O BNG pediu este luns "concentrar" o "voto galego", o "voto de orgullo de país", no BNG para impulsar así "políticas valentes" que axuden a "frear o deterioro dos servizos públicos, garantir o dereito de acceso á vivenda ou acabar coa precariedade", en contraposición ás "políticas mornas" do goberno socialista e ao bipartidismo de PSOE e PP.
Pontón pide "concentrar" o "voto galego" no BNG para "frear o deterioro dos servizos públicos, garantir o dereito de acceso á vivenda ou acabar coa precariedade"
A portavoz nacional do Bloque insistiu en pedir o voto a todo aquel que “leva Galiza na cabeza e no corazón” e comparte "o dereito a ter unha vida mellor". Fíxoo durante o acto de presentación das e do e das cabezas de listas do BNG ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro, apelando á necesidade de que o país gañe "peso político" en Madrid e de que se "avance en dereitos e liberdades".
“Xogámonos que Galiza estea con forza, con capacidade para decidir sobre aqueles asuntos que afectan a vida deste país e, para que Galiza conte, ten que estar o BNG”, dixo Ponton xunto ao e ás catro cabezas de lista ao Congreso, Néstor Rego (pola Coruña), Carme da Silva (por Pontevedra), Noa Presas (por Ourense) e Olalla Rodil (por Lugo).
A líder do BNG reivindicou os avances que melloran a vida da cidadanía galega conseguidos polo BNG "cun só deputado e cunha senadora" durante a última lexislatura, lembrando os descontos na AP-9, o impulso á súa transferencia, melloras nas pensións ou no financiamento da dependencia e unha quita de 4.000 millóns de euros na débeda pública galega.
“As nosas vidas tamén dependen das decisións que se toman en Madrid e, ou estamos aí con forza para defender os nosos intereses, ou o que vemos é como as forzas estatais sempre seguen ao pé da letra ese guión de discriminación e agravio co noso país”, engadiu Ponón, que cre que aínda “quedan moitos agravios que cambiar”.
Pontón garantiu "políticas valentes" por parte do BNG para "frear o deterioro dos servizos públicos, para garantir o dereito de acceso á vivenda ou para acabar coa precariedade que non só afecta a mocidade, senón a miles de traballadores e traballadoras que traballan duro, pero ás que, no entanto, os seus salarios non lles dan para chegar a fin de mes”, dixo, tras lembrar que a lexislatura remata, por exemplo, "sen unha lexislación en materia de vivenda" para evitar "desafiuzamentos como os de Maricarmen, cando hai moitas máis Maricarmes no país”.
"As forzas estatais sempre seguen ao pé da letra ese guión de discriminación e agravio co noso país”, denuncia Pontón
Pontón dixo estar convencida dun "gran resultado" para o BNG o 29N e da posibilidade de aumentar a representación e mesmo conseguila por cada provincia para impulsar avances no dereito á vivenda ou nos dereitos laborais.
Pola súa banda, Néstor Rego deixou claro que o BNG cumpre e que “esa é a mellor garantía para presentarmos a unhas eleccións”. Pediu "máis confianza" no Bloque, a forza, engadiu, que lidera políticas de esquerda "e lidera o antifascismo en Galiza". Ademais, pediu seguir o "exemplo magnífico" de Lula no Brasil para “transformar esa esperanza en forza colectiva, na forza inmensa dun pobo galego en marcha polo seu futuro”.
"Mobilización feminista"
Ademais, Carme da Silva insistiu tamén na necesidade de darlle "máis peso politico" a Galicia en Madrid, mentres que Olalla Rodil destacou que o BNG "ten a oportunidade de ter un deputado no Congreso por Lugo" e destacou unha candidatura con “enerxía, experiencia e determinación”.
Por último, Noa Presas destacou que estas eleccións son fundamentais nun contexto de ameaza de retroceso democrático e dos dereitos das mulleres e apelou á "mobilización feminista para frear os retrocesos, tanto nas rúas como nas urna"s e para "facer historia" coa consecución das primeiras deputadas nacionalistas por Lugo e Ourense.