A recadación da Xunta por impostos bate o seu terceiro récord consecutivo

Gráfico de evolución da recadación dos principais impostos en Galicia, sobre unha imaxe do conselleiro de Facenda co presidente da Xunta CC-BY-SA Praza.gal

"Pagas máis impostos ca nunca e recibes peores servizos ca nunca". "Impostos nórdicos, servizos terceiromundistas". "Canto máis PP, menos impostos". Son só algúns exemplos das mensaxes sobre a recadación tributaria lanzados nas últimas semanas pola dirección estatal do PP e difundidas polo seu líder, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo, quen nos últimos anos deu en afirmar que os impostos recadados polo Estado serven para que Pedro Sánchez persoalmente "saque tallada" ou "se forre".

En plena cruzada do PP contra os impostos, que Feijóo vencella a que Pedro Sánchez "se forra" mentres ofrece servizos "terceiromundistas", os ingresos tributarios da Xunta superaron en 2025 os 8.000 millóns cun incremento interanual do 6%

Os conservadores envolven nesta dialéctica o que de fondo está apoiado nunha realidade, o incremento da recadación por impostos nos últimos anos, e que ten diversas causas. Dende -nun resumo simple e obviamente incompleto- as subas dos prezos (a inflación) tras as restricións da COVID, coa invasión rusa de Ucraína ou por mor da actual guerra dos EUA e Israel en Irán ata o incremento da actividade económica e o emprego. E obvian na mesma outro feito: que os ingresos non aumentan só nas arcas do Goberno de España, senón tamén nas das autonomías. É o caso de Galicia, onde a Xunta vén de bater o seu terceiro récord consecutivo de ingresos por impostos.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) actualizou a finais de abril os datos de ingresos tributarios tras pechar a información correspondente a 2025. Faino analizando tanto o que chega á Administración galega por impostos propios como as achegas dos impostos cedidos polo Estado.

Os ingresos da Administración galega por IRPF, de case 3.800 millóns, son máis do duplo que hai unha década

O resultado é que a recadación da Xunta ascendeu ata 8.320 millóns de euros, un 5,9% máis que en 2024. Descontando da suma a recadación por taxas e prezos públicos -que o IGE agrega aínda que, en rigor, non son impostos- o ingresado queda en 8.097 millóns e o incremento interanual, no 6,2%.

Como amosan os gráficos que acompañan esta información, alén da comparación entre os dous últimos anos a evolución amosa que as principais partidas tributarias son tamén as que máis medran. Destaca especialmente o IRPF, o imposto sobre a renda, que en 2025 achegou á Xunta case 3.800 millóns de euros, un 11% por riba do ano previo e máis do duplo que hai unha década.

Tamén viña aumentando significativamente nos últimos anos a recadación polo Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), se ben a evolución entre en 2025 foi practicamente plana ata chegar a 2.711 millóns de euros, apenas dous menos que no ano anterior, pero un 51% máis que en 2022. Cómpre ter en conta, entre outros factores, que diversas medidas do Estado para afrontar a inflación nos últimos anos implicaron, precisamente, descontos no IVE.

Fronte a estes récords, unha partida que tende a descender levemente (e que pesa moito menos no total) é a dos impostos que gravan especificamente certos consumos, como os hidrocarburos, o tabaco ou o alcol. A suma destes tributos chegou o ano pasado en Galicia aos 777 millóns de euros, un 4% menos que no ano previo. Tamén nestes impostos inflúen as medidas para conter a inflación aplicadas polo Goberno de España en ámbitos coma os combustibles ou a electricidade.

Suba por riba da inflación

Este récord de recadación por impostos e tamén  os dous anteriores, os de 2023 e 2024, producíronse despois de incrementos interanuais que, porcentualmente, foron inferiores á suba xeral dos prezos no noso país. Así, o 6,2% de suba de fondos chegados vía impostos á Xunta rexistrouse mentres a inflación interanual pechaba no 2,6%. En 2024 a diferenza foi aínda maior: os ingresos tributarios aumentaron case un 8% e os prezos, algo menos dun 3%. E en 2023 a fenda foi de case 16 puntos: un 19% máis de ingresos por impostos e unha suba media dos prezos do 3,2%.

Todos estes incrementos foron clave para explicar a sucesivas sumas récord dos Orzamentos Xerais da Xunta nos últimos anos. E prodúcense nun contexto no que a actual oposición ao Goberno galego do PP, conformada por PSdeG e BNG, critica a política tributaria do gabinete de Alfonso Rueda en aspectos como os recortes a impostos que atinxen ás rendas máis altas (caso do imposto sobre o patrimonio). Pero no que, en ningún caso, as formacións que lideran Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro atacan o incremento dos ingresos públicos vía impostos como unha forma de que Rueda "se forre".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.