Os carburantes soben xa ata un 25% en Galicia dende o inicio da guerra

Evolución do prezo dos carburantes en Galicia dende o inicio da guerra e prezos da Gasolina 95 o 12 de marzo en cada estación de servizo © Montaxe: Praza.gal

Dende o inicio dos ataques de Estados Unidos e Israel contra Irán o pasado 28 de febreiro, hai case dúas semanas, o prezo da Gasolina 95 elevouse máis dun 13% en Galicia, chegando xa aos 1,70 euros de media, e o do Gasóleo A fíxoo en máis dun 25%, ata case o 1,85 euros

O petróleo non deixa de subir. Este xoves unha nova escalada nos ataques cruzados no Golfo Pérsico e no Estreito de Ormuz elevou o prezo do petróleo Brent ata o nivel simbólico dos 100 dólares por barril. Nin sequera os anuncios da liberación das reservas de cru por parte da Axencia Internacional da Enerxía e do propio goberno estadounidense foi quen de impedir as subas no custo da materia prima que, de inmediato, se trasladan ao prezo final das gasolinas nas estacións de servizo.

Dende o inicio dos ataques de Estados Unidos e Israel contra Irán o pasado 28 de febreiro, hai case dúas semanas, o prezo da Gasolina 95 elevouse máis dun 13% en Galicia, chegando xa aos 1,70 euros de media, e o do Gasóleo A fíxoo en máis dun 25%, ata case o 1,85 euros. O encarecemento do Brent fai prever novas subas nos próximos días nos prezos que cobran as estacións de servizo.

Este xoves 12 de marzo a diferenza entre a gasolineira máis cara e a máis barata de Galicia superaba xa os 40 céntimos por litro na Gasolina 95 e os 54 céntimos por litro no Gasóleo A

Unhas estacións de servizo nas que se rexistran importantes difenzas de prezo entre unhas e outras, ás veces separadas por poucos quilómetros de distancia. Este xoves 12 de marzo a diferenza entre a gasolineira máis cara e a máis barata de Galicia superaba xa os 40 céntimos por litro na Gasolina 95 e os 54 céntimos por litro no Gasóleo A.   

Son numerosas as voces, especialmente dende o sector do transporte, pero tamén dende partidos políticos, que lle reclaman ao Goberno do Estado que aplique xa medidas de subvención nos carburantes que leven a unha redución dos prezos pagados polos consumidores finais. En 2022, cando a guerra de Ucraína elevou os prezos dos carburantes moi por riba do nivel actual (a Gasolina 95 chegou a rozar os 2,16 euros de media), o Executivo aprobou unha subvención de vinte céntimos por litro que estivo vixente varios meses.

Os prezos en Galicia móvense de forma moi parella aos do conxunto do Estado

Os prezos en Galicia móvense de forma moi parella aos do conxunto do Estado. O prezo medio do litro de Gasolina 95 (1,688 euros) sitúase un céntimo por riba da media española (1,679), que baixa polos datos de Canarias, moi inferiores. A media de Península e Baleares (1,698) é superior á galega De igual xeito, o prezo do litro de Gasóleo A (1,838 euros) é tres céntimos superior á media española, pero só un céntimo superior ao dato sen Canarias (1,825).

Galicia é, de feito, a cuarta comunidade autónoma con prezos máis baratos para a Gasolina 95 (só detrás de Canarias, Comunidade Valenciana e Murcia).

Dende o 28 de febreiro a suba experimentada polos prezos en Galicia (+12,8% na Gasolina 95 e +25,5% no Gasóleo A) tamén se sitúa preto a media española (+13,5% e +25,4%)

As estacións de servizo nas que este xoves había que pagar menos por un litro de Gasolina 95 estaban ambas en Vilagarcía de Arousa (1,519 euros por litro)

Hai, iso si, importantísimas diferenzas de prezo entre unhas e outras gasolineiras. As estacións de servizo nas que este xoves había que pagar menos por un litro de Gasolina 95 estaban ambas en Vilagarcía de Arousa (1,519 euros por litro). Seguían na lista instalacións en Nigrán (tres), Barbadás, Santiago de Compostela (catro), Lalín (dúas), Ourense (dúas), Silleda, San Cibrao das Viñas, Caldas de Reis e Ferrol, todas por debaixo de 1,59 euros por litro.

En cambio, os prezos superaban xa os 1,9 euros por litro en dúas estacións do Porriño e Cartelle e rozaban ese nivel en Taboada, Mos ou San Cibrao.

No Gasóleo A nos prezos máis baratos (1,609 euros por litro) atopánse en Nigrán 

O mesmo sucede co Gasóleo A, cos prezos máis baratos (1,609 euros por litro) en Nigrán e menos de 1,65 euros noutras dúas estacións de servizo en Nigrán, e noutras de Lalín, Silleda e Ferrol.

Pola contra, os prezos elévanse máis de cincuenta céntimos (ata os 2,151 euros) para adquirir o mesmo litro de gasoil nun establecemento de Barreiros. En Ames, Taboada, Salvaterra de Miño, Ortigueira, Betanzos Val do Dubra e Narón había tamén este xoves outras estacións de servizo co Gasóleo A a máis de dous euros por litro.

O SLG denuncia "prezos especulativos" do gasóleo agrícola e pide a intervención da Xunta

O Sindicato Labrego Galego reclamou a "intervención urxente" da Xunta pola "especulación" nos prezos do gasóleo agrícola e en xeral do combustible en Galicia

Este mércores o Sindicato Labrego Galego reclamou a "intervención urxente" da Xunta pola "especulación" nos prezos do gasóleo agrícola e en xeral do combustible en Galicia. O SLG sinala que "as persoas agricultoras que chamaron onte para encargar o gasóleo agrícola encontráronse con enormes diferenzas, que cambiaban de hora en hora ou de lugar a lugar".

Así mesmo, o sindicato remitía á denuncia presentada pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras do Estado Español (COAG), dunha suba dende os 0,85 euros/litro ata 1,20 euros/litro en sete días, un 41%. "As subas realizadas até este momento responden a unha anticipación especulativa por parte dos distribuidores, realizando esas subas sobre stocks comprados a baixo prezo que xa teñen nos almacéns", sinala o SLG.

Ademais, o SLG alerta de que os prezos dos fertilizantes están incrementándose tamén día a día, polo efecto da suba, por exemplo, do 20% da urea e do 45% do prezo do gas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.