29N no Hórreo: "Campaña cutre", "oportunidade para non sufrir máis" ou "elixir perro"

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, durante a sesión de control deste 21 de outubro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdeG

Rueda responde as preguntas de Pontón e Besteiro sobre desigualdades da cidadanía atribuíndoas a Pedro Sánchez, ao PSOE e ao BNG e sinalando as eleccións xerais como "oportunidade de acabar con todo isto", porque "a xente" vai dicir que "veña o PP"

A nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro tiñan rexistradas para a sesión de control deste 21 de outubro preguntas ao presidente da Xunta sobre as medidas que o Goberno galego prevé tomar para afrontar as "desigualdades" e os "principais problemas" da poboación, respectivamente. Ambos abordaron a cuestión dende cadansúas respectivas e Alfonso Rueda tamén o fixo, pero nun clima inevitablemente marcado polas inminentes eleccións xerais do 29 de novembro.

Correspondeulle abrir o debate ao secretario xeral do PSdeG, quen cuestionou a Rueda polo cativo impacto da súa "proposta estrela" fronte á carestía da vida, unha rebaixa do IRPF que "vai supoñer de media un aforro de 5 euros ao mes", "dous cafés", ou por non tomar máis medidas fronte á crise da vivenda que as xa anunciadas promesas de construción. No primeiro retruque o xefe do Executivo bosquexou xa os marcos de todo o debate: "Vostedes son os causantes das desigualdades", respondeu ao socialista en referencia ao Goberno de España, pero "o 29 de novembro hai unha oportunidade de acabar con todo isto" e "aproveitarémola" para "non ter que sufrir máis".

Varios instantes da sesión de control ao presidente da Xunta, este 21 de outubro no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Para Besteiro, no entanto, a "decisión" que á cidadanía lle vai tocar "tomar" o 29N é "entre dereitos e dereitas, entre buitre e perro". "E dígolle eu, créame, que o 29 de novembro a elección será en favor do perro", chanceou en referencia ao alcume que xa nas eleccións xerais de 2023 Pedro Sánchez resignificou como propio e que, a xuízo de Rueda, Besteiro reproduce porque é "moi mandadiño" coa dirección do PSOE.

Pontón ve "en evidencia" que o presidente xa "non ten nada que ofrecer ao país" e ínstao a aclarar se "vai cumprir" coas 1.800 vivendas en alugueiro social prometidas para 2026, Besteiro lamenta que o seu plan "estrela" para afrontar a carestía da vida sexa rebaixar o IRPF no equivalente a "dous cafés"

Tras a enésima contraposición entre os resultados da Xunta e do Goberno de España en materias como vivenda, Rueda volveuse pronunciar máis como presidente do PPdeG que da Xunta para asegurar que a esquerda se dispón agora a "empezar cos medos, que vén o PP". Pero "a xente, cando chegan as eleccións, di que veña o PP e vaino dicir unha vez máis" porque "o verdadeiro problema son vostedes, os creadores das desigualdades son vostedes", reiterou, pero agora hai "unha oportunidade e ímola aproveitar".

A xuízo de Ana Pontón, as respostas de Rueda acreditan que "vén aquí rirse do Parlamento" e, en última instancia, "rirse da xente". A líder do Bloque, que principiara cuestionando a quen pretenden os populares pedir "sacrificios" e continuara instando o presidente a aclarar se "si ou non" vai "cumprir" a promesa de "poñer á disposición 1.800 vivendas en alugueiro social a finais de 2026", lamenta ter que estar escoitando o presidente "facendo campaña cutre por Feijóo" mentres constata que "gobernan para os jetas e non para os currantes", dixo invertendo a formulación que nos últimos días emprega o ex-presidente para postularse como mellor candidato ao Goberno de España.

Rueda, Pontón e Besteiro, este mércores durante a sesión de control CC-BY-NC-SA David Cabezón / Xunta | BNG | PSdeG

"O único que queda en evidencia é que non ten nada que ofrecerlle a este país" e, daquela, "se non pode, non sabe ou non quere, deixe paso", reclamou tras asegurar que as vivendas prometidas si chegarían a realizarse se o BNG volve gobernar na Xunta. Previamente, como en debates anteriores, Rueda volvera ironizar co tempo que Pontón leva a exercer como deputada, especulara coa posibilidade de que "a UPG estea pensando en facer algún cambio" no liderado do Bloque e cargara contra a formación soberanista por "apoiar o señor Sánchez a cambio de nada" aínda que "discrimine a Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.