Rebaixas fiscais a luz e carburantes nun plan de 5.000 millóns para paliar os efectos da guerra

Repostaxe de gasolina nunha estación de servizo CC-BY-SA Wassim Chouak / Unsplash

O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou este venres tras o Consello de Ministros Extraordinario un plan con 5.000 millóns de euros e un paquete de 80 medidas para facer fronte á crise económica e enerxética derivada do conflito bélico en Oriente Próximo tras o ataque dos EUA a Irán. Unha serie de medidas que, dixo, "benefician directamente a 20 millóns de fogares e tres millóns de empresas" e que se inclúen nun decreto que prevé que sexa aprobado no Congreso. Noutro, logo dunha mañá de debate e alta tensión entre a parte socialista do executivo e Sumar, incluirase a conxelación do prezo dos alugueiros, unha iniciativa que non conta co apoio da Cámara. 

Sánchez anuncia 80 medidas nun decreto que supón unha "redución drástica da fiscalidade enerxética", que podería baixar o prezo dos carburantes ata 30 céntimos por litro

O primeiro dos decretos inclúe unha "redución drástica da fiscalidade enerxética", ademais da extensión ata finais de ano de todos os descontos extraordinarios do bono social eléctrico, o reforzamento do bono social térmico ou a conxelación do prezo máximo do butano e do propano. 

Entre as rebaixas fiscais, o Executivo central inclúe a redución do IVE dos carburantes do 21% ao 10%, medida diferente ao desconto universal de 20 céntimos por litro que se aprobara pola guerra de Ucraína. Ademais, o decreto elimina ou reduce ao máximo posible outros impostos a hidrocarburos, o que completa unha suma de medidas que suporán, segundo Sánchez, unha rebaixa de ata 30 céntimos por litro, "uns 20 euros de aforro por depósito dun coche medio", para a cidadanía.  

Pedro Sánchez presenta o paquete de medidas contra os efectos da guerra en Oriente Próximo © Pool Moncloa / Fernando Calvo

En canto á electricidade, tamén se reduce ao 10% o IVE e redúcense ao mínimo outros impostos para que a factura non se incremente, unha medida semellante á aplicable ao gas natural. Tamén haberá axudas directas de 20 céntimos por litro de combustible a todos os transportistas, agricultores, gandeiros e mariñeiros. 

O decreto inclúe medidas para impulsar as renovables, bonificacións ás industrias electrointensivas e axudas directas de 20 céntimos por libro de combustible aos profesionais

Entre as medidas deste primeiro decreto, centrado nas consecuencias da guerra e nos sectores máis afectados, inclúese a bonificación nun 80% das peaxes eléctricas das industrias electrointensivas para aforrarlles uns 200 millóns de euros, ademais dunha maior flexibilidade nos contratos de subministro eléctrico para adaptar as súas condicións ao actual "escenario". Tamén haberá reducións do IRPF para a instalación de placas solares ou puntos de recarga, medidas para axilizar a instalación de renovables ou adaptación climática de edificios ou para incrementar a capacidade de almacenamento eléctrico. Unha clara aposta pola "enerxía limpa", lembrou. 

Este primeiro decreto inclúe un control das marxes empresariais que pedía Sumar e a prohibición de despedimentos obxectivos ás empresas que reciban axudas públicas relacionadas coa guerra, pero non a prórroga dos alugueiros, que irá no segundo, para o que "non existe maioría parlamentaria" para que sexa validado. "Somos conscientes, pero non por iso imos renunciar a dar unha resposta á emerxencia habitacional de boa parte da cidadanía española", dixo Sánchez, que presumiu de que España "será o país co maior escudo social e económico da UE en resposta a esta guerra ilegal". 

Diferenzas entre PSOE e Sumar

As medidas no alugueiro foron, precisamente, as que provocaron as diferenzas e unha negociación no Goberno de España ata o último minuto. 

O Consello de Ministros atrasouse ao negarse os cinco representantes de Sumar no executivo a entrar na xuntanza e insistir en negociar antes co PSOE máis medidas: a conxelación de alugueiros e un límite aos beneficios empresariais ante a suba de prezos. Embed   Previsualizar delete_forever swap_vert 

Protesta de transportistas, nunha imaxe de arquivo © CETM

Para Sumar, sen esas medidas, o decreto era basicamente unha baixada de impostos. No seu intento de presión, o ministro de Consumo, Pablo Bustinduy, publicou en redes un vídeo no que defendía que o Goberno de Pedro Sánchez "ten unha débeda cos inquilinos e inquilinas e é momento de saldala", lembrando que unha prórroga automática dos 600.000 contratos de alugueiro que vencen este ano afectaría 1,6 millóns de persoas, que non verían incrementado o prezo polo incremento do IPC. 

Sumar pediu incorporar a conxelación dos alugueiros no paquete de medidas; a solución foi incluílo nun decreto á marxe das medidas principais pola guerra

Desde o PSOE advertíase de que incluír medidas coma esta podería provocar a caída do decreto no Congreso, ao non recibir o apoio de Junts. Pero Sumar —e tamén BNG, Podemos, EH Bildu ou ERC— entenden que o conflito en Oriente Próximo e este paquete de medidas supón unha oportunidade idónea para intervir na vivenda, un dos principais factores de gasto para as familias e que se podería ver agravado co aumento da inflación. 

Para arranxar o choque, o Goberno de España acordou dividir as medidas contra a guerra en dous decretos, aceptando así o PSOE parcialmente as demandas de Sumar. Nun, rebaixas de impostos; noutro, medidas en vivenda, como a prórroga dos 600.000 alugueiros a renovar estes meses, unha medida que é moi probable que tombe Junts. 

Sánchez adirte dun "terremoto económico" pero di que España terá "o maior escudo social e económico da UE en resposta a esta guerra ilegal".

Respecto do conflito en Oriente Próximo, Sánchez recoñeceu estar "moi enfadado coa situación que está vivindo o mundo e a situación á que nos están a levar determinadas decisións e determinados gobernos". En resumo, dixo, un "terremoto económico" cuxas "primeiras consecuencias" chegan xa "en forma de aumento do prezo dos combustibles". 

Sánchez cre que España "está mellor preparada" para afrontar a crise, da que advirte que non se sabe o nivel de impacto. "Ante situacións extraordinarias, respostas extraordinarias", dixo, tras criticar, sen citalo, o goberno dos EUA. "As guerras custan vidas e refuxiados, que xa sería dabondo para dicir non á guerra, pero aos españois vainos custar 5.000 millóns de euros que poderiamos destinar a bolsas, sanidade ou dependencia", engadiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.