De vitoria en vitoria ata a derrota en Irán

Donald Trump, este mércores na chegada dos cadáverese de seis soldados estadounidenses falecidos na Guerra de Irán iniciada por el CC-BY-SA The White House

A directora de Intelixencia Nacional dos Estados Unidos, Tulsi Gabbard, recoñeceu diante do Senado que o réxime iraniano «permanece intacto»

En menos de 48 horas, Israel confirmou a eliminación de tres membros de alto rango da cúpula de Teherán. Alí Larijani, arquitecto das negociacións nucleares do réxime durante dúas décadas, morreu nun ataque aéreo. Nun breve lapso caía o comandante das milicias Basij, Gholam Reza Soleimani, e pouco despois o ministro de Intelixencia Esmail Jatib, responsable do aparello de represión interna e das operacións de ciberespionaxe. Ao mesmo tempo, as forzas estadounidenses e israelís bombardearon South Pars, o maior xacemento de gas do mundo, na costa sur do Golfo Pérsico. E con todo, a directora de Intelixencia Nacional dos Estados Unidos, Tulsi Gabbard, recoñeceu diante do Senado que o réxime iraniano «permanece intacto», aínda que «moi debilitado» polos ataques á súa cúpula e capacidades militares.

Unha das explicacións desta resistencia atópase nunha dimensión que as análises tenden a subestimar: a ideoloxía do martirio como alicerce político da República Islámica. O shahid —o mártir que emula a Alí, figura fundacional do islam chiíta— non é un fenómeno puramente relixioso. Para os combatentes voluntarios das Basij, o sacrificio ofrece ao mesmo tempo gloria espiritual e prestixio familiar. O réxime fixou este ideal sobre o referente de Mohamad Husein Fahmideh, o adolescente de 13 anos que se inmolou baixo un tanque iraquí durante a guerra 1980-1988 e que Khomeini elevou a fito fundacional do martirio. Esta lóxica explica as mobilizacións masivas en Teherán durante o Día de Al-Quds, onde un cortexo de varios quilómetros percorreu a capital mentres os bombardeos non cesaban. Centos de milleiros saíron á rúa non a pesar da guerra, senón por causa dela. A agresión exterior non fragmenta a base social do réxime, senón que a galvaniza e cohesiona.

Unha das explicacións desta resistencia atópase nunha dimensión que as análises tenden a subestimar: a ideoloxía do martirio como alicerce político da República Islámica. A agresión exterior non fragmenta a base social do réxime, senón que a galvaniza e cohesiona

Esta distancia entre o que ocorre sobre o terreo e o relato oficial sitúase no centro dunha crise institucional que estala en Washington. Joe Kent, director do Centro Nacional Antiterrorista dos Estados Unidos (NCTC, nas siglas en inglés), presentou a súa dimisión irrevogable cun comunicado público no que afirmaba que «Irán non representaba ningunha ameaza inminente para a nosa nación» e que o conflito se iniciou pola «presión de Israel e o seu poderoso lobby estadounidense». Kent, veterano militar dos corpos especiais e ex axente da CIA, responsabilizou a Tel Aviv de arrastrar á Casa Branca a unha guerra que contradí a promesa de Trump de pór fin ás intervencións en Oriente Próximo. O presidente respondeu tachándoo de «débil en seguridade» e cualificando a súa marcha de «boa noticia».

Esta distancia entre o que ocorre sobre o terreo e o relato oficial sitúase no centro dunha crise institucional que estala en Washington. Joe Kent, director do Centro Nacional Antiterrorista dos Estados Unidos, presentou a súa dimisión irrevogable cun comunicado público no que afirmaba que «Irán non representaba ningunha ameaza inminente»

A comparecencia de Gabbard ante o Comité de Intelixencia da cámara alta afondou a contradición. A directora omitiu ler un parágrafo do seu discurso escrito no que afirmaba que o programa de enriquecemento de uranio iraniano fora «aniquilado» na denominada Operación Martelo de Medianoite, en xuño de 2025, e que desde entón o réxime non realizara ningún esforzo por reconstruír tal capacidade. O senador demócrata Mark Warner cuestionouna diante das cámaras, preguntando se a omisión se debía a que Trump defendera publicamente a existencia dunha ameaza inminente. Gabbard alegou falta de tempo. O fondo do asunto é de calado porque, se o programa nuclear estaba destruído desde 2025, a xustificación para dar comezo ás hostilidades o pasado 28 de febreiro perde calquera fundamento verídico.

Ao debate político en Washington engádese a dimensión enerxética do conflito. O bombardeo sobre South Pars representa un salto cualitativo na guerra. O complexo, situado en Asaluyeh, na costa sur do Golfo Pérsico, abastece o 70% do gas doméstico iraniano e comparte reserva submarina con Catar. As explosións provocaron un incendio de grandes dimensións e a paralización de dúas refinerías, e o impacto nos mercados foi inmediato. O barril Brent disparouse máis dun 5%, ata 108 dólares, e o subministro a Iraq quedou interrompido nun corte que afecta entre un terzo e o 40% da demanda do país, segundo un alto funcionario de Bagdad citado pola axencia Reuters. Doha declarou persona non grata aos agregados militar e seguridade iranianos da embaixada e deulles 24 horas para abandonar o territorio tralo ataque á refinería de Ras Laffan, a principal de gas natural licuado do emirato.

A situación revela o paradoxo central do conflito. Sucédense os bombardeos sobre obxectivos sensibles, membros de alto rango veñen de ser abatidos e a meirande reserva de gas do mundo está en chamas, pero o réxime dos aiatolás fica en pé, afirma a propia intelixencia estadounidense. O exército israelí declarou que non deterá as «eliminacións selectivas» e que ten plans operativos para as vindeiras semanas. Mais o que acontece en Teherán apunta cara outro camiño. Segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), máis de 7.000 civís resultaron mortos desde o inicio das hostilidades, e os multitudinarios funerais dos dirixentes caídos dan conta dun sistema que converte as baixas en mártires e a estes en cohesión social. Mentres Trump proclama con suficiencia vitoria tras vitoria, o réxime iraniano non está a ser derrotado. 

Donald Trump recibiu esta semana os gañadores do concurso nacional de rodeo CC-BY-SA The White House

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.