O presidente deixa no aire apoiar unha declaración institucional con BNG e PSdeG porque "non á guerra dicímolo todos" e nega que o PP faga "seguidismo" de Trump
BNG e PSdeG queren que o Parlamento de Galicia faga unha declaración institucional contra a guerra de Irán, pero o presidente da Xunta e do PPdeG deixou este luns no aire o seu apoio. Alfonso Rueda asegura que "non á guerra dicímolo todos", pero atribúe ese pronunciamento a intereses políticos fronte aos que pide ter en conta "alianzas" e "repercusións".
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Rueda asegurou que "ninguén quere a guerra, pola xente que morre" ou polas "repercusións económicas". Pero rexeitou atribuír culpas. "A min non me vale sacralizar unha parte, dicir que unha parte é boa e outra parte é mala, creo que as dúas partes teñen moitas cousas malas", dixo o presidente, insinuando que os eloxios de Irán ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, sitúan a este como un apoio do réxime ditatorial opresor das mulleres.
Rueda non condena o ataque militar a Irán pero ante as declaracións de Trump contra España di que "non ten ningún dereito a ameazar a un país soberano"
Rueda tamén negou que o seu partido faga "seguidismo" de Donald Trump. "Cando Trump ameazou España", dixo Rueda, "non me gustou nada, non ten ningún dereito a ameazar un país soberano, hai moitas partes de Trump que non me gustan".
Pero o popular rexeitou, no outro extremo, apoiar a Sánchez, do que considera que o seu "non á guerra" é un simple "slogan" sen contido.