A guerra de Trump ameaza de novo o poder adquisitivo da poboación

Evolución anual do IPC e dos salarios en Galicia sobre unha imaxe de Trump ante un petroleiro un día antes de iniciar os ataques contra Irán © Montaxe: Praza.gal Imaxe: The White House

A crise de prezos iniciada en 2022 só foi compensada en parte por unha suba dos salarios que aínda que en 2024 si aumentaron por riba do IPC, levaron a unha perda do poder adquisitivo dunha parte importante da poboación

A economía mundial (pero tamén o que cada galego e galega ten que pagar cada día polos produtos que consome) móvese ao vaivén das decisións de Donald Trump. A agresión militar contra Irán provocou a escalada dos prezos do petróleo e do gas e, consecuentemente, un forte incremento nos prezos da gasolina e mesmo da electricidade (xa que o pool toma sempre como referencia o custo da fonte máis cara, neste caso o gas fósil que se queima nas centrais de ciclo combinado).

Á espera de saber o desenvolvemento da guerra en Irán, que dependerá das veleidades do presidente do Estados Unidos, a suba dos prezos das gasolinas ameaza con provocar unha nova crise de prezos semellante á que seguiu ao inicio da guerra en Ucraína no ano 2022. Nese momento o Índice de Prezos ao Consumo acumulou unha suba anual do 9%, que chegou ao superar o 11% no verán dese ano.

Aquela suba de prezos afectou a practicamente todos os grupos de gasto: primeiro aos produtos enerxécticos (ata que o Goberno central aplicou medidas coma o desconto de 20 céntimos nos carburantes ou a excepción ibérica para o prezo do gas) e despois aos alimentos e á hostalaría.

A suba dos prezos das gasolinas, derivada do encarecemento de petróleo e gas, ameaza con provocar unha nova crise de prezos semellante á que seguiu ao inicio da guerra en Ucraína en 2022

A crise de prezos só foi compensada en parte por unha suba dos salarios, que en 2022 medraron moi por debaixo da inflación e que, aínda que en 2024 si aumentaron máis que os prezos, levaron a unha perda do poder adquisitivo dunha parte moi importante da poboación. Nos últimos catro anos os salarios medraron por debaixo dos prezos a pesar de aumentos medios dos soldos de ao redor do 4% en 2022 e 2023 e do 5% en 2024, que os datos dos que dispoñemos en 2025 -aínda moi incompletos- reducen de forma considerable. 

O IPC si reduciu o seu rimo de ascenso, pero mesmo antes do ataque de Estados Unidos e Israel contra Irán estaba lonxe de ser controlado. O 2025 pechouse cunha suba interanual do 2,6% en decembro e unha media do 2,4% para o conxunto do ano. Aínda que xaneiro marcou unha suba interanual do 1,9% (pode que favorecida pola nova metodoloxía de medición), está a ser moi complicado reducir a inflación ao obxectivo fixado do 2%.

Os petos da cidadanía sofren porque as subas teñen afectado a produtos de primeira necesidade, comezando pola alimentación, que se disparou en 2022 e 2023 (+11,5% e +11,6%)

Agora, a tensión creada no Golfo Pérsico e nos mercados petrolífero, gasístico e nas bolsas por mor dos ataques de Washington e Tel Aviv ameazan con volver impulsar o encarecemento da vida, afectando á maior parte dos elementos da cesta da compra, dende a alimentación ao transporte, provocando unha nova crise de prezos ou de affordability (ou asequibilidade), termo que se popularizou nos Estados Unidos.

Nos últimos anos os prezos de moitos produtos experimentaron un forte encarecemento que nalgúns casos implicou unha montaña rusa de ascensos e descensos: gasolina, electricidade e gas subiron moito en 2021 e 2022 para descender abruptamente en 2023, algo que sucedeu tamén co aceite, os ovos e outros produtos de alimentación.

Aínda que o encarecemento se moderou en 2024 e 2025, moitos produtos manteñen incrementos significativos: a carne de vacún (+4,9% en 2024 e +17,5% en 2025), o peixe (+5,8% e +5,3%), a froita (+4,9% e +7,6%) ou os ovos (+16,9%)

En xeral, os petos da cidadanía sofren porque as subas teñen afectado a produtos de primeira necesidade, que todo o mundo independentemente dos seus recursos, ten que consumir. Hai que salientar o encarecemento dos alimentos, que en 2022 e 2023 subiron máis dun 11% cada ano. Os dous últimos anos a tendencia moderouse (+3,8% en 2024 e +1,6% en 2025), pero mantendo a suba acumulada. Ademais, hai produtos esenciais na cesta da compra que nestes dous últimos anos manteñen incrementos significativos: por exemplo a carne de vacún (+4,9% en 2024 e +17,5% en 2025), o peixe (+5,8% e +5,3%), a froita (+4,9% e +7,6%) ou os ovos (+16,9%).

O encarecemento na alimentación únese ao que rexistra a hostalaría e, ademais, aos efectos da crise da vivenda, con subas históricas tanto nos alugueiros, na compra de vivendas e nas cotas das novas hipotecas e nas existentes de tipo variable. Un mal momento, polo tanto, para unha nova crise de prezos.

Como se calcula o IPC? Mide de forma fiable o custo da vida?

O encarecemento na alimentación únese ao que rexistra a hostalaría e, ademais, aos efectos da crise da vivenda. Un mal momento, polo tanto, para unha nova crise de prezos

Reflite a actual suba do IPC este encarecemento do custo da vida, esta sensación crecente de que os cartos non chegan? A forma en que se calcula o Índice de Prezos ao Consumo vai mudando cada poucos anos, co obxectivo de que as medicións se axusten aos elementos que a sociedade consume máis en cada momento, para reflectir así de forma máis fiel a evolución real dos prezos. Uns produtos entran e outros saen da lista cuxos prezos son analizados e, igualmente, o peso que cada produto ten no total tamén é revisado. A partir de 2026 e durante os vindeiros anos, o IPC calcularase coa nova base 2025, que substitúe á anterior (2021) e incorpora a clasificación europea ECOICOP.

Billetes de varios valores CC-BY-SA NFT Car Girl / Unsplash

Así, a xeito de exemplo, na nova base de análise entran os aguacates, os arandos ou os refrescos de té, cuxos prezos anteriormente non se tiñan en conta, e desaparecen as gravatas, que cada vez se mercan menos. Entran tamén os custos dos servizos de reparto, que antes non aparecían, ou as autocaravanas, e tamén se incorporan un gran número de servizos culturais e de ocio, que antes non se tiñan en conta.

A partir de 2026 e durante os vindeiros anos, o IPC calcularase coa nova base 2025, que substitúe á anterior (2021)

Cambia tamén a ponderación de cada elemento e de cada grupo de gasto, en función da súa importancia no gasto total dos fogares. Neste senso, dado que cada vez se gasta menos en vestido e calzado, o custo destes elementos diminúe. E tamén se reduce o peso dos produtos de alimentación e bebidas. En cambio, aumenta de forma importante o peso dos restaurantes e servizos de aloxamento, atendendo a que cada vez se realiza máis gasto en comer fóra da casa, na hostalaría e no turismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.