O presidente asegura que o seu executivo "traballa coa posibilidade" de que a de Irán sexa unha guerra longa" e prepara "medidas económicas"
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, realizou unha comparecencia televisiva institucional na mañá deste martes para reiterar que a posición do seu executivo ante a guerra en Irán é "a mesma que en Ucraína e Gaza" e que se resume en "Non á guerra". Un lema retomado do que mobilizou a sociedade española ante a guerra de Iraq de hai 23 anos, que o propio Sánchez lembrou como "regalo do trío dos Azores", en referencia aos daquela presidentes de España, Estados Unidos e Reino Unido, José María Aznar, George W. Bush e Tony Blair.
Sánchez comezou a súa intervención relatando que o actual conflito comezou cando Estados Unidos e Israel "atacaron Irán, que á súa vez respondeu bombardeando nove países da rexión e unha base británica situada nun estado europeo, Chipre". Ante esta situación, o presidente amosou "a solidariedade do pobo español cos países atacados ilegalmente por Irán". Posteriormente engadiría que "a pregunta non é se estamos ou non a favor dos aiatolás", xa que "ninguén o está" en España. Pero pediu ao presidente estadounidense, Donal Trump, "que pare", xa que "non se pode responder a unha ilegalidade con outra".
Nesa liña, o Sánchez enumerou varias posturas do seu goberno. "Non á quebra do dereito internacional", "non a asumir que o mundo só pode resolver os seus problemas a base de conflitos e bombas" e "non a repetir os erros do pasado". "A posición do Goberno de España resúmese en 'non á guerra'", sentenciou, lembrando que "hai 23 anos Estados Unidos arrastrounos a outra guerra" pola suposta existencia de armas de destrución masiva en Iraq.
Un conflito que para Sánchez provocou "a maior vaga de inseguridade no noso continente" cun "grave incremento do terrorismo", o aumento das migracións no mediterráneo e o aumento do prezo dos carburantes. Uns problemas que presentou como "regalo do trío dos Azores".
Sánchez di traballar "coa posibilidade de que sexa unha guerra longa", para o que estuda formas de "traer a casa" a cidadanía española atrapada na zona e "medidas económicas" que non concretou para responder á crise que poida xerar a situación. "España conta cos recurso necesarios", asegurou.