Os nacionalistas ven "unha broma de mal gusto" que o PP "só dispoña 6,2 millóns para apoiar aos fogares vulnerables" e propoñen un plan de 700 millóns
O BNG criticou este xoves as prioridades de gasto da Xunta logo de aprobar o luns un plan de axudas para paliar os efectos da guerra de Irán con 157 millóns de euros. Os nacionalistas lamentan que fronte a ese gasto o Goberno galego aprobou hai uns meses outro plan para axudar á industria militar con 183 millóns de euros co obxectivo de que acaben mobilizando un total de 900 millóns.
Foi o portavoz de Economía e Industria do BNG, Brais Ruanova, quen denunciou "as cantidades ridículas que o Goberno de Rueda destina ao plan de axudas" para paliar os efectos da guerra en Oriente Próximo, "tan só 157 millóns de euros que contrastan cos 900 millóns de euros que a Xunta quere mobilizar para a industria militar a partir dun investimento de 183 millóns, tal e como se recolle na Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030".
Ruanova considera "especialmente dramática" a contía que o Executivo do PP contempla no plan para axudar ás familias e ás clases sociais máis vulnerábeis, apenas 6,2 millóns de euros que contrapón "cos 105 (17 veces máis) que destina a protección social o Goberno de Euskadi dentro do seu paquete de medidas para paliar os efectos do conflito bélico". "Parece unha broma de mal gusto", asegura o deputado nacionalista, sinalando que a escasa dotación orzamentaria para protección social no plan da Xunta aínda adquire maior gravidade se se compara cos cinco millóns de euros que o PP pretende inxectar na promoción turística de Galicia como "destino de tranquilidade" a través dese paquete de axudas pola guerra.
No caso de sectores "tan estratéxicos" na economía galega como o mar e o agro o BNG critica que "o Goberno de Rueda destina apenas 45 millóns" e, no caso do sector do mar, "as subvencións da Xunta sexan exclusivamente para modernización de infraestruturas portuarias, lonxas e cadeas de frío e para proxectos que incrementen o valor engadido do produto". O mesmo sucede, engade, co sector agrogandeiro, con axudas para "agricultura de precisión" ou "compra de maquinaria cando un dos grandes problemas que afrontan agora estes sectores é a factura dos combustíbeis e derivados".
"Esixímoslle á Xunta que rectifique e cambie de rumbo", di Rúanova Vilas-Boas, que empraza a "copiar" as propostas do "plan elaborado polo goberno alternativo do BNG para afrontar as consecuencias da guerra", un plan que cifra en 700 millóns de euros e "inclúe, entre outras medidas, a posta en marcha dun escudo social para protexer ás persoas fronte á subida de prezos derivada da escalada bélica" con "medidas como duplicar o complemento autonómico para as pensións non contributivas, un bono social de transporte de 30 euros/mes, reforzo extraordinario das prestacións de emerxencia social nos servizos municipais ou garantir a protección fronte aos desafiuzamentos sen alternativa habitacional e limitar, en coordinación co Goberno do Estado, o incremento en alugueiros e hipotecas".