O Colexio Oficial de Traballo Social di que o plan do Goberno galego de reducir trámites non funciona e o que hai é que "reforzar o sistema público de servizos sociais"
O ano de media que se tarda para obter o recoñecemento da dependencia en Galicia, a cuarta comunidade con máis demora, segundo datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Dereitos Sociais, provocou que os partidos da oposición e outros colectivos volvesen reclamar ao Goberno galego unha actuación máis decidida co problema.
Desde o PSdeG a súa portavoz de Política Social, Silvia Longueira, advirte de que o sistema galego de atención á dependencia "está ao límite". "Hai xente que morre sen recibir o que lle corresponde, familias que desesperan e traballadoras que seguen nunhas condicións que son, simplemente, inxustas”, lamentou a socialista, para quen "nunca houbo tantos recursos e nunca se fixo tan pouco".
Segundo a deputada socialista, "non é un problema de medios, é un problema de vontade política”, e un problema que vai seguir empeorando porque "hoxe xa hai 719.000 galegos maiores de 65 anos" e "dentro dunha década, sen un plan serio, a dependencia pode converterse nunha emerxencia social".
Desde o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou este mércores que a Xunta aproveite a quita da débeda das comunidades decidida polo Goberno de España para reforzar a dependencia, entre outras políticas sociais. "O pago da débeda é hoxe a terceira maior partida de gasto dos orzamentos da Xunta, con máis de 1.500 millóns de euros ao ano", salientou a formación nacionalista, que considera que "a quita da débeda que negociou o Bloque permitirá aforrar millóns de euros que se poden destinar a mellorar os servizos públicos, como o ensino, a educación ou a dependencia". Sobre as demoras dun ano no recoñecemento desta última, o BNG ironizou en redes sociais cun dos lemas do PP: "A Galicia que (non) funciona".
As críticas da oposición súmanse a outras como as do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, para o que os últimos datos oficiais demostran que "o colapso" en Galicia do sistema "continúa e mesmo medra" e evidencian "que as medidas autonómicas non están a dar o resultado efectivo". Todo, destacan na entidade, "malia a posta en marcha do chamado plan simplificado da Xunta", presentado, lembran, "como unha medida para axilizar os procedementos e reducir as demoras". "A solución non pasa por reducir trámites, senón por reforzar o sistema público de servizos sociais", engaden.