O acordo anunciouse apenas hora e media antes da fin do ultimatum lanzado por Washington, que acepta negociar un tratado permanente de paz a partir da proposta de 10 puntos presentada por Teherán, que ve o entendemento como unha "humillante retirada" de Trump
Apenas hora e media antes de que expirase o ultimatum lanzado polos Estados Unidos -coa ameaza da destrución da "civilización" en Irán-, os gobernos de Washington e Teherán anunciaron coa mediación do primeiro ministro paquistaní, Shehbaz Sharif, un acordo para un cesamento do fogo de dúas semanas. Neste tempo, no que se levarán a cabo negociacións para un tratado de Paz (que comezarán oficialmente o 10 de abril), os EUA cesarán os seus ataques e bombardeos e, a cambio, Irán aceptará abrir o Estreito de Ormuz, clave para a estabilidade da economía mundial.
O acordo foi anunciado a través de senllas mensaxes a través das redes sociais, textos nos que se fai referencia ás propostas de acordo lanzadas polos Estados Unidos (un plan de 15 puntos) e Irán (unha proposta de dez puntos). Resulta significativo, neste caso, que na mensaxe publicada pola Casa Branca se destaque que a proposta iraniana é "unha base viable a partir da que traballar".
O “paso seguro” polo Estreito de Ormuz que Teherán garante deberá coordinarse coas autoridades iranianas, o que supón un recoñecemento da autoridade de Irán sobre este espazo
O presidente estadounidense Donald Trump salientou que o acordo temporal de cesamento do fogo é resultado de que os Estados Unidos “cumpriron e superaron todos os obxectivos militares” nos 40 días que dura a guerra iniciada polo país norteamericano. Ademais, presentou o entendemento como un acordo de "dobre vía" na que as dúas partes gañan.
Porén, cómpre salientar que o “paso seguro” polo Estreito de Ormuz que Teherán garante deberá coordinarse coas autoridades iranianas, o que supón un recoñecemento da autoridade de Irán sobre este espazo. O plan iraniano de paz contempla, de feito, un protocolo que consolidaría o seu control sobre o Estreito.
Semella que Irán só aceptará rematar o conflito e reabrir Ormuz se iso supón unha paz duradeira e nunhas mellores condicións que as existentes antes do inicio dos ataques estadounidenses
Irán insiste en que a tregua non supón a fin da guerra e que a súa continuidade dependerá de que os Estados Unidos acepten as condicións proposta por Teherán: "Irán só aceptará a fin do conflito cando, considerando a aceptación dos principios contemplados no plan de 10 puntos, se finalicen os detalles nas negociacións".
Entre os dez puntos incluídos na oferta iraniana figura non só o cesamento dos ataques de Estados Unidos e Israel contra Irán e tamén contra os seus aliados na rexión, como Hezbolá no Líbano; tamén se reclama a retirada de tropas estadounidenses de Oriente Medio e o levantamento de sancións económicas. E, ademais, que todo isto quede refrendado a través dunha resolución da ONU. Semella que Irán só aceptará rematar o conflito e reabrir Ormuz se iso supón unha paz duradeira e nunhas mellores condicións que as existentes antes do inicio dos ataques estadounidenses. A televisión do país presentou o acordo acadado esta noite como unha "humillante retirada" de Trump.
O cesamento do fogo non se aplicará no Líbano
Aínda que nun primeiro momento se apuntou que o cesamento temporal do fogo tamén atinxiría ao Líbano, onde Israel está a levar a cabo ataques contra as milicias de Hezbolá, semella que finalmente isto non será así. Tel Aviv, que afirmou só ter sido informado do acordo no último momento, afirma que cesará os seus bombardeos contra Irán, pero non non Líbano.
A nova do acordo acadado entre os Estados Unidos e o Irán foi recibida de inmediato con fortes movementos nos mercados internacionais, con descensos do petróleo e do gas e subas das bolsas
A nova do acordo acadado entre os Estados Unidos e o Irán foi recibida de inmediato con fortes movementos nos mercados internacionais, comezando polo do petróleo, cuxo prezo baixaba máis dun 13% a primeira hora desta mañá, situándose o barril de Brent por debaixo dos 100 dólares, e o do gas, con descensos do 19%. Pola súa banda, as bolsas responden con subas próximas ao 5% nos mercados europeos, algo inferiores no Ibex español (+3,8%).