Besteiro procura unha declaración unánime de "non á guerra" no Parlamento

Un avión de guerra dos EUA participante no ataque a Irán, nunha imaxe divulgada polo Exército estadounidense o 4 de marzo de 2026 © U.S. Central Command

O secretario xeral do PSdeG propón unha declaración institucional que reclama "o cesamento das hostilidades" tras o ataque dos EUA e Israel a Irán e defende a posición do Goberno de España ao respecto

O pasado setembro a presión política e social contra o xenocidio israelí en Gaza logrou mover a posición mesmo ao PP de Galicia. Tras diversas resistencias previas deu en secundar un minuto de silencio ao respecto promovido polo PSdeG no Parlamento, se ben silenciando -mesmo nas posteriores actas oficiais- a palabra "xenocidio".

Todo apunta a que o ataque dos Estados Unidos e Israel a Irán vai dar lugar a unha situación política semellante no Parlamento. Polas primeiras posicións ao respecto tras o inicio da operación e a negativa do Goberno de España a colaborar nela e tamén pola declaración unánime de "non á guerra" que vén de promover o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, nunha comparecencia recente ante a prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Este venres Besteiro achegou aos restantes grupos da Cámara (PP, BNG e o deputado de DO) unha proposta de declaración institucional, figura que require unanimidade para saír adiante, "en defensa da paz, do dereito internacional e contra a guerra". Procura, di, que "o Parlamento fixe unha posición clara ante un conflito que pode ter repercusións globais".

A declaración reclama "respecto ao dereito internacional", expresa "solidariedade coas vítimas civís" e tamén apoia o envío dunha fragata a Chipre "para contribuír á defensa e á estabilidade da zona"

O texto, detalla o PSdeG, pide "reafirmar o principio democrático de non á guerra" e, a partir de aí, esgrime varios puntos concretos. Tales como "reclamar aos Estados Unidos, Israel e Irán o cesamento inmediato das hostilidades antes de que o conflito acade dimensións máis graves", "repudiar o réxime de Irán" como "responsable da represión e da vulneración dos dereitos fundamentais da cidadanía, especialmente das mulleres" ou "defender que a única saída posible debe ser diplomática" no marco do "respecto ao dereito internacional".

A proposta de declaración expresa, asemade, a "solidariedade do pobo galego coas vítimas civís" da guerra, "apoiar a posición do Goberno de España" ao respecto e tamén "o envío dunha fragata a Chipre para contribuír á defensa e estabilidade da zona". Como conclusión, o texto indica que "Galicia sempre foi unha terra que apostou pola convivencia" e que "a paz non é unha idea abstracta, senón unha responsabilidade política e moral que interpela toda a sociedade".

Pleno do Parlamento o pasado 25 de febreiro © Parlamento de Galicia

No caso de non obter a unanimidade, o PSdeG ten a posibilidade de trasladar a mesma declaración a outra figura como a proposición non de lei, que se sometería a debate e votación no pleno ou nunha comisión. Por esta vía optou xa o BNG, que este pasado xoves confirmaba o rexistro dunha iniciativa para condenar esta "guerra absolutamente ilegal" como "agresión militar inxustificada e contraria ao dereito internacional que pon en risco a vida da poboación civil e supón unha ameaza á seguridade internacional". No seu texto a formación soberanista defende "a fin definitiva da presenza militar norteamericana en territorio español" e rexeita o envío da devandita fragata a Chipre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.