Préstamos a empresas que comercian con Oriente Medio protagonizan o plan da Xunta pola guerra

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este 30 de marzo en San Caetan CC-BY-SA Mónica Arcay Carro / Xunta

O Goberno galego aproba "reordenar liñas" de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica nun plan que cifra en 157 millóns con axudas económicas a agro e pesca ou achegas para eficiencia enerxética das que non especifica se xa estaban previstas ou son fondos novos

O Consello da Xunta aprobou este 30 de marzo o presentado como "plan de medidas" con "actuacións directas da Xunta" para paliar os efectos económicos do ataque dos Estados Unidos e Israel contra Irán e complementar o escudo social aprobado hai dez días polo Goberno de España. Os préstamos a empresas que comercian con Oriente Meido serán, atendendo ao avanzado polo presidente Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, os protagonistas do plan.

Á espera da concreción definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG), presidente e conselleiro trazaron tras a xuntanza semanal do Goberno un bosquexo de axudas que cifran en 157 millóns de euros dos que 62, sinala Corgos, proceden de "reordenar liñas de préstamos" do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para, especifica Rueda, "garantir liquidez" ás "empresas que máis interactúan con esa zona" e facelo asemade di o conselleiro, con trámites acelerados.

Barcos pesqueiros no porto de Burela, nunha imaxe de arquivo © Turismo / Deputación de Lugo

A segunda partida máis cuantiosa das citadas polo conselleiro de Facenda, de 39,2 millóns, refírese a actuacións de "eficiencia enerxética". Nela o goberno galego inclúe dende axudas a rehabilitación de vivendas a outras como as dirixidas ao sector hostaleiro, así como contratos nesta materia en edificios da propia Xunta e instalacións como estacións de autobuses. Na suma inclúe tamén medidas para promover o autoconsumo enerxético en polígonos industrais e constitución de comunidades enerxéticas. O Executivo non detalla, cando menos inicialmente, cantas destas actuacións estaban xa previstas antes do inicio dos ataques a Irán. 

Canda 25 millóns do sector pesqueiro e 19 do agrario Facenda sinala outros 5 para "aproveitar a oportunidade que este conflito xera" e "atraer máis turistas"

Na mesma liña, Facenda tampouco especifica se os 25,5 millóns que anuncian para o sector pesqueiro ou os 19,4 para o agrario son íntegra ou parcialmente partidas novas ou xa previstas. No caso da pesca, sinalan Rueda e Corgos, o destino dos cartos son renovacións de infraestruturas en portos ea xudas á transformación e comercialización, así como á modernización tecnolóxicas. No agro destacan axudas para a renovación de maquinaria, "agricultura de precisión" e unha "estratexia de promoción agroalimentaria".

A Xunta inclúe tamén como axudas aos sectores afectados pola guerra unha partida de 5 millóns de euros para o sector turístico. Destinaranse, di o conselleiro, a promoción turística para "aproveitar a oportunidade que este conflito xera" e "atraer máis turistas" que inicialmente puidesen ter previsto viaxar a zonas máis directamente afectadas pola guerra.

Un autobús escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

No "apoio a familias" a Xunta cita unha "axilización" no pagamento de subsidios existentes como a Risga e unha nova compensación ás empresas de buses con contratos de transporte escolar

A presentación realizada tras o Consello da Xunta inclúe tamén unha partida de 6,2 millóns de euros titulada como "apoio ás familias". Nela o Goberno inclúe "moratorias e aprazamentos en casos xustificados" do alugueiro en vivendas públicas da Xunta "en fogares con especial vulnerabilidade" e, alén disto, di, a Consellería de Política Social vai "axilizar" o pagamento de axudas xa existentes como a Risga ou o bono social térmico que financia o Goberno de España.

Na suma de "axudas ás familias" a Xunta inclúe tamén unha nova compensación a empresas de autobuses, concretamente ás titulares de contratos de transporte escolar. Trátase, como en anteriores ocasións, de inxeccións adicionais para compensar as contratistas pola suba do combustible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.