Galicia é a cuarta comunidade autónoma do Estado na que máis se tarda en resolver as situacións de dependencia, con case un ano de media. Son, en concreto, 349 días, unha cifra só por tras das de Andalucía, Madrid e Murcia e que coincide coa media estatal, condicionada pola elevada tardanza destas tres autonomías en comparanza co resto.
Galicia é a cuarta comunidade autónoma na que máis se tarda en resolver a dependencia (342 días), só por tras de Andalucía, Madrid e Murcia
Os datos que vén de publicar o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 correspóndense aos do mes de setembro pasado e supoñen un aumento dunha semana de media respecto aos de xuño (342 días), aínda que rebaixa en 57 días o pico ao que chegara en 2021. Practicamente un ano dende que unha persoa solicita ser atendida ao abeiro da Lei de Dependencia ata que recibe algún tipo de atención (quer servizos, quer prestacións económicas).
No informe estatal indícase tamén que son máis de 1.100 as persoas que en Galicia levan máis de medio ano agardando por unha resolución oficial que lles recoñeza o grao de dependencia ou o acceso ás prestacións que lle corresponden.
Ante estes datos, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) cre que se demostra que "o colapso" en Galicia do sistema "continúa e mesmo medra" e evidencian "que as medidas autonómicas non están a dar o resultado efectivo". Todo, destacan na entidade, "malia a posta en marcha do chamado plan simplificado da Xunta", presentado, lembran, "como unha medida para axilizar os procedementos e reducir as demoras".
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia cre que os datos demostran que o "colapso" da dependencia en Galicia "continúa e mesmo medra"
Desde o COTSG aseguran que xa advertiran hai tempo de que este chamado plan simplificado "non aborda as causas estruturais do colapso". "A solución non pasa por reducir trámites, senón por reforzar o sistema público de servizos sociais", engaden. Entre as medidas, reclaman a ampliación dos equipos de valoración, a mellora nas condicións laborais dos profesionais e a garantía de recursos suficientes "para unha atención digna e áxil".
"A política social debe concibirse como un investimento en benestar e cohesión social, non como un gasto, e que mentres non se asuma esa visión, as listas de espera e a precariedade do sistema de dependencia seguirán cronificadas en Galiza", din nun comunicado.
O delegado do Goberno de España en Galicia cualifica de "escándalo" a espera pola dependencia en Galicia e insta a Xunta a que asuma as súas responsabilidades
Porque as esperas para poder acceder aos dereitos contemplados na Lei de Dependencia seguen sendo unha das principais eivas dun sistema concibido para ser cofinanciado ao 50% polas autonomías e o Goberno de España, o cal aínda non chegou a suceder. Estas demoras son moi dispares entre autonomías e entre elas segue destacando Galicia malia experimentar unha significativa redución nos últimos meses.
Nesta situación, o delegado do Goberno de España en Galicia, Pedro Blanco, cualificou de "escándalo" os datos de espera que ten o país. Fíxoo nunha entrevista en Radio Pontevedra-Cadena SER, na que considerou unha "esaxeración" a tardanza dun ano en resolver os expedientes. Ademais, reclamou á Xunta que asuma as súas responsabilidades ante as malas cifras en lugar de botar balóns fóra.
O Ministerio de Dereitos Sociais sinala que a fase de valoración de graos, competencia directa das comunidades autónomas, segue a ser o principal “colo de botella”.
Todo isto sucede nun contexto xeral no que os datos oficiais dos sistema indican que as persoas que están a recibir algún tipo de prestación ao abeiro da lei de dependencia en Galicia superan as 88.300. O incremento desta cifra é sostido no tempo dende que, en 2015, rematara a moratoria aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy para, por razóns orzamentarias, bloquear a entrada da poboación con dependencia moderada durante máis de tres anos.