Pontón: “O 29N vai de que Galiza gañe forza en Madrid con máis BNG nas Cortes”

Ana Pontón, xunto aos cabezas de lista do BNG para as Xerais, no encontro nacional deste domingo en Santiago. CC-BY-SA BNG

“Estas eleccións van de Galiza”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, ante as máis dun millar de persoas que abarrotaron o encontro nacional celebrado en Santiago ás portas do 29N

“Estas eleccións van de Galiza”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, ante as máis dun millar de persoas que abarrotaron o encontro nacional celebrado en Santiago ás portas do 29N, unha cita electoral que presentou como “a oportunidade para darlle máis forza a Galiza en Madrid e avanzar en dereitos da man do BNG”.

Para a líder do Bloque hai unha cuestión clara: “Pase o que pase o 29N, Galiza só gañará se consegue ter máis forza e máis peso político no Estado, e iso pasa por máis BNG nas Cortes”, subliñou.

Aspecto que presentaba o Multiúsos Fontes do Sar (Santiago), ateigado no encontro nacional aberto do BNG. CC-BY-SA BNG

O Encontro, celebrado no Multiúsos Fontes do Sar baixo o lema ‘Galiza, dereitos, vida digna. Agora con máis forza’, interviñeron tamén as cabezas de lista ao Congreso pola Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, Néstor Rego, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas, respectivamente xunto á  alcadesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

“Máis BNG para dar solucións aos nosos problemas e evitar que queiran borrar até a nosa lingua; para que a riqueza enerxética se poña ao servizo dos galegos e das galegas, porque non queremos ser colonia enerxética de Madrid; máis BNG para protexer o noso territorio fronte proxectos destrutivos como ALTRI; máis BNG para defender pensións dignas ou para garantir un futuro á xente moza. En definitiva, máis BNG para que Galiza se faga valer e respectar, esa é a nosa ambición e o noso compromiso”, defendeu durante o seu discurso Ana Pontón. Fronte ao traballo incansable e ao amor do BNG polo País, contrapuxo o oportunismo dos que só veñen en campaña pedir o voto e din que Galiza “é riquiña” cando falan da súa paisaxe ou para vir de vacacións. 

“Hai cartos para mísiles, pero non para mellorar as condicións do AVE, e despois pasan traxedias como as de Angrois,  Adamuz ou Toledo. O problema non é a falta de recursos, senón as prioridades”, denunciou Pontón

“Pero cando reclamamos un tren de cercanías,  acabar coa estafa das peaxes ou dicimos que estamos fartas de ser unha colonia enerxética,  xa non lles parece tan riquiña. Pois van ter que afacerse, porque aquí hai un pobo que quere decidir e imos levar esa ambición a Madrid, porque Galiza vai facerse oír e respectar o próximo 29N cun gran apoio ao BNG”, proclamou.  

Neste sentido, destacou que cun deputado e unha senadora o Bloque logrou máis que todos os representantes do bipartidismo xuntos, que só se lembran de Galiza para pedir o voto pero da que se esquecen ao chegar a Madrid atacados polo “síndrome do Padornelo”, ironizou. “Que non faremos con máis peso político!”, engadiu.

Pontón tamén se referiu ao contexto de involución marcado polas guerras e os xenocidios; un momento no que medra a represión violenta contra a cidadanía que defende na rúa dereitos e liberdades; no que se impoñen discursos de odio e se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar, ao tempo se aumenta o gasto militar.  “Hai cartos para mísiles, pero non para mellorar as condicións do AVE, e despois pasan traxedias como as de Angrois,  Adamuz ou Toledo. O problema non é a falta de recursos, senón as prioridades”, denunciou Pontón. 

Encontro nacional do BNG en Santiago, baixo o lema ‘Galiza, dereitos, vida digna. CC-BY-SA BNG

Neste contexto, explicou, aquí “hai esperanza”, a dun BNG  “coas mans libres para defender a Galiza e a súa xente”. Por iso, “somos a alternativa para todas as persoas quen queren que Galiza se faga valer e respectar en Madrid;  que queren un reparto máis xusto da riqueza; que queren políticas transformadoras; somos a alternativa para as persoas que queren quitarlle poder ás transnacionais ou cuestionan a OTAN e defenden a paz”.

Co reto de darlle máis forza a Galiza e avanzar en dereitos, Pontón instou a unha gran mobilización da militancia.  “Falando con todo o mundo, dando a batalla no territorio, desafiando ao algoritmo nas redes sociais, demostrando que o BNG é imparable e non ten límites. Se o facemos así, o 29N teremos motivos para sorrir”, concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.