura que as eleccións do 28M son unha elección entre "dous modelos". E o dos populares, asegura, é "o da xente que traballa no día a día", o do "sentidiño, o de priorizar as necesidades da xente" e "á marxe de liortas".

O líder dos conservadores pide concentrar o voto no PP porque "os candidatos do PSOE, do BNG e independentes" comparten o "modelo de Pedro Sánchez na Moncloa"

Segundo este esquema, o titular da Xunta coloca "no outro lado" aos "candidatos do PSOE, do BNG e independentes". "Agora disimulan e fan crer que son diferentes, cando en realidade o único modelo que teñen todos eles é o de Pedro Sánchez na Moncloa". No caso concreto de Ribeira, a formación independente está composta por destacados cadros da dereita local, quer do PP, quer antigos afíns a Ciudadanos.

Unha vez establecido o marco, Rueda advirte da eventual resposta. "Se dividimos o voto e o damos todo por gañado, triunfará o modelo de Pedro Sánchez". Pero se non, o vitorioso será "o modelo dos que saben facer as cousas e que cando cheguen as eleccións xerais, cambie o Goberno de España" a prol do PP.

Neste contexto, en Ribeira en particular e en Galicia en xeral, Rueda insta os seus a "pedir o voto a todo o mundo, sen renunciar a ninguén", tamén aos que "deixaron de confiar" nas siglas do PP "nalgún momento, aos que se avergoñan do seu voto a outras forzas no pasado e mesmo aos que teñen claro que non van votar o PP". Tras o mitin ribeirense, Rueda acudiu a Boiro, Mos e Lalín como parte dunha axenda que para este domingo incluíu tamén Chantada, Monterroso e Rodeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.