A investigación preliminar do derrubamento di que se debeu a unha “concomitancia de varios efectos” que foron deteriorando o formigón
- DOCUMENTO | Memoria técnica dos traballos realizados no marco da emerxencia polo colapso do viaduto do Castro
- DOCUMENTO | Informe preliminar sobre as causas do colapso do viaduto do Castro
O Ministerio de Transportes fixo públicos este martes os seus informes preliminares sobre as causas do derrubamento o pasado xuño do viaduto da A-6 nas proximidades de Pedrafita e avanzou a súa planificación para a progresiva reapertura dese treito así como modificacións nos desvíos de tráfico previstos ata daquela.
O ministerio vai aproveitar parcialmente o viaduto esquerdo en sentido Galicia, o que non caeu en xuño e que ten un menor número de vanos que o viaduto derrubado. Nese viaduto esquerdo retirarase todo o taboleiro actual e instalarase un novo con mellores características, conservando os piares. Eses traballos iniciaranse este mesmo mes de novembro e o obxectivo do ministerio é “que se poida volver a circular, en ambos sentidos de forma temporal, no segundo semestre de 2023”.
Os traballos no viaduto dereito en sentido Galicia, o derrubado, serán máis complexos e implicarán a demolición tamén dos piares así como asegurar a contorna, polo que a previsión de posta en servizo tras a reconstrución de toda a ponte é “durante o ano 2024”
Ata que dentro dun ano se poida empregar o viaduto esquerdo en dirección a Galicia cun carril en cada sentido os vehículos deberán seguir saíndo da autovía, pero ese desvío verá novamente mudadas as súas condicións. Os vehículos en dirección a Galicia seguirán atravesando o centro da vila de Pedrafita como ata agora. Pola contra, se agora os vehículos en dirección á Meseta circulan polo túnel que cruza baixo a vila e tras superalo se incorporan á estrada convencional, agora mudarase lixeiramente o dispositivo para evitar problemas coa notable pendente do 12% que hai que empregar para saír da autovía.
Agora en condicións climatolóxicas normais os camións atravesarán o centro de Pedrafita tamén en sentido Madrid, de xeito que só os vehículos lixeiros seguirán empregando o túnel baixo a vila que remata na pendente de acceso á estrada nacional. Pero en “situacións de alerta por vialidade invernal”, isto é, con neve ou xeo, tamén os vehículos lixeiros serán desviados polo centro da vila para evitar a pendente conflitiva. Este novo dispositivo evitará que en situacións de neve os camións teñan que desviarse entre Ponferrada e Lugo por Monforte e Sarria, como pretendía o ministerio, o que implicaba un notable desvío.
O ministerio di que houbo "unha degradación do material por riba do esperado" por "filtracións froito dun mantemento non axustado"
Canto ás causas do derrubamento do viaduto, o ministerio aclarou este martes que a investigación aínda non rematou, pero que nas pescudas realizadas ata agora detectouse “unha degradación do material [...] por riba do esperado debido a unha serie de filtracións froito dun mantemento non axustado ás condicións da zona desde a súa posta en servizo”, isto é, polo emprego de sales fundentes contra a neve e o xeo que se foron filtrando na estrutura.
Esa expresión empregada polo ministerio na súa nota de prensa a respecto dun “mantemento non axustado” non aparece así recollida en ningún dos dous informes íntegros divulgados este martes, que conclúen que “non se pode establecer unha causa única, nin principal, que dese orixe aos colapsos, que só poden ser xustificados pola concomitancia de varios efectos que, aplicados de forma independente, en ningún caso darían lugar a un fallo da estrutura, pero que, actuando de forma simultánea, poden dar lugar a unha situación compatible co colapso”.
Eses efectos, segundo eses informes, foron o “deterioro durable” das pezas que conforman os taboleiros, a “diminución da capacidade resistente da zona superior” desas pezas polas actuacións de demolición con auga a presión que se estaban a realizar no marco dos traballos de reparación do viaduto e o “efecto de cansazo do formigón” na zona superior dos taboleiros “coa consecuente redución de resistencia a compresión do formigón e incremento da súa deformabilidade”.