Dende o 28 de febreiro o litro de gasóleo agrícola encareceuse un 32%, máis aínda que o do Gasóleo A ou a Gasolina 95
A guerra de Irán, iniciada polos Estados Unidos e Israel o pasado 28 de febreiro, ten provocado fortes baixadas nas bolsas e importantes incrementos nos prezos do petróleo e do gas, incrementando case de inmediato o que os consumidores finais deben pagar polos combustibles de automoción, coma a gasolina 95 ou o gasóleo A, con subas que esta semana xa superan o 17% na gasolina e o 30% no gasoil.
Porén, aínda é maior a suba que nos últimos 18 días experimentou o prezo do gasóleo B, coñecido popularmente como gasóleo agrícola, pois é o máis empregado na maquinaria do campo. Mentres que o 28 de febreiro o litro adquiríase a un prezo medio de 1,2 euros en Galicia, na actualidade esta cifra xa se achega aos 1,6 euros, un ascenso do 32%. O prezo medio en Galicia sitúase seis céntimos por litro por riba da media española.
O prezo do gasóleo B sitúase xa preto do máximo acadado as semanas posteriores ao inicio da guerra de Ucraína (1,66 euros por litro) e o ritmo de encarecemento é moi semellante ao que se produciu nese momento.
O Sindicato Labrego Galego alerta da compoñente "especulativa" que se engade á suba dos prezos do petróleo
Produtores agrícolas e gandeiros, o mesmo que os sindicatos do sector, veñen alertando destas subas e esixindo das distintas administracións medidas que axuden a paliar este encarecemento, que se une ás subas que nos úlimos anos veñen experimentando outros custos de produción, coma os pensos, reducindo así a súa marxe de beneficios. Ademais, advirten doutro efecto derivado da guerra no Irán que tamén pode ter graves consecuencias para o sector nos vindeiros meses: o encarecemento dos fertilizantes. Preto do 30% do comercio mundial de fertilizantes nitroxenados pasa cada ano polo Estreito de Ormuz.
Un dos sindicatos que vén denunciando esta situación é o Sindicato Labrego Galego, que alertan da compoñente "especulativa" que se engade á suba dos prezos do petróleo. As persoas agricultoras que chaman para encargar o gasóleo agrícola encóntranse "con enormes diferenzas" e prezos que cambian "de hora en hora ou de lugar a lugar", sinalaba o sindicato hai uns días.
"Pedimos que nos novos contratos de leite que se renoven se teña en conta esta crise do gasóleo e o que supón e vai supoñer a suba dos custos nas granxas galegas"
O SLG denuncia que "as subas realizadas até este momento responden a unha anticipación especulativa por parte dos distribuidores, realizando esas subas sobre stocks comprados a baixo prezo que xa teñen nos almacéns".
En paralelo, denuncia o SLG, os produtores galegos están a sufrir xa un descenso na nova renovación de contratos no prezo ao que lles mercan o leite. "En vésperas de renovacións de contratos do leite, pedimos que nos novos contratos que se renoven se teña en conta esta crise do gasóleo e o que supón e vai supoñer a suba dos custos nas granxas galegas", di o sindicato.
Sobe tamén o prezo dos fertilizantes, coa xustificación de que o 30% do comercio mundial destes produtos pasa tamén polo Estreito de Ormuz
Sobre a suba dos fertilizantes, o SLG denuncia igualmente que unha parte do encarecemento non ten xustificación. "As importacións de fertilizantes nitroxenados proceden esencialmente de Marrocos, Arxelia, Exipto e Rusia e ningún destas orixes dependen do Estreito de Ormuz", explica o sindicato. "Estamos falando dunha ameaza para as persoas agricultoras e gandeiras", di o SLG, que pero ao final, alerta, estas subas taménb van repercutir no custo final da alimentación para as persoas consumidoras.
O SLG reclama a actuación da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, do Goberno do Estado e dos gobernos autonómicos, entre eles a Xunta "nun momento de crise excepcional coma esta". "Hai fondos financeiros e capital especulativo comprando contratos de futuros para obter ganancias millonarias", denuncia o sindicato, que lembra que "os carburantes e fertilizantes que se están a distribuír neste momento chegaron ao Estado español con contratos previos á guerra de Irán".
Pontón: Rueda debe deixar de "arrastrar os pés" e apoiar o sector
Ana Pontón demandou ao Goberno da Xunta axudas directas ao sector agrogandeiro para afrontar o aumento dos custos de combustibles, fertilizantes e alimentación animal
Este martes a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou ao Goberno da Xunta axudas directas ao sector agrogandeiro para afrontar o aumento dos custos de combustibles, fertilizantes e alimentación animal. Fíxoo dende Mazaricos, nunha visita a unha das granxas afectadas pola crise inflacionista consecuencia da guerra de Irán iniciada por Estados Unidos e Israel.
Pontón reclamou a Alfonso Rueda que deixe de “arrastrar os pés” e comece a tomar medidas para facer fronte á escalada de prezos que sofre un "sector estratéxico" para a economía de moitas comarcas. Galicia conta cun “enorme potencial” para producir alimentos e, porén, ten “un goberno que non está á altura e non está apoiando como debera ao sector”, denunciou a líder do BNG.
Dende a Granxa Pazos de Mazaricos, Pontón avogou tamén pola "estrita aplicación da lei de cadea alimentaria" para garantir un prezo xusto para que os produtores “non teñan que producir a perdas” e apostou igualmente por que non entre en vigor "un acordo con Mercosur que vai afectar a unha parte do sector galego".
Tamén portavoz de Industrias Alimentarias do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, acusa á Xunta de ter o sector gandeiro "abandonado fronte á baixada que se prevé no prezo do leite e o aumento de custos pola guerra". Un escenario que, advirte, anticipa unha baixada “drástica” na marxe de beneficios que fará que pechen aínda máis explotacións gandeiras. “Malia o escenario que se aveciña, a Consellería de Medio Rural segue en posición de espectadora e non actúa con responsabilidade para defender o sector”, critica.