O líder do PP estatal emprega un mitin en apoio da súa candidata en Lugo para postularse el mesmo e comprometer o remate de infraestruturas xa en marcha se é elixido presidente de España
Durante anos sucesivos gobernos foron adiando a mellora da liña ferroviaria entre Ourense e Lugo mentres se debatía se habería ou non AVE ata a cidade da Muralla. Esa conexión de alta velocidade de novo trazado foi finalmente descartada durante o Goberno central de Mariano Rajoy, e agora as obras de mellora da liña convencional están notablemente avanzadas.
Pero non tanto como lle gustaría a Feijóo, que este venres participou en Lugo nun mitin de apoio á candidata popular á alcaldía, Elena Candia, no que se laiou de que as actuacións están “ralentizadas”. Nada dixo de que hai máis de 14 anos, en xaneiro de 2009, el mesmo prometera levar o “AVE de Lugo a Ourense co diñeiro da Xunta” que presidiu ata hai un ano.
A súa intervención en Lugo este venres en apoio da candidata popular foi empregada polo presidente estatal do partido para postularse el mesmo como futuro presidente de España. Feijóo dixo que chegou á cidade desde Santiago a través dunha “autovía inconclusa”, obviando que parte da súa demora é responsabilidade de gobernos populares.
Tamén afeou ao Goberno de España a caída do viaduto da A-6 en Pedrafita, malia que os expertos apuntaron que anos de incorrecto mantemento contribuíron ao seu deterioro. E teimou en salientar que Lugo “non ten alta velocidade”, como se non fose un Goberno central do seu partido quen decidiu non facer esa infraestrutura.
Pero todo iso vai quedar solucionado, asegura Feijóo, tras unhas próximas eleccións. Non as do 28 de maio, as municipais en cuxa campaña está a intervir, senón as xerais previstas para final de ano. Daquela, asegura o popular, “se o conxunto de España considera que este galego pode ser presidente de España, todo o que acabo de dicir se vai finalizar, concluír e realizar”.
Feijóo di, en referencia a PSdeG e BNG, que "socios de Bildu son os que gobernan en Lugo" e que "non hai ningún lucense de boa fe" disposto a manter ese goberno
Pero Feijóo tamén tivo este venres palabras para os lucenses que nas anteriores municipais votaron a PSdeG ou BNG. Novamente mesturando as claves políticas estatais coas locais o popular asegurou que “socios de Bildu son os que gobernan en Lugo”, en referencia ao goberno de coalición entre a socialista Lara Méndez e o nacionalista Rubén Arroxo.
“Non hai ningún lucense de boa fe disposto a ter no goberno a quen goberna con Bildu”, dixo en referencia a eses votantes locais de PSdeG e BNG. Os socialistas, en coalición co Bloque ou en solitario, gobernan o Concello de Lugo dende 1999.