Bamad Galicia, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, vén de solicitar ás tres universidades públicas galegas que rescindan o contrato coa empresa encargada do sistema informático de xestión das súas bibliotecas por ser propiedade dunha empresa con sede nun territorio palestino ocupado.
Bamad Galicia pide rescindir o contrato do software das bibliotecas das universidades, propiedade dunha empresa con sede en territorios ocupados
O colectivo fai referencia ao software israelí Alma, da empresa Ex Libris e parte do grupo Clarivate, con sede no Parque Tecnolóxico de Malha, antes unha aldea de Cisxordania hoxe ocupada. Bamad expresa a súa "profunda preocupación pola utilización nesas institucións públicas" do sistema informático e expresa a "necesidade de rescindir o contrato" coa compañía.
"A dependencia das nosas universidades públicas dunha empresa do Estado de Israel que está incumprindo todas as resolucións da ONU, ignorando os dereitos humanos máis elementais e cometendo xenocidio en Gaza, é algo inadmisible. O investimento en Alma/Ex Libris supón apoiar materialmente o xenocidio e a limpeza étnica en Palestina, algo que a asociación rexeita absolutamente", explica a asociación.
O Ministerio de Cultura xa anunciou que deixará de contratar este software israelí que usa a Biblioteca Nacional
O caso é que este sistema informático israelí é empregado ao tempo pola Biblioteca Nacional de España (BNE), xestionando tamén a catalogación, préstamo e adquisición dos fondos, polo que o Ministerio de Cultura anunciou xa que deixará de contratar este software, tal e como contou eldiario.es. O Goberno de España amaprouse para a decisión no Real Decreto-lei de medidas urxentes aprobado contra o xenocidio en Gaza e que inclúe a prohibición da importación de produtos procedentes dos asentamentos israelís en territorios palestinos ocupados.
Novo concurso con cláusulas éticas
Agora, Bamad pide ás universidades de Santiago, A Coruña e Vigo que "estuden a forma de terminar con esa dependencia de Ex Libris e de todos os seus produtos asociados o antes posible". "Resulta hipócrita non facer extensible a esta empresa o embargo imposto polo goberno do Estado ás empresas de armamento. O uso deste sistema de xestión en cada vez máis bibliotecas, entre elas todas as universitarias galegas, debería ser revisado polas implicacións éticas da mesma e como forma de boicot ao estado xenocida de Israel", explican nun comunicado.
Unha solución, segundo recomenda Bamad, sería publicar un novo concurso unha vez rematado o tempo de adxudicación especificando nel as cláusulas éticas que as empresas deben cumprir, "asegurando desta maneira a posibilidade de que empresas que participan do xenocidio ou da vulneración dos dereitos humanos, non poidan participar de concursos públicos nin seren financiadas con diñeiro público".
Así fan xa, lembran, moitas institucións en Europa que "deixan fóra de concurso a empresas que incumpren cláusulas sociais ou de dereitos humanos". "As bibliotecas deben facer valer o seu papel como garantes da liberdade democrática e do dereito á información", piden.
A proposta de Bamad Galicia supón sumarse á campaña promovida a nivel internacional por BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións) contra empresas que apoian o sionismo e a outras solicitudes similares presentadas por profesionais do Estado, nas que se inclúe unha petición semellante á BNE, ao CSIC ou ao conxunto de reitores das universidades. como se pode ver neste envío na lista profesional IWETEL que se realizou á BNE, ao reitores da CRUE e ao CSIC.