A Xunta mantén en 2027 a rebaixa de impostos aos bingos para "recuperarse" da COVID

Billetes de diversos valores e resumo do custo das rebaixas de impostos da Xunta en 2026 e 2027 CC-BY-SA Foto: Alexander Schimmeck / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

O proxecto de Orzamentos Xerais que a Xunta entrega cada ano ao Parlamento inclúe a previsión de distribución dos fondos públicos para o exercicio vindeiro. Neste caso, o reparto da suba xeral de fondos dos que dispón o Goberno galego -algo máis de 16.000 millóns de euros, débeda incluída-, que ten a súa causa principal nun incremento da recadación por impostos que chegan á Xunta a través do -caducado dende 2014- sistema de financiamento autonómico do Estado.

O custo dos recortes tributarios do Goberno galego sobe por riba do 2% para o ano vindeiro e suporá perder de ingresar uns 500 millóns de euros

Este escenario económico permite ao Executivo de Alfonso Rueda afondar na súa aposta por renunciar a parte da recadación tributaria mediante recortes de impostos, os chamados "beneficios fiscais". No proxecto orzamentario que a Cámara tramita desta semana a estimación desas rebaixas superan por primeira vez dende que hai datos comparables os 500 millóns de euros e entre elas figura un ano máis o recorte de tributos aos bingos, que como en anos anteriores a Xunta segue a xustificar alegando a necesidade que estes negocios teñen de "recuperarse" dos efectos da pandemia da COVID.

[A recadación da Xunta por impostos bate o seu terceiro récord consecutivo]

Durante a crise do coronavirus, en 2021, o Goberno daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo aprobou diversas rebaixas de impostos para o sector do xogo de azar. Prevía deixar de ingresar por este concepto algo menos de 4 millóns de euros, pero acabaran sendo máis de 5, como acreditou o Consello de Contas. Dende 2023 mantén esas rebaixas para os bingos, que o PPdeG defendera no seu momento advertindo de que se trataba dun negocio "a piques de desaparecer". A aquela decisión remítese a Consellería de Facenda para manterlles a rebaixa en 2027 por quinto ano consecutivo.

O mantemento dos descontos de impostos aos bingos custará un ano máis uns 3 millóns de euros. As rebaixas de máis impacto seguen sendo as do imposto de sucesións e doazóns, cunha perda estimada de 335 millóns ao sumar xa as novas bonificacións do ano vindeiro

Naquel ano, lembra Facenda na súa memoria de beneficios fiscais anexa aos Orzamentos de 2027, "estableceuse un tipo de gravame bonificado" da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar "bonificado do 30%, fronte ao 50%, para o xogo do bingo, asociado ao mantemento do emprego, co obxecto de que esta actividade poida recuperarse paulatinamente ata niveis similares aos que había con anterioridade á pandemia". O Goberno reproduce este argumento, sen ningunha explicación adicional, para certificar que mantén a rebaixa en 2027 cun custo de 3 millóns de euros, semellante ao de anos anteriores.

A rebaixa de impostos aos bingos é, posiblemente, das politicamente máis rechamantes, se ben é a que menos impacto económico ten nas contas públicas dentro das contempladas pola Xunta ata chegar a esa estimación dunha perda de ingresos superior aos 500 millóns de euros. A maior renuncia a ingresos públicos chega polas rebaixas no imposto de sucesións e doazóns, cunha perda estimada de 335 millóns en 2027 (un 2,6% máis que este ano). 

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o seu equipo durante a entrega dos Orzamentos de 2027 ao Parlamento, o pasado 19 de outubro CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

A maior distancia está o impacto das rebaixas que a Xunta aplica no ITP-AXD, o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, (75 millóns, un 5,6% menos que en 2026) e no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que supoñen unha mingua de ingresos de 51 millóns para o erario galego, case un 8% máis en 2027. No imposto de patrimonio, que só pagan as rendas máis altas -patrimonios superiores a 700.000 euros (excluída a vivenda habitual ata 300.000)ou cuxos bens suman, en total, máis de 2 millóns-, a Xunta deixará de ingresar coas súas rebaixas case 39 millóns, un incremento próximo ao 6% interanual.

Polo desconto no imposto de patrimonio, que só pagan as rendas máis altas, a Xunta prevé deixar de ingresar 39 millóns, case un 6% máis que en 2026

En todos estes cálculos inclúense xa as novas rebaixas fiscais anunciadas pola Xunta para o novo vindeiro, que se tramitan coa propia lei de orzamentos. Trátase da redución do ITP-AXD, que baixa en varios supostos do 1,5% ao 1,2% e desaparece en operacións con vivendas protexidas. Tamén das reducións ata o 99% na "sucesión en empresas familiares ou negocios familiares" e do recorte de 0,25 puntos en catro dos cinco tramos do IRPF, os da poboación que declara ata 60.00 euros- con efecto retroactivo dende xaneiro de 2026. 

A mesma memoria de "beneficios fiscais" inclúe tamén o impacto orzamentario da parte do custo que asume a Xunta en determinados servizos públicos nos que a poboación destinataria paga taxas ou prezos públicos que cobren o custo só parcialmente, tales como centros de atención á terceira idade ou a persoas con discapacidade, centros sociais, ensinanzas especiais ou escolas infantís, entre outras. Ese impacto, segundo Facenda, volverá roldar en 2027 os 300 millóns de euros (un 3% máis) nun contexto no que o conselleiro, Miguel Corgos, avanza unha suba de tarifas "cando desapareza a tensión dos prezos", isto é, o incremento da inflación que vén marcando o contexto económico nos últimos anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.