A suba do gasóleo rolda o 20% nunha semana e o litro de gasolina encareceu uns quince céntimos na media das estacións de servizo galegas
Cando xa pasou unha semana dende o inicio dos ataques dos Estados Unidos e Israel contra Irán, a convulsión internacional é xa un feito e a porta aberta a a outra crise enerxética, outro. A dependencia dos combustibles fósiles provoca e o funcionamento dos mercados en que se conforman os seus prezos provocan que a axitación do taboleiro internacional repercuta practicamente de inmediato nos petos da cidadanía e das empresas tamén en Galicia, onde o custo do gasóleo abeira xa os 1,80 euros o litro.
Os datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxica evidencian como, de media, o gasóleo A pechou este pasado domingo, día 8, nesa contorna dos 1,80 euros na media de todas as estacións de servizo de Galicia. O indicador situouse, concretamente, en 1,76 euros, trinta céntimos máis por litro que en vésperas do inicio da guerra de Trump e Netanyahu. Unha suba do 20% en pouco máis dunha semana.
No caso da gasolina o incremento non é tan pronunciado, pero si igualmente significativo. O litro deste combustible está no noso país arredor dos 1,64 euros, segundo a mesma fonte oficial. Antes de comezar os bombardeos sobre Irán roldaba os 1,50. O incremento está na contorna dos 15 céntimos o litro e agora págase, de media, practicamente un 10% máis caro.
A cotización do petróleo segue á alza, na contorna dos 108 dólares por barril: antes do inicio dos ataques de Trump e Netanyahu roldaba os 70
Desta maneira, o exemplo habitual dun vehículo cun depósito duns cincuenta litros de gasóleo dá lugar a un encarecemento duns 15 euros, ata os 88. Para a gasolina, a suba sería duns oito euros, ata arredor dos 82 euros para encher un depósito con 50 litros.
A cotización do petróleo nos mercados internacionais convida a pensar que esta escalada está lonxe de se deter. O barril de petróleo Brent -o de referencia en Europa- cotizaba este domingo a 108 dólares e a media mañá deste luns roldaba os 105 euros. Nos días previos a que EUA e Israel comezasen a bombardear Irán estaba arredor dos 70 euros o barril.
Esta alza lembra, inevitablemente, á iniciada tras a invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022. Daquela a cotización do petróleo partía duns 80 dólares o barril a comezos de ano e no inicio de marzo, hai agora catro anos, situouse en torno aos 120 dólares.
A tradución nas gasolineiras daqueles prezos disparados nos mercados internacionais do petróleo significara que tanto gasolina coma gasoil custaran, de media, máis de dous euros o litro en Galicia. Ese fora o contexto no que o Goberno de España activara medidas como a subvención de vinte céntimos por litro de combustible para o conxunto da poboación e, en paralelo, outras medidas como abonos gratuítos nos trens de Renfe ou novos impostos a empresas enerxéticas e bancos.
Na súa intervención do pasado martes para evidenciar a súa negativa a colaborar cos EUA nos ataques a Irán, o propio Pedro Sánchez avanzou xa a súa intención de lanzar "medidas económicas" para paliar a crise de prezos que traia consigo o que xa ve como "posible" que sexa unha "guerra longa". No mesmo sentido, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, avanzaba este pasado xoves que o seu departamento xa contempla ter que reactivar o "escudo social" no ámbito laboral.